Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A conciencia durmida

lunes, 01 de febrero de 2021
A conciencia durmida Que tristeza! A do sábado pola tarde. Saín a dar un paseo moi rápido pola Valenzá entre as catro e media e as cinco da tarde e o ambiente era triste, moi triste. Entre o mal tempo e esta pandemia que nos está amolando non se vía unha alma pola rúa. Nin tan sequera a eses pais que saen cos nenos a dar unha volta. Esta cuarta onda está matando por completo o ambiente das vilas e cidades. Ó mellor, cando saian estas liñas á luz, a curva xa se dobregou un chisco, pois crin ler o mesmo sábado que semellaba que empezaba a facelo. A ver se de algo valeu este novo confinamento co que nos sentenciaron. Confinamento, por certo, bastante estraño. É complicado asumir que pechen unhas cousas e outras non. Que as que non pechan, unhas o teñan que facer despois nuns horarios e outras noutros. Polo uso que fixen deles (ou das terrazas), sempre defenderei ós bares, pois vía que xeralmente se cumprían as normas e as mesas desinfectábanse continuamente. Despois, non entendía que, por exemplo, polo centro comercial Ponte Vella circulase unha morea de xente.

Neste novo confinamento que padecen os concellos, a maiores dos bares, e no meu caso, boto de menos as bibliotecas. E iso que sabendo do peche, conseguín sacar uns cantos libros que xa eu procurei que foran voluminosos (un, por exemplo, pasa das mil duascentas páxinas) para pasar entretido esta nova corentena. Non obstante, aínda as boto de menos porque facía uso diario delas para ler outros xornais que non hai nos bares ou cafetarías.

Logo destes dous parágrafos a min pásame como á gran maioría: que falamos de todas as incomodidades, que criticamos cada dous por tres e que incluso asumimos a situación, pero non nos paramos para nada nos mortos. Falamos das normas, das mascariñas, das vacinas, do Goberno, da oposición, dos controis, das distancias, dos peches... Menos dos mortos. Estanos a pasar o que xa nos pasou coas corrupcións políticas: que as temos tan asimiladas que ata xa nos parece mal que un partido político non estea corrompido. Xa temos tan asumido o das mortes pola Covid-19 que nos dedicamos a falar tan só das medidas que se tomaron ou que aínda hai que tomar. Temos a conciencia durmida.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES