Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Onde están os que deberían estar... ?

viernes, 01 de enero de 2021
Reflexionando acerca da hipotética aplicación dos principios fundamentais da democracia representativa polos gobernos, non obstante elixidos democraticamente, unha vez que ostentan o poder, e acerca do feito de que os electores elixan os menos aptos para esas delicadas funcións, encóntrome cun atranco que, non por comentado e coñecido pola xeneralidade dos cidadáns, deixa de ter gran importancia, extrapolado a outros sectores da sociedade: a ausencia de aspirantes capacitados, sen cuxa presenza nas listas electorais os electores non poden elixilos, deixando así campo libre aos xogos da incompetencia.

Pero aínda hai aquí outro atranco: a lóxica e necesaria asistencia aos electos por asesores, que, a súa vez, comporta esta pregunta. Quen goberna realmente, os asesores ou os asesorados elixidos?. Porque…,ás veces, as decisións gobernativas non parece que estean a altura dos asesores; pero tamén cabe dubidar da acertada designación dos mesmos, sen descartar as arrogancias dunha autosuficiencia ocasional dos gobernantes asesorados.

E nestes enredos, quen garante o cumprimento das promesas electorais e quen está realmente mantendo a fidelidade representativa?. En todo caso, a responsabilidade correspóndelle ao goberno. Como a controla o pobo?. Dificilmente, porque nas próximas eleccións reitéranse as ausencias, nas listas, das persoas máis capacitadas, e tampouco hai que desculpar nisto as boubas dos que posúen o poder. E que me din da tan cacarexada democracia?. Como e quen a aldraxa?. Os que debilitan a AUCTORITAS no exercicio do poder, do IMPERIUM.

Miren por onde esta reflexión abriu espazo noutro sector da sociedade para unha visión iluminada por análogas consideracións sobre ausencias de persoeiros dotados de verdadeira autoridade, no sentido de “auctoritas”, non de poder, de “imperium”, moi documentados en temáticas que abordan coñecementos específicos de concretas e ben definidas realidades. A súa ausencia non significa que non existan, senón que a sociedade reséntese de que estean pouco, ou non estean, onde deberan estar, nos espazos da información ao público, nos mesmos debates, e eu confeso que non teño moi claro se é porque eles o rexeitan ou os evita o poder político por razóns desas estratexias tan peculiares como torpes, que se utilizan para a protección credencial de matiz partidista. Mais os dous supostos poden compatibilizarse.

Con respecto ás causas da ausencia, cabe considerar, polo menos, dúas actitudes moi diferentes dos prestixiosos intelectuais: A dos que evitan impartir os seus coñecementos en espazos nos que consideran que os oíntes carecen da adecuada preparación para entenderse na linguaxe propia da especialidade; e a daqueles que contan cunha admirable capacidade para situar comprensivamente os seus conceptos e ideas na linguaxe habitual do público que os escoita, e se non comparecen para aportar as correspondentes achegas é porque non son invitados.

No grupo dos primeiros, en paradoxo, soen estar os reducionistas, aqueles que pretenden conceptuar as diversas clases de realidades desde a única óptica da súa especialización. Un prestixioso físico atrévese, por exemplo, a negar a existencia doutras realidades que non se podan explicar na linguaxe algorítmica da física. Non lembro moi ben se foi B. Russell o que dixo que Einstein só cantaba en ecuacións diferenciais. Tales son estes privilexiados que o que está fora da súa especialización non pode ser considerado como VERDADEIRA REALIDADE. Pero ós que quedamos excluídos dese admirable talento, na nosa propia linguaxe, quédanos aínda a virtude de descubrir (xocosamente, claro), que a súa propia AUTOCONCIENCIA, eses intelectuais, se son consecuentes, non a consideran unha verdadeira realidade.

O grupo dos segundos, dos capaces de vulgarizar os seus profundos coñecementos, tampouco carecen dunha merecida atención. Son invitados, ás veces, para formar parte dos gobernos, para que, como perlas relucentes, acompañen as medianías políticas que ostentan o poder, e desde alí, incomprensiblemente, regálannos, sen ruborizarse, o seu consenso ás máis estrañas e incoherentes decisións gobernativas, e, en oposición os compañeiros do primeiro grupo, acaban sabendo de todo, e ata converten en verdadeiras certas estrañas e dubidosas realidades sociais, o que desconcerta e sorprende aos cidadáns. Lóxico. Xa que non se entende que persoeiros tan ben dotados intelectualmente hipotequen o seu prestixio profesional en cargos aos que incluso pode acceder calquera barullán incorporado a un partido.

Hai tela para cortar varios traxes por estes arrabaldes; pero en aras da esixida brevidade, aplico a tesoira na liña dos debates. Non son experto. E incluso oio mal. E, por suposto, recoñezo as miñas carencias en moitas temáticas a debater. Non obstante, aínda así, pese ao ruído de tanto barulleiro, percibo a ausencia dos que dominan a materia, e a abordan con seriedade e debido sosego. Todo dexenera en estériles DISCUSIÓNS, e nas de matiz político axítanse de tal maneira os botafumeiros ideolóxicos que fan tusir ao máis interesado e prevido oínte. As razóns aquí non son miñas. Lean as citas: "Hai quen cree contradicirnos cando non fai máis que repetir a súa opinión sen atender a nosa" (J.W. Goethe); "o difícil nunha discusión non é defender a nosa opinión, senón coñecela" (Andre Maurois); "a discusión debilita a evidencia" (Cicerón).

Aproveitando estas citas, vou atreverme a darlles as miñas razóns: Sinto a ausencia de verdadeiras autoridades nos temas a debate cando non se valoran algunhas ideas dos contraditores, porque o intelectual persegue ACLARAR, non VENCER, e cambia a belicosidade da discusión, pola DESVELACIÓN DA VERDADE; abundan nos debates intervenientes que só evidencian un descoñecemento da temática, e adoptan unha permanente estratexia contraditoria: o que domina a materia pretende explicala cunha profunda pedagoxía, e non se entretén en baleiras exposicións; pero tamén cando o presentador–moderador participa no barullo sen ordenar as ideas, nin conceder prioridade e abrir canle ao fundamental, e tampouco procura claridade expositiva cando se frecuentan os tatexos por empacho enfático, non está ordenando as intervencións, senón desconsiderando aos oíntes. Por iso, retrouso insistentemente que aquí tamén deberían estar os que non están, sen esquecer que hai lugares onde non deberían estar, porque ás inversións públicas hai que sacarlles o maior rendemento posible, e non son para cubrir compromisos partidistas, nin estratexias para upar medianías.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES