Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

"Xofre" a Chaira

viernes, 30 de mayo de 2008
Ten xa pasado algún tempo dende que o sabio e retranqueiro Antón do Chamoselo fixese pública no periódico mensual TerraChá.Xa (nº 005, abril-maio 2004), a través da pluma de Bernardo García Cendán, a súa inquietude pola prematura presenza de doenzas malignas na poboación chairega. Ambos, vellos e fieis amigos, formulaban interrogantes e demandaban estudos ad hoc a responsábeis sanitarios na esperanza de acadar tranquilidade social e buscar explicación a unha evidencia cada vez máis frecuente que preocupa seriamente sobre todo a quen a padece directamente de preto. Entendían, iso si, a prudencia como norma por aquilo de non alarmar inutilmente, pero o caso é que a día de hoxe a situación permanece inalterada e o silencio oficial segue presente, cousa por outro lado non demasiado estraña dada a prevención e a responsabilidade coas que se traballa no noso país.

Ao fío disto coido que é obrigado compartir a charla mantida cunha señora da capital chairega que coas primeiras raiolas primaverais humanizaba a rúa co seu saúdo mentres varría coma outrora a beirarrúa de diante a súa casa non sei se porque a limpeza pública non é a que debera ou porque non era do seu agrado. O conto é que servidor, que adoita prender en silvas a miúdo, que diría o amigo Xocas, non fuxiu tampouco nesta ocasión e mergullouse con interese na pasmosa calma coa que a boa da señora xuntaba e recollía do chan unha especie de po amarelento que inxenuamente foi atribuído nunha primeira instancia ao polen. "Non che é polen meu vello -dixo irritada- iso é o que convén pregoar, mais non o creas, aquí hai tanto ou máis xofre ca nas Pontes. Fixeron a cheminea para levar o fume ao mar, pero hai épocas nas que o vento revira e ben ves a onde chega. Así pasa o que pasa, tragamos fanegas de porcallada, enferma xente cada vez máis nova e ninguén se ocupa do asunto. Por enriba só nos queixamos polo baixo. Non viría mal poñelo enriba da mesa agora que imos estar de eleccións".

O anaco de leria deu para moito. Lembroume que hai escasamente dúas décadas, as árbores froiteiras estaban a plena produción na comarca, que as follas dos vexetais só as queimaba a xeada, que se podía beber auga nos regatos sen reparo algún, que se collían troitas á man sen dificultade, que as diferenzas estacionais estaban máis marcadas, que..., que sei eu, outras moitas cousas.

Logo de escoitar con atención aquelas que me pareceron sensatas palabras, proporcionadas sen dúbida algunha por unha sabedoría natural froito dunha dilatada experiencia vital, dei en cavilar se a miña amiga non levaría razón. "Eu -continuou- creo que xa está ben, cómpre que veñan outros (sic) e poñan remedio".

Motivos tiñan Antón e Bernardo. A deixadez e o mutismo oficial, seguramente interesados, van dando pé a especulacións coma a anterior que incrementan o desasosego a medida que aumentan os casos de doenzas graves. Mesmo se vai xeneralizando a hipótese dun triángulo (As Pontes-San Cibrao-Rábade) coa nosa bisbarra no baricentro como principal afectada.

"Mentres tanto -concluíu a señora- xofre a Chaira". No sei se isto último foi casual ou un xogo de palabras intencionado, pero en todo caso co xofre e outras desfeitas sofre a Terra Chá.

Vilalba, xuño 2005
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES