Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os dous mundos

viernes, 12 de marzo de 2021
Hoxe traio aquí algunhas ideas do fundador e presidente da Asociación Estudios de Axiología, gran estudoso da Lóxica Matemática e excelente analista dos Valores Humanos, D. José María Méndez. Foi inspector de Finanzas do Estado, e traballou nas Aduanas de Vigo e Barajas. Envioume, a través dun amigo común, dous libriños moi interesantes, que espero ter ocasión de ocuparme deles.

Lembremos que Xavier Zubiri define o home/a muller, como unha realidade persoal, corporalmente psíquica e psiquicamente corpórea, que como tal realidade constitúe un sistema aberto, integrado por dous subsistemas, o corpo e a psique. Pois ben; pola súa parte, o mencionado axiólogo parte da capacidade que ten o home para AFIRMAR E NEGAR, considerando a liberdade que posúe para facelo, e pasa isto ao primeiro operador lóxico que, como AFIRMADOR–NEGADOR, facilita a división do mundo en dúas metades: O MUNDO DA NATUREZA CAUSAL E O DOS VALORES E DA LIBERDADE. E aquí na Terra, o primeiro mundo comprende todo o Universo, excepto a mente humana, no que as mesmas causas producen sempre os mesmos efectos. Dinos tamén que o segundo mundo formámolo os humanos, pero non como animais, que pertencemos ao natural, "senón como posuidores do cálculo lóxico, como persoas que pensan e comunican o seu pensamento mediante a linguaxe". Así define a persoa humana como "ENTE QUE POSÚE O AFIRMADOR – NEGADOR".

De todo isto dedúcense importantísimas consecuencias, aínda que semelle ser moi sinxelo. Esta é a razón que me levou a contrastalo coa definición de Zubiri, máis integradora no "sustantivo" (termo zubiriano, a diferenza do substancial); pero seguramente máis confusas na praxe social da persoa, aquí remitida ao mundo dos valores e da liberdade, sobre todo analizando ata que punto a actividade económica queda afectada polos dous mundos. Paso, pois, a expoñer, da man de D. José María, algunhas deducións, que el non dubida en xulgalas decisivamente apropiadas e correctas, explicando a analoxía cos termos informáticos HARDWARE y SOFTWARE.

Na natureza reina a CAUSALIDADE: Como dicía máis arriba, as mesmas causas producen sempre os mesmos efectos nas mesmas circunstancias, e fíxense, aquí non hai liberdade para dicir SI OU NON cos correspondentes resultados. Polo tanto, non procede a utilización do afirmador–negador da lóxica, e, consecuentemente, pensa o axiólogo, "trazar unha tallante fronteira entre o mundo da natureza causal e o mundo da liberdade–valores é decisivo para dirimir entre liberalismo e socialismo", tendo en conta que esta fronteira debería de garantir a maior liberdade posible aos mercados, mediante as proteccións gobernamentais: Todo un torniquete a aplicar aos apaixonados reducionismos que reinan nas ideoloxías políticas.

No mundo dos valores operan os axentes libres, porque só ten sentido a realización daqueles libremente e por propia iniciativa destes, que buscan os medios apropiados para acadalos como fins das respectivas condutas. Os axentes posúen liberdade positiva, non negativa. Velaquí algo digno de recordar: a liberdade á que se refiren os políticos en xeral é a negativa, evitar obstáculos, case que se deixe facer o que se queira, se rende apoios electorais, e así lúcenos o pelo; pero a importante é a positiva, que consiste na capacidade de utilizar o afirmador–negador, de facer o ben ou o mal, de dicir a verdade ou a falsidade. Sostén o axiólogo que a liberdade positiva é un todo ou nada, non admite graos. O que se fai en liberdade positiva é para ben ou para mal. Hai unha libre elección; pero non implica o acerto da mesma. "A liberdade negativa é un abanico de accións posibles e abertas para a liberdade positiva. O abanico pode estar máis ou menos aberto ou cerrado. A liberdade negativa admite graos". Quere dicirse que a podo ter para unhas cousas e serme negada para outras. Da positiva dispoño sempre.

O gran problema para o home é que pertence aos dous mundos, e se se conceptúa integrado por eles, como no caso de Zubiri, talvez teñamos que considerarnos híbridos. Na actividade económica, deixando a maior liberdade posible, obtense o máximo na produtividade, porque a interferencia na mesma redúcea, e isto leva consigo que o pastel a repartir é máis pequeno. Algo que afirma o axiólogo, ao respecto – e que debe quedar bastante claro – é que o caos do mercado é aparente, posto que por debaixo del hai unha orde e un equilibrio, que coñecen moi ben os economistas como EQUILIBRIO DE WALRAS–APARETO, expresado en cada caso polas correspondentes ecuacións matemáticas, xa que hai tantos mercados como bens, en competencia. Desgraciadamente no se pode entrar nunha temática tan complexa sen os correspondentes coñecementos matemáticos, que non posúo.

Non obstante, non pode deixarse que as leis económicas actúen libremente aquí no mundo sen valores, polo que non cabe esperar que haxa necesariamente xustiza, que debe buscarse no mundo dos valores e da liberdade positiva. Comprendamos, pois, que a mestura de ambos mundos leva consigo todo tipo de confrontacións sociais. Para a mellor comprensión ofrécenos D. José María o caso exemplar do SALARIO XUSTO, xa que o SALARIO está no mundo da natureza, e pode ser inxusto; e o XUSTO no dos valores, onde hai que acadalo, aínda que "non todas as diferenzas do mundo da natureza causal teñen remedio no superior da liberdade e dos valores".

Polo tanto, é preciso reflexionar que as inxustizas derivadas do mundo da natureza hai que corrixilas no mundo dos valores e da liberdade positiva. E sobre todo tendo moi en conta o que D. Hume designou como FALACIA NATURALISTA, que en Ética veta que o DEBER SER (O VALOR) non poda deducirse do SER. Polo tanto, do que fai a xente de feito, por moitos que sexan, non se infire que SE DEBA FACER. Velaquí porque no home non pode entenderse a liberdade como algo absoluto: O FEITO DE SER LIBRES NON IMPLICA QUE A LIBERDADE SEXA UN VALOR INTRÍNSECO QUE DEBA INCONDICIONALMENTE SER, como afirma o axiólogo. E con isto quere dicirse que o valor, O DEBER SER, xa que non está no mundo natural, non pode derivarse del.

Soe afirmarse que a liberdade é un valor fundamental. Pois D. José María non o considera así, e dá as súas razóns. Exprésoo nos seguintes termos, que eu paso ao galego: "A liberdade non é un valor, senón o ente encargado de realizar os valores. A liberdade ten de fronte aos valores". A liberdade positiva constitúenos en persoas, e ten diante unha serie de valores a realizar como fins. El obxectiva os valores, argumentando que a conciencia moral non inventa os valores –fins, senón que os descobre. Somos libres, pero non para optar CON ARBITRARIEDADE entre o ben e o mal, como xa expresaron os clásicos: BONUM EST FACIENDUM, MALUM VITANDUM. Hai que facer o ben, evitando o mal.

Agora xa se pode aquí entender a función propia da liberdade negativa, que a ten situada entre os fins e os medios, xa que somos libres en sentido negativo (sen atrancos) para elixir os medios máis adecuados co obxectivo da realización dos valores–fins, o que non admite elección, limitada só aos medios. Nesta formulación axiolóxica, con fundamento na lóxica formal, pártese de que a liberdade non é independente dos valores; pero, por suposto, tampouco é un valor, aínda que non se conciba sen os valores–fins.

Sen dúbida, admitindo o exposto, e profundando máis en todo isto, os partidos políticos tal vez se verían obrigados a evitar as frecuentes confusións entre censurar doutrinas e censurar condutas, porque dirixen os dardos das súas críticas, parlamentarias e extraparlamentarias, as condutas tan teimosamente que acaban evidenciando a insuficiencia de razóns para as análises doutrinais, e cando as fan adoitan caer en espantosas superficialidades.

Eu diría que están obcecados coas liberdades negativas, e caen na contradición de causar que as persoas, cidadáns, se encontren con dificultades para o exercicio da súa liberdade positiva no caso da elección de medios que non conducen aos valores que eles comparten, que é unha maneira de impoñer o DEBER SER dende o mundo natural, dende o SER , obrigando a natureza a ser xusta, sen pararse a considerar que a XUSTIZA E A IGUALDADE SÓ TEÑEN SENTIDO NO MUNDO SUPERIOR DOS VALORES.

Máis aínda, as diferenzas ideolóxicas non deberían fundamentarse na confusión dos dous mundos, respectando o da ciencia e o dos valores e da liberdade de decisión. Así, tal vez ofrecería outra opinión a manifestación do día 8M: A ciencia informa, e o valor da vida imponse como preferente porque (como di Fernando de la Vega) "a vida humana sempre será o primeiro valor que debe defenderse, e séguenlle aqueles valores que teñen que ver coa dignidade persoal".
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES