Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Ao vir o neno mencer' (1)

viernes, 22 de enero de 2021
A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA

III
Ao vir o neno mencer
sempre te atopo no leito,
agruchada como o verme
na folliña do loureiro.

Ai, amor.

Cando ves ao sol doente
polo adival do carreiro.
Río da túa risa esvara
canlle abaixo por teu seo.

Amor, ai.

Ensanguiñada ao solpor,
non ousas, tremes co medo,
mentres o sol da túa fronte
vai poéndose no meu peito.

Ai, amor.

Verme, río e sol, (...)(1) (¿son?)
pedra do meu corazón.

O poema está composto por tres coplas ou cuartetas asonantadas, con rima nos versos pares e quedan libres os impares.

Ao final de cada copla aparece un verso trisílabo nunha repetición paralelística e iteratira, "Ai, amor", "Amor, ai". Remata a composición cunha estrofa de dous versos cuxa rima descoñecemos ao faltarnos a palabra final do primeiro verso desta derradeira estrofa do poema. Non dispoñemos do texto caligrafiado polo autor pero, aínda así, imos arriscarnos cunha suposición e aventurar unha palabra que encaixe coa rima do posible pareado final, sendo conscientes da posibilidade de equivocarnos. Ese vocábulo que non consta no texto podería ser: son.

Cremos que o poeta é coñecedor da lírica galaico portuguesa, a xulgar pola composición do poema que remata cada copla nun refrán e ao final conclúe con esa finda, que, na lírica medieval, era unha estrofa dun número de versos inferior ás demais, coa que os trovadores remataban, ás veces, as cantigas. Temática e forma fannos ver un certo parecido coas cantigas de amor da nosa lírica medieval.

ESTRUTURA DA COMPOSICIÓN

- 1ª COPLA: AMENCER: Verme.
Exclamación. (Refrán).

- 2ª COPLA: MEDIODÍA: Río
Exclamación inversa. (Refrán).

- 3ª COPLA: SOLPOR: Sol
Exclamación. (Refrán)

- 4ª Posible PAREADO: RESUMO. (Finda)

A estrofa supón a estadía dun día ao longo dos tres momentos máis representativos: amencer, mediodía e solpor, mais sempre cunha queixa por parte do poeta que denota unha grande sensualidade que parece provocar pracer no autor e non digamos nos lectores.

PRIMEIRA COPLA

"Ao vir o neno mencer
sempre te atopo no leito,
agruchada como o verme
na folliña do loureiro".

Nesta copla, o autor, estanos a falar do alborecer ou do raiar do día por medio de dous substantivos en aposición, "neno mencer", facendo o primeiro a función de adxectivo. Hai un predominio de consoantes nasais que son a onomatopea do que aínda non esperto de todo, fai que se interrompa o sono polo tránsito que se opera nesa situación vital e orgánica (n - n , m - n!).

Continúa a copla cunha comparación entre a moza e o verme, nunha figura moi adecuada, xa que a muller está "agruchada como o verme"; é dicir, engruñada ou contraída no leito do seu repouso pero, ao mesmo tempo, agochada ou cuberta e aconchegada pola roupa como se fose un verme "na folliña de loureiro", onde a folla, representaría a cama, mais non unha cama calquera, senón a cama dunha árbore rexa e solemne, como é a da nosa árbore, tan galega, como é o loureiro.

Remata a copla cunha exclamación que se vai repetir sempre ao final das distintas estrofas, denotando máis ben, queixa e aflición, antes que dor, e engadíndolle unha selecta sensualidade á estrofa na que na lírica medieval lle chamariamos refrán.

SEGUNDA COPLA

"Cando ves o sol doente
polo adival do carreiro.
Río da túa risa esvara
canle abaixo por teu seo".

Comeza esta copla coa repetición do verbo "vir". Na primeira estrofa quen viña era o "neno mencer" e nesta é a propia rapaza, "ao sol doente"; isto é, cando máis fere o sol, que é polo mediodía, e vindo polo "adival do carreiro"; outra bonita metáfora rural referida a unha corda longa e grosa para suxeitar as carradas de toxos, estrume, herba, monllos, etc., e que nos indica tamén a sinuosidade do carreiro, referida ás ondulacións e curvas do sendeiro e do adival.

No seguinte verso e na última palabra do anterior:

" . . . . . . . . do carreiro
Río da túa risa esvara"

aparece unha cantidade importante de consoantes vibrantes e repetidas que denotan o onomatopea da risa metaforizada nun río que esvara

/- rr – r/ R – r – r/

"canle abaixo por teu seo".

Comportándose un cambio total de consoantes e volvendo a outra metáfora sensual como é a, "canle do seo", por onde a risa esvara como un río de beleza e de desexos intuídos.

Para sinalarnos esa aflición ou dor, comeza e exclamación ao revés da anterior, nese paralelismo invertido ou refrán, "Amor, ai".

Aquí, podemos tamén considerar, que o desamor comeza no verso tres, cando o autor escribe "Río da túa risa esvara", podendo entenderse que a amada non atende ao poeta e ela rise dese amor contemplado. Naturalmente que isto é arriscarse moito pero, como logo veremos, parece o máis adecuado.

Continuará.

NOTAS:
1. Incomprensible segundo Ricardo Polín na obra referenciada.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES