Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A degradación das palabras

viernes, 08 de enero de 2021
Polo que se pode escoitar, hai quen resolve o problema da comunicación cunhas poucas ducias de palabras. Hai animais que usan ese número sons para facer o mesmo. A palabra, o logos da luminosa cultura grega, é unha conquista humana que constrúe e moldea o cerebro. A palabra apréndese na casa, a primeira escola, un invernadoiro de afecto onde todo medra moi axiña. Neses anos imprescindibles, constrúese o máis relevante da epopea humana.

Pero agora todo parece degradarse. E iso que nunca se editaron tantos libros. Xamais houbo tantas e tan inmediatas posibilidades de comunicación entre xentes tan distintas pero que comparten o común denominador do humano. Calquera tempo pasado foi mellor, laiámonos. Non, calquera tempo pasado foi infinitamente peor. E xamais existiu ningunha Idade de Ouro.

Hai outros responsables do acelerado envilecemento da palabra, do deterioro imparable da comunicación. Semella que hai toda unha competencia polos berros, polos xuramentos, pola mala educación. O teatro político perdeu a súa virtualidade pedagóxica. Os partidos apostan polo ruído e pola furia nunha loita desapiadada polo poder. O Parlamento, o Senado, lugares da palabra, transmútanse cada mércores en escenarios de berros e ouveos, de bocaladas e faltas de respecto, de ninguneo do adversario, de desprezo e crispación. Ninguén parece escoitar a ninguén. Nin sopesar as razóns do outro. Antes que tentar resolver problemas xuntos a pretensión é conquistar o poder. Unha tal sementeira produce unha abondosa colleita de hooligans descerebrados, repetidores de slogans como coitelos. Son conscientes as súas señorías do que representan e a quen representan?

Este deterioro da linguaxe dáse tamén noutras tribunas privilexiadas da palabra: os medios de comunicación. Hai tertulias televisivas, programas moi baratos, onde se compite polo titular máis excesivo, polo razoamento máis patibulario, pola defensa numantina do propio bando. Mentres ó pé da pantalla colgan SMS, a 1,39 euros minuto, que arroiban.

Non programas deportivos radiofónicos menudean xentes incapaces de enfiar tatexando un discurso máis aló de dúas frases de insoportable irrelevancia. A palabra malsoante é un recurso habitual para reforzar o argumento. Nada que dicir de programas de pornografía lingüística que copan longas horas de programación.

Todo un Ministerio de Educación, infinitos e moi caros chiringuitos privados, dezasete Consellerías con presupostos pantagruélicos semellan silenciadas e arrasadas por este tsunami da mala educación. Tantos recursos, tanta boa intención, tantos millóns de euros son abducidos polo burato negro da irrelevancia, da vulgaridade de homínidos bocapodres, da grosería que degrada a palabra.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES