Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

UNHA LONGA AGONÍA

miércoles, 07 de marzo de 2001
O vapor maxestoso saía do porto de Vigo cargado de soños e desgracias. Nos corazóns daqueles homes habitaba a incertidume do alén do mar, rillando, como a puvulla na cerna do carballo.

A nena, de só catro anos choraba con súa nai que desexaba tirarse ó mar tras daquel barco que paseniño se alonxaba, con laios de náufrago, ata perderse no horizonte.
Súa nai Carmela encargábase de relatarlle lembranzas do pai que ela, a nena Amalia, recibía nerviosa e feliz. Eran os aloumiños esotéricos chegados da distancia que a conmovían.
Corría a década dos cincuenta. Só un día por semana viña o carteiro á aldea. Amalia situábase estratexicamente na cabeceira do crego coa ollada xa no camiño de entrada para velo chegar antes ca ninguén. Como cada xoves ía ó seu encontro. Co corazón latexando con forza no seu peito cativo parábase ante el sen pronunciar palabra mirábao en fite. E o home do saco que, lonxe de botarlle medo, era o seu cómplice, animábaa con tenrura ¡A ver se para a semana, Amalia! decatándose da mágoa da nena, que volvía á casa cun novo alfinete no seu sorriso estrullado, formulándose preguntas para as que non achaba por ningures respostas.

Quedaran atrás dezasete anos cando chegou ¡por fin! unha carta Querida esposa e hija: Quiera Dios que al recibo de esta... Pero a "nena" Amalia xa non esperaba o carteiro que agora viña cada día á aldea.
O tempo, que non perdoa, encargárase de mata-la esperanza e de enterra-la ilusión. ¡Maldita puvulla que non deixa de rillar!
Qué tristes e doentes son algunhas agonías.
Blanco, Concha
Blanco, Concha


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES