Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A vida consagrada, parábola de fraternidade nun mundo ferido

viernes, 29 de enero de 2021
Neste XXVº ano da súa institución por San Xoán Paulo II, celebramos en toda a Igrexa esta Xornada mundial cun lema que nos fala da vida consagrada como parábola. Isto significa presentárnola como unha narración, como un relato que, partindo de realidades recoñecibles por nós, tenta facer chegar á nosa conciencia unha verdade que ilumina de modo novo a realidade e a nosa situaciónpersoal.

En efecto, no medio do noso mundo –do que se destacan no lema non o progreso, senón o clamor das súas feridas–, a vida consagrada é como unha historia viva que nos fala da superación do mal, do horizonte dunha existencia boa realizable xa agora, dunha plenitude de fraternidade que abarca a todos –irmáns todos–, na que hai curación para as divisións e os sufrimentos xerados pola soberbia e o egoísmo do corazón, polo pecado que no fondo é sempre desprezo do ser humano, da súa dignidade e a súa capacidade de amar, reducíndoo a instrumento para a propia inxustiza.

A vida consagrada é parábola –narra, suxire, estimula– coa realización da súa propia existencia, mostrando como a fe en Deus Pai e no Señor Xesucristo fai posible xa nesta terra a realización dunha "fraternidade" sinxela e humilde, pero verdadeira, máis aló do que sería esperable por quen coñece o limitado das boas intencións e das forzas humanas, por quen é ben consciente da vulnerabilidade de alma e corpo, de non ter resposta ante a gran ferida da morte.

Coa súa presenza, as persoas consagradas convidan a recuperar a esperanza, a abrirse á fe: é posible unha vida diferente, é posible alegrarse definitivamente pola propia dignidade de fillo –e por tanto de irmán– inmensamente amado por Deus, e pola propia misión no mundo; é posible recoñecer radicalmente a dignidade do próximo, xa non reducible a alguén instrumentalizado ou descartado, segundo conveña ás lóxicas utilitaristas que parecen gobernar este mundo ferido, senón sempre irmán. Para toda persoa neste mundo, para o que soporta inxustizas e para o pecador, ante a ferida da dor e da morte, a vida consagrada é boa noticia, anuncio dunha existencia nova e verdadeira, destinada a non perderse; é como unha palabra que fai entrever o consolo e trae nova luz a mente e corazón.

Vivindo a pobreza, a castidade e a obediencia, na comuñón concreta das súas casas e comunidades, fala do amor que renova o mundo e crea unha fraternidade real mesmo entre nós que somos pecadores; dun amor que está presente e ofrécese a todos porque vén de Deus, tomou carne para sempre na nosa terra no Señor Xesús, e habita nos corazóns dos seus como promesa de plenitude e de vida.

A vida consagrada asegúranos que existe o Bo Samaritano, que coida as feridas do mundo e de cada un, e fálanos Del, é para nós como unha palabra súa viva e eficaz. Coa súa consagración –coa acción de grazas do seu corazón, co seu canto de encomio, coa súa petición confiada, en resposta ao amor de Cristo –e coa unidade fraterna, vivida e ofrecida aos irmáns nas obras de amor suxeridas polo seu carisma fundacional, cada persoa consagrada e cada comunidade é unha parábola, que nos axuda a entender que o Salvador está entre nós: "para evanxelizar aos pobres, ...poñer en liberdade aos oprimidos, proclamar o ano de graza do Señor" Lc 4, 18-19). E que nos fai comprender que o máis pobre, o máis pequeno, o descartado aos ollos dos homes –e cada un de nós–ten esperanza real, é amado e querido, e está chamado a vivir co seu próximo nunha común dignidade de irmáns.

Todos necesitamos entender esta parábola, escoitar cada día a invitación para recoñecer a caridade coa que Cristo nos uniu a El como irmáns, introducíndonos a vivir unha fraternidade consoladora e verdadeira, que xa agora é "xerme moi seguro de unidade, de esperanza e de salvación para todo o xénero humano"(LG9).
Demos grazas a Deus polo don da vida consagrada, particularmente polas comunidades presentes na nosa Diocese de Lugo.

Acompañémolas e deixémonos acompañar por elas no camiño da vida, na realización da nosa misión, unidos como membros da única Igrexa de Deus. E pidamos ao Pai para elas o don do Espírito, que alente e ilumine os seus corazóns, para que teñan a alegría de ser fieis ao seu Señor e á súa misión, segundo os seus propios carismas, para ben do mundo, ao que Cristo nos enviou a todos, provéndonos para as súas feridas co aceite da fe e o viño da caridade.

Lugo,28 de xaneiro de 2021, XXV Xornada mundial da Vida Consagrada.

(Alfonso Carrasco Rouco é Bispo de Lugo).
Carrasco Rouco, Alfonso
Carrasco Rouco, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES