Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contos da miña lareira (14)

martes, 29 de diciembre de 2020
-XXI-

O Colt do 45

O señor Severino do Ferreiro fora aquel día a Lugo, e á volta coincidiu co José Ramón de Sarille que, ¿casualmente?, volvía de Cuba. Casualmente, non, pois aló vírase con alguén que lle deu noticias ¿exactas, inexactas?, da súa Balbina.

Os detalles referíronse na nosa lareira precisamente desde que morreu o señor Severino, seguindo o costume de darlle méritos á xente despois de morta. É un costume feo, non si?

-¡Sempre se van primeiro os mellores! –Opinou miña madriña, moi afectada pola morte do veciño.

-¡E que o digas! –Foi o aserto da señora Xosefa da Nogueira, outra boa muller.

No meu lugar había daquela dúas especialistas: A Manuela do Rego, experta en partos alleos; e a Josefa da Nogueira, experta en partos propios, tantos, que xa lle nacera aquel neno ao que lle correspondía vir coa roda de Santa Catarina na gorxa, e todos varóns, para máis especialidade!

Había moita xente aquel día porque despois de reza-lo rosario na casa do defunto pasaron á nosa para quenta-las mans, que así non molestaban na outra. ¡Aquelas sociedades, aquelas xuntanzas do rural, mortas tamén, pero, pouco a pouco! Nisto preguntou a Manuela do Rego:

-Señor Xosé, vostede que sabe a vida e milagres de todo Deus…

-Muller, adiviño non son, pero neste caso atreveríame a dicir que a túa pregunta é se eu sei a quen lle deixou Severino aquela pistola roubada, aquel Colt do 45…

-Señor Xosé, de aquí en diante vou ter coidado con vostede…, en vista de que fai lecturas do pensamento, virtude, ¡ou defecto!, que lle veño sospeitando desde fai tempo.

-¡Lóxica, muller, que é simplemente unha cuestión de aplica-la lóxica! Ti entendes de nacementos, pero de mortes, eu; e cando alguén morre, o primeiro que se lles ocorre ás mulleres é preguntar polos segredos que leva consigo o defunto, tódolos defuntos.

Cando se atoparon en Lugo (despois souben que se refería ao Xosé Ramón de Sarille), déronse un abrazo, e foi tan afectuoso que o Severino, ao apertalo, notoulle debaixo do brazo, na sobaqueira, un vulto elocuente, pero, de momento, nada lle dixo. Viñeron todo o camiño falando de mil cousas, e comparando as vivencias respectivas: Sarille as cubanas, e Severino as arxentinas. Severino retornara antes, así que era coñecedor de que o Pichabrava de Maceda adoitaba consolar naquela viúva desconsolada, tan aflixida por causa e por culpa de que o seu marido se tivese que ausentar para remesarlle a prata que necesitaban para reconstruí-la casa de Sagaruxe.

-E ben que cumpriu, -comentou a da Nogueira-, que seica mandou diñeiro de máis, que xa se debera vir antes, e non te-la Balbina saciada de cartos e famenta de abrazos!

-¡Ti enténdela! –Exclamou meu padriño, para seguir: -Eses abrazos..., por pouco lle saíron máis caros, máis aínda cá casa!

-Eu oíra que se pegaron arriba de Sarille, e que o Severino loitou con el á posta, zurrándolle coa intención de quitarlle a pistola...

-Si, Xosefa, así foi, que mo contou o propio Severino, tempo adiante. Desde que se apearon do coche de Trigo, na Cardona, deron en sonsacarse un ao outro, e como o Severino era máis forte, e o outro non cedía no seu furor vingativo, que incluso lle afirmou que pensaba matar aos dous tan pronto chegase a Sagaruxe..., pois que de aí veu a pelexa. José Ramón quedou no chan, espatarrado e medio sen sentido, no Rego do Ourulo, e Severino largouse coa pistola. Co tempo, o bo do José Ramón perdooulle á súa muller, á Balbina, pero o Pichabrava quedóuselle cun prado, mesmo xunto da porta, que o tiñan escriturado en garantía de fidelidade recíproca, e como esa Balbina se arrepentiu, etcétera, etcétera. ¿Sabedes que vos digo? ¡Que vides de rezar polo Severino, e niso equivocádesvos, pois, en vez de rezar por el, teríavos máis conta rezarlle, iso, a el, por vosoutros mesmos!

Todos dixeron amén, e só amén, pois co falado, ¡ata os nenos entendemos o conto, aquel conto que tivera tan pouco de conto, que máis ben fora un drama, un drama abortado a tempo!
-.-

-XXII-
O San Silvestre, ¡en Pena, non; en Gloria, si!

Contos da miña lareira (14)Construíu a antiga Basílica de San Pedro, no Vaticano. O seu pontificado durou 20 anos e morreu o 31 de decembro do ano 335, que de aí lle vén o seu padroado das carreiras de fin de ano, tal que na Coruña:

Déranme permiso de Nadal no Batallón do Ministerio, e como meu primo Daniel de Carballedo me dixera por carta que aquel ano ían celebrar o santo do tío Silvestre, ¡nunha cociña económica!, optei en Lugo por colle-la liña de Castroverde en lugar da de Mosteiro. A maleta viña case baleira, así que, subindo de Bolaño a Pozos, e de alí á casa dos parentes..., a carreiriña dun can!

O caso é que dese Santo, que nin o invitan aos bautizos, se non fose porque lle dedican as pedestres de fin de ano, nin o nome quedaría; e iso que andaba dacabalo!

Nada máis entrar, despois de darnos as apertas máis cordiais, que xa os collín sentándose á mesa, con meus pais e outros parentes invitados, o primeiro que me dixo Daniel foi:

-Como ves, aínda que esteamos a mediados de século, nesta casa xa pasamos ao XXI, pois hoxe estreamos a cociña bilbaína!

O meu peito debatíase entre dúas emocións, un nacemento e unha defunción, así que lle dixen o que sentía:

-O malo é que van copiar de vosoutros, e daquela, adeus lareiras!

Falouse de moitos temas, pero a voz "cantante", que se di, levárona o santificado, señor Silvestre, e mailo seu amigo e compadre, Veiga de Serés. Chamoume a atención que o Veiga dixese, á hora da bendición da mesa:

-Propoño que recemos un Pater noster pedíndolle a Deus que mande ao inferno a todos aqueles que nos fixeron pasar tantas privacións durante esta década, en particular a ese fulano que inventou as cartillas do racionamento, que non sei quen foi, nin quero sabelo.

¡Medio en serio, medio en broma, a oración rezouse, encabezada precisamente por meu pai! Despois diso tomou a palabra o señor Silvestre, coa súa ironía habitual, que non era menor cá súa simpatía, dous carácteres que o facían encantador:

-A min, a tal momento, quédame unha pena atroz polo noso Pedáneo, ¡que se lle acabaron os carretos!

Do que alí se falou tirei a conclusión de que, naqueles anos nos que tanto carrexaran os veciños para os almacéns de Abastos, de Castroverde, cotas, requisas de produtos, etcétera, os seus carros cantaban ao ir, de cargadiños, mentres que, pola contra, o carro do Pedáneo cantaba á volta, máis ben de noite, ¡cargado co reparto que, do almacenado, se facían entre si os caciques do lugar!

Pois si que era unha lección de civismo, pero mentres durou ninguén se atreveu a levantar a voz. ¡É o que temos os galegos, que mexan por nós, e dicimos que chove!
-.-

-XXIII-
O Conde que se chamaba Isabel

Contos da miña lareira (14)¡Cantas veces mo refería meu avó, outras tantas gargalladas, miñas por suposto pois el sempre contaba os contos coa máxima seriedade! Coido que por iso mo repetía tódolos 5 de Novembro, aínda que as festas da Santa Sabela viñan celebrándose no verán, pero el dicía que estaban errados, (usaba a verba, "ferrados", con ferraduras, pero eu entendíao), porque a principal das Sabelas foi a muller de Zacarías, e por tanto, nai do Bautista.

Segundo meu avó e padriño: Houbo un conde que deixou de vir a Castroverde porque era muller, unha tal Sabela, e todos se rían dela, cousa que moito a cabreaba. O caso era que aquel conde-condesa vestía calzón, coas medias á vista, pero os outros ¿emblemas? nunca os ensinou. Había por entón en Serés un tratante de ovellas, que viña a ser da casa do Carballeiro, e estando un día no Samartiño de Bolaño, que lles fora comprar ganado miúdo, fíxolles unha aposta a que era quen de presentarse no castelo, e durmir coa condesa!

-Para comezar, non te deixarán entrar, que sempre ten catro matóns gardándolle a ponte levadiza do castelo!

-Vosoutros vide tras miña, pero lonxe, e abride os ollos, que vos vale a pena, ¿ou non quedamos en que levo esta facenda de balde se logro o meu propósito?

Á forza de discutir, acabaron aceptándolle o desafío, e aló se foron, tras do Serés, pero de primeiras elixiu o mellor carneiro do rabaño, e levouno ao lombo, cos veciños detrás, a certa distancia.

De chegado á Praza do Rolo os gardas déronlle o alto, en vista do cal o Carballeiro, sen apea-lo carneiro, sen quitalo do lombo, díxolles:

-Seica temos señorío, que veu onte, e eu, servidor, que me teño, e son, o mellor cociñeiro da contorna, decidín facerlle unha homenaxe, que ben nola merece porque hai moito que non nos sube as rendas…

-E logo, ho, que homenaxe sería a túa? ¡Se te pasas, con esta pica picámosche os riles!

-¡Mira que sodes desagradecidos! A miña proposta é obsequiala con este carneiro para a festa de mañá, que hoxe é o catro de novembro, pero como descoñezo os gustos da señoría, tráioo vivo. ¿Terían a bondade de preguntarlle se o quere asado ao forno, ou cocido; enteiro ou en toros? ¡Fagan o favor de preguntarlle, e tamén se mo deixa preparar aí dentro, no castelo, para servirllo en quente, no seu momento!

O que facía de xefe dos porteiros foi en busca da resposta, que resultou positiva xa que a propia Sabeliña saíu ao portalón, que incluso lle deu unha aperta de agradecemento. Entrou o Serés para dentro, e aló se quedou, na Fortaleza. Os de Bolaño tardaron tres días en ver ao Carballeiro, pois, cansos de esperalo, volvéranse para ao seu San Martiño. Cando se presentou, o ovelleiro viña ríndose a estoupar:

-Fodina ben, pero a vosoutros máis aínda, que me levo este ganado de balde, simplemente por unha aposta!

A conclusión do avó sempre era:

-¡Menos mal que Montecubeiro, daquela, era dos frades, que mira ti se temos que obedecer á Isabel de Castroverde…; chegounos coa de Castela!
-.-

A miña sorpresa foi maiúscula cando, polos Cincuenta, cheguei a ver en Madrid, no edificio do Banco de España, o cadro que lle pintou Goya ao noso Don Vicente Isabel, mais para daquela meu avó xa morrera, así que, de momento, non sei se el sabía a verdade pero xogaba co segundo nome do conde, simplemente para facernos rir.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES