Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a una lectora (IV)

lunes, 15 de marzo de 2021
Fran Alonso escribiu no 2018, en verso. Comezaba "Se queres que os demais che digan o que tes que facer, non leas", e tampouco se non queres que che digan o que tes que pensar; se non queres que a publicidades che diga o que tes que mercar, se non queres vivir coma un robot programado por outros… non leas, porque a lectura é incómoda, revólveche a cabeza, ponte contra as cordas. Porque a lectura é rebelión.

Unha mensaxe moi clara e contundente, con frases potentes nas que ninguén se pode levar a engano. Pertence a esa poesía que o di todo e o di ben, que non busca a elipse senón o golpe directo ao peito e ao cerebro, busca espertar conciencias e desenmascarar a alienación. Ademais, ao final, é redonda: se non queres rebelarte, non leas. Desa maneira poderás facer o que che mandan, pensar o que che digan, consumir o que a publicidade che suxira, vivirás programado por un mando a distancia… Do contrario, se les, terás que pensar pola túa conta, facer o que determines porque serás consciente da responsabilidade dos teus actos (tamén cando fas o que outros che mandan)…

Ler é pensar, tomar man da propia vida e do destino, responsabilizarte como cidadán de cada decisión e as súas repercusións sobre a sociedade e o planeta. Ler faite independente, defendéndote de consignas e lemas, de publicidade e propaganda, porque a lectura é unha maneira de estar no mundo.

Paco Martín escribiu a mensaxe para o marcapáxinas do ano 2014. Para el, a lectura é o código secreto que permite o acceso á sala de mandos da nave espacial, a escada de corda e táboas coa que abordar o bergantín para sucar mares ignotos na busca do tesouro, a estribeira na que apoiarse para cabalgar o alazán que te leva a horizontes promisorios, a fiestra ao ar vivificador que franquea os saberes, o pensamento diverso, a imaxinación, a descuberta de novos mundos, o espello do propio ser… A lectura lévate a todos os mundos representados nos xéneros (aventuras, piratas, ciencia ficción, vaqueiros…) pero tamén á ciencia; en resumo, o libro fai que descubras novos mundos e te internes no propio, que te coñezas a ti mesmo, a ti mesma, porque te atopas nas liñas e entre elas, no pensamento que te asalta cando pechas o libro, no que vas seguir lembrando, porque, quen non se estremeceu cada vez que lembra este comezo?:
"Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el coronel Aureliano Buendía había de recordar aquella tarde remota en que su padre lo llevó a conocer el hielo. Macondo era entonces una aldea de 20 casas de barro y caña brava construidas a la orilla de un río de aguas diáfanas que se precipitaban por un lecho de piedras pulidas, blancas y enormes como huevos prehistóricos. El mundo era tan reciente, que muchas cosas carecían de nombre, y para mencionarlas había que señalarlas con el dedo"

E aí quedou, para volver unha e outra vez, e levarche a Macondo, o universo onde a soedade dura cen anos e a poesía se funde coa vida.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES