Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Juan Montes, socio e músico do Círculo das Artes (2)

jueves, 21 de enero de 2021
A vida de Juan Montes Capón non sería moi longa e, de feito, morrería antes de cumprir os sesenta anos. Na sesión que celebraba a directiva do Círculo o 24 de xuño de 1899, o entón presidente Ramón Olano Carreira comunicaría con gran sentimento que Juan Montes Capón falecera na madrugada anterior. Nesta lembranza aplicábaselle o epíteto de "gloria del arte musical" e constatábase "la intensa pena" de todos os socios e directivos polo falecemento. Ao enterro, que se celebraría o día seguinte ás seis da tarde, acudirían como representación da Sociedade o seu presidente Ramón Olano Carreira, o vicepresidente Antonio Armas Ulloa e o secretario Emilio Piriz Pérez, acompañados dos xoves integrantes da sección lírico-dramática. Como semellante artista non podía ser esquecido, o Círculo das Artes asumía a responsabilidade de perpetuar a súa memoria, organizando neste sentido unha comisión constituída polos tres directivos citados máis o señor Francisco Rodríguez Besteiro, presidente da indicada sección, a fin de que propuxese o máis conveniente para que se puidese recordar no futuro a un músico cuxo prestixio excedía a escala local e afectaba "á los gallegos todos, que en Galicia buscan en la música de Montes regocijo y esparcimiento para el espíritu, y fuera de Galicia consuelo á las tribulaciones que ocasiona la nostalgia de la pátria".

Na reunión que celebraban os directivos da Sociedade catro días despois comentábase a celebración do funeral e enterro do egrexio lucense. A comisión encargada da súa homenaxe adquirira unha coroa que se depositou sobre o féretro e que despois foi enviada á súa familia; no edificio social enloitáronse os balcóns e, ademais, construíuse unha carroza na que se conduciron os restos de Montes. Cando pasou a comitiva por diante da sede social foi posible escoitar os tristes acordes dunha orquestra lírico-dramática, entoando o coro do mestre José María Carracedo Vilanova un Libera me Domine (16); logo, a sección responsable acompañou á comitiva fúnebre en torno a un estandarte feito ao efecto, mentres que a Sociedade comprometíase a asumir os gastos producidos.

Na mesma sesión, o presidente daba conta dunha comunicación de Salvador Cabeza de León e Alfredo Brañas Menéndez, presidente e secretario respectivamente da Liga Gallega de Santiago (17), na que lamentaban o falecemento de Montes e advertían que se consignaba en acta o pesar pola súa morte. Propoñían, ademais, levantar un monumento en Lugo a quen cualificaban de “verdadero genio de la música y del canto popular de Galicia” e a quen comparaban na arte coa mesma Rosalía de Castro. Para levar adiante esta idea, na que crían contar co apoio de todos os centros e autoridades galegas, pedían ao Círculo a súa opinión e anunciaban que a Liga Gallega se propoñía celebrar un festival na súa honra para o que contaban coa participación dos mestres, artistas e sociedades de Compostela. Naturalmente, os directivos lucenses amosarían o seu recoñecemento á Liga Gallega e aceptarían a súa proposición.

Así mesmo, o presidente do Círculo comunicaba a recepción dunha atenta carta asinada por Juana Montes, irmá do finado, coa que remitía unha batuta de Montes que este tiña en gran aprecio e que utilizaba para dirixir os actos máis solemnes (18). A Xunta Directiva aceptaba con profundo agradecemento este obsequio xunto cun estandarte do Orfeón Gallego, recordos que serían custodiados nunha vitrina construída ao efecto para a súa exposición e para que así se puidese "conservar tan grato recuerdo" (19).

As primeiras homenaxes públicas ao ilustre músico non tardaron en producirse. Durante as festas locais de San Froilán do mesmo ano da morte de Juan Montes a directiva do Círculo das Artes decidiría colaborar coa comisión de festexos para organizar unha velada literario-musical o día 6 de outubro en honor do mestre, destinando os beneficios obtidos na mesma a "algo" en Lugo que perpetuase a súa memoria (20). O artista Manuel Martínez Fole comprometíase a colaborar e invitaríase ao periodista Francisco Rodríguez Besteiro para que pronunciase un discurso alusivo ao acto. Así mesmo, os poetas locais Armando Miranda y Palacios, Manuel Amor Meilán e Jesús Rodríguez López, entre outros, eran animados a presentar algún traballo poético no mencionado acto. Por outra parte, ao músico José María Carracedo Vilanova pedíaselle que reorganizase o Orfeón Gallego que tan ben dirixira o mestre Montes para que tomase parte na velada, e ao tenente coronel director da banda do rexemento Isabel la Católica que contribuíse a amenizar a función. Tamén intervirían con algunhas interpretacións as pianistas Josefina e Teresa Barcia e a señora de Torres, nomeándose como representante da Sociedade na comisión de festexos ao secretario Emilio Piriz (21). Nunha sesión posterior (22) presentaríase o saldo de gastos e ingresos da velada na que se obtivo un superávit de 752 ptas. e 25 cts., cantidade que se acordaba ingresar nunha conta da Caixa de Aforros ata darlle o emprego previsto.

Pola súa parte, a Liga Gallega de Santiago cumpriu a súa promesa de organizar no teatro desa cidade outra velada literario-musical para o 5 de novembro, á que asistiu en representación do Círculo das Artes lucense o socio de mérito Francisco Rodríguez Besteiro acompañado do secretario Emilio Piriz. Tras a mesma, a agrupación compostelá enviaría un donativo de 200 ptas. para contribuír ao monumento que se dedicase á memoria de Juan Montes en Lugo (23).

Na sesión de 15 de setembro de 1900, a Xunta Xeral do Círculo avalaría definitivamente e por unanimidade o proxecto de homenaxe a Montes que a comisión lle traspasara nunha reunión anterior (24) e, pola súa parte, a prensa local non dubidaría en compartir a idea e en transmitir a información oportuna sobre a mesma. Así, o diario El Regional no seu número de 31 de marzo de 1900 comentaba a pertinencia de erixir unha estatua que perpetuase o recordo do músico, admitindo que era unha iniciativa que correspondía ao Círculo das Artes. Os directivos da Sociedade decidiron concretar o asunto celebrando unha reunión cos directores dos catro diarios locais que existían neses momentos e que El Regional recollía no seu número de 27 de xuño de 1900. A fins do ano e do século elixiríanse aos membros da comisión encargada de levar adiante o proxecto, información que o mesmo xornal reflectía nos seus números de 18 de novembro e 21 de decembro de 1900.
Juan Montes, socio e músico do Círculo das Artes (2)
Outro periódico local, La Idea Moderna, completaría o 21 de febreiro de 1901 a cuestión que trataba sobre a oportunidade de levantar unha estatua en memoria do músico, e noutro número de 2 de outubro de 1903 facía referencia á recepción do busto que coroaría o monumento, unha peza do escultor Eugenio Duque y Duque que fora fundida nos talleres Masriera de Barcelona (25). Ata a súa colocación, a escultura, que pesaba 120 quilos, gardaríase no Círculo das Artes. Finalmente, instalaríase a principios de 1904 nunha das prazas da cidade, a de San Domingos, que estaba relacionada coa vivenda ocupada polo músico, unha situación que ocuparía alternativamente un e outro extremo da praza e onde se mantería por moito tempo.

Polo que se refire ao posto de pianista do Círculo que ocupaba Juan Montes no momento de seu falecemento, sería solicitado no mes de agosto seguinte por José Ruiz del Moral, a quen se lle concedería tras a oportuna proba de capacitación e que percibiría a mesma retribución de 2,5 ptas. diarias que recibira Juan Montes (26); porén, ante as repetidas queixas dos socios sobre as súas actuacións, sería despedido meses despois (27) para nomear como pianista da Sociedade a Baldomero Latorre Capón, un primo de Juan Montes a quen tamén substituiría como director da Banda municipal de Lugo algún tempo despois; aínda así, o seu posto no Círculo tampouco sería duradeiro ao dimitir nos primeiros días do mes de xaneiro seguinte (28). Polo que se ve non resultou fácil substituír a unha personalidade musical tan forte como a que representaba Juan Montes Capón.

No verán de 1908 (29) o Circulo colaboraría noutra homenaxe a Juan Montes, neste caso compartida cos periodistas e poetas lucenses Aureliano J. Pereira y Eladio F. Vila, invitados a un recital que contou tamén coa participación do Orfeón Gallego.

Bastantes anos despois (30), dábase conta da constitución da Sociedad Filarmónica Lucense á que o Circulo das Artes se prestaba a dar toda clase de facilidades e coa que no futuro mantería unha íntima e constante colaboración cedéndolle o seu salón de festas para os concertos que programaba. O primeiro deses recitais concretouse ao mes seguinte coa actuación da Orquesta Municipal de Bilbao, con tal éxito que motivaría o seu regreso na temporada 1948-49 para que a orquestra bilbaína -que dirixía o prestixioso mestre Jesús Arámbarri- participase nun concerto de homenaxe a Juan Montes no cincuentenario do seu falecemento, recital que permitiu escoitar a súa obra máis coñecida Negra Sombra ademais doutras numerosas composicións de Rossini, Schubert, Beethoven, Prokofieff e Weber (31).
Juan Montes, socio e músico do Círculo das Artes (2)
Aínda, coincidindo cos actos do 125 aniversario do Círculo das Artes, o 13 de novembro de 1980, celebraríase unha homenaxe aos músicos lucenses Juan Montes e Gustavo Freire, ambos moi relacionados coa Sociedade. Neste caso, tivo lugar un concerto no que actuaría a Banda municipal dirixida polo mestre Indalecio Fernández Groba, agrupación que tanto con este director como co anterior, Francisco Méndez, tiña realizadas gravacións de composicións do músico lucense no propio Círculo das Artes.

Polo tanto, está claro que a figura e a obra de Montes conservouse na memoria da Sociedade lucense por moito tempo e pódese asegurar que aínda perdura. Por iso, agora, non debe máis que agradarlle ter o seu busto de veciño, xa que esa proximidade rememora a que tivo o propio músico co Círculo das Artes.

NOTAS:
16. VARELA DE VEGA, Juan Bautista, Historia del Orfeón Lucense, p. 72.
17. A Liga Gallega foi unha asociación de carácter galeguista que se mantivo activa desde 1898 a 1900. A sentida carta de pésame enviada ao Círculo das Artes por esta agrupación con motivo da morte de Juan Montes recollíase literalmente no xornal El Regional de 30-06-1899.
18. AXX ses. 29-07-1899.
19. AXD ses. 28-06 e 26-07-1899. Ib. La Idea Moderna de 01-08-1899. Nun arqueo de existencias posterior daríase conta da existencia desa batuta de Montes que fora regalada polo orfeón vigués La Oliva ao músico en 1891 (AJD ses. 16-01 y 02-02-1940).
20. AXD ses. 19-09-1899. El Correo de Lugo, 16-09, 20-09 e 06-10--1899. Ib. Galicia: revista semanal ilustrada de 26-04-1903.
21. VARELA DE VEGA, Juan Bautista, Historia del Orfeón Lucense, p. 73.
22. AXD ses. 11-10-1899. O periódico El Regional de 5 de outubro de 1899 ofrecía todo o programa da velada. Outras referencias á homenaxe nun artigo de Antón Grande en La Voz de Galicia de 26-08-2018, no que se alude a outro de Adolfo de Abel Vilela de 31-07-2011.
23. AXD ses. de 04-11 e 04-12-1899. O médico e publicista lucense Jesús Rodríguez López propoñía diversas localizacións para situar o monumento pouco despois (El Regional, 27-01-1900).
24. AXD ses. 30-06-1900. A comisión constituírase un ano antes o 24-06-1899. Parece que, co fin de recadar os maiores fondos posibles, abríronse boletíns de subscrición para particulares que quixesen contribuír ao monumento ofrecido ao músico (vid. http://www.solovoces.com/es/juan-montes).
25. Información complementaria en http://www.solovoces.com/es/juan-montes, en que se describe minuciosamente o monumento seguindo unha información de El Correo Gallego de maio de 1903.
26. AXD ses. 18-08 e 30-08-1899.
27. AXD ses. 28-07-1900.
28. AXD ses. 31-12-1900 e 05-01-1901.
29. AXD ses. 15-07 e 20-08-1908. Ib. El Regional de 29-07 e 31-07-1908.
30. AXD ses. 22-04-1947.
31. AXD ses. 03-05-1947 e 28-06-1949. Nos actos de homenaxe ao músico celebrados o 2 de xullo de 1949 o Círculo estivo representado polo seu vicesecretario Justo Fernández-Reija Paz.
Prado, Antonio
Prado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES