Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Cultura Onomástica

jueves, 05 de junio de 2008
Quen escribe estas liñas chámase Xosé, ou, mellor dito, Xosé María: Xosé polo padriño e María pola madriña, tal e como acostumaba facerse ata que chegou a modernidade (vulgaridade?) onomástica. Como é ben sabido, o antropónimo Xosé procede do hebreo e vén significar algo así como ‘regalo de Deus’, aínda que ignoro se esta circunstancia tivo algo que ver tamén na miña denominación.

Confeso xa dende agora que sempre me agradou especialmente o primeiro nome, e non porque apreciase máis ao padriño ca á madriña, que os dous se facían querer por igual, nin sequera pola súa etimoloxía, que tardei en saber, senón porque, seguramente por deformación educacional da época, o segundo parecíame loxicamente máis apropiado para unha muller e, claro, en min non me cadraba.

Por iso creo que sempre escribín, e escribo, Xosé M., co que moitas veces teño confundido a máis de un ou de unha, que tomaron o “M.” por “Manuel”, cousa que tampouco me desagradaba pero que non teño compartido xamais nin cos meus propios pais, tal vez por crelo descortés ou desagradecido.

Antes de seguir cómpre unha aclaración: ao bautizarme puxéronme José María, e igualmente no xulgado cando me inscribiron, entre outras circunstancias, deduzo, porque daquela estaba prohibida a nosa lingua. Mais, cando me foi permitido legalmente, mudeino ao meu idioma propio, natural, no que fun aprendido. Polo medio houbo, hai, hipocorísticos das máis variadas procedencias e/ou derivacións, dende o inicial José Mari familiar ata o Chema do mundo futbolístico, pasando polo “José Mario” daquela señora que na miña infancia tamén confundía o “acento” co “centro” cando escoitaba a alguén que non fora da nosa Terra.

En calquera caso hoxe sigo máis ca satisfeito co Xosé e alégrome de que non me tiveran posto Alain, Christopher, Jonathan, Erik, Jordi, Aitor... ou algo así, nomes que vexo que soportan con resignación, non sei se cristiá, algúns dos meus alumnos. Supoño que daquela non se levaba porque, entre outras cousas, non existía a omnipresente televisión dos reality shows, das telenovelas ou dos informativos, que nos falan máis do alleo ca do propio e mesmo integran como se ve antroponimia estranxeira en detrimento da autóctona.

Meu avó Ánxel, que tiña sentidiño de seu, afirmaba ao respecto que, igual que cando se corta unha árbore do país hai que plantar dúas, no tocante aos nomes deberíanse conservar os de sempre, os que nos foron dados en herdanza, e mesmo se mostraba fachendoso de que un neto, afillado ademais, levara, leve, o seu; será porque non había televisión?

Eu supoño que coma min estarán tamén orgullosas e orgullosos do seu nome as Xosefas e os Xosés de Vilalba que, ano tras ano, dende 1961, veñen celebrando ininterrompidamente a súa onomástica, a Festa dos Pepes, festa que na actualidade é, afortunadamente por xusta e natural igualdade, tamén das Pepas. E entre tanto Pepe e tanta Pepa teñen pasado pola presidencia nesta xa longa andaina persoas de especial consideración para min, como o meu mestre don José Mª Jato Canal (7ª edición, 1967), a quen debo a miña primeira formación académica, ou don José Pena Trinquete (14ª edición, 1974), que pouco tratei, pero a quen debo recoñecemento por lembrar con aprecio e agarimo a outro Pepe, a José Enríquez Chanot, o outro meu avó, quen seguro que de vivir se tería sumado con gusto ao festexo.

Quero pensar que esta celebración é, e se non debería ser, unha exaltación, un canto en defensa do nome tradicional, máis ca unha xuntanza gastronómica convivencial, que tamén o é, naturalmente. E iso aínda me parece mellor. Quen sabe ademais se entre a calor do evento non xorde algunha manifestación literaria na sobremesa e ao culto onomástico en si se une paralelamente unha homenaxe á palabra, á que tamén paga a pena honrar de paso. Que así sexa mentres haxa Pepas e Pepes.

Vilalba, marzo’2003
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES