Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo: Salvar ó Soldado Ryan/ A tormenta perfecta

martes, 22 de diciembre de 2020
Salvar ó Soldado Ryan

Este Spielberg faime cada encargo... Mandoume unha carta o outro día e pediume Pingas de Orballo: Salvar ó Soldado Ryan/ A tormenta perfectaque, por favor, atopase ó soldado Ryan. A verdade é que non sei de que me coñece a min Steven Spielberg. Pero como non lle quero facer un feo (quéirase que non é unha eminencia cinematográfica, e eu amo o cine), contesteille que vale, que si, que poría toda a carne no espeto ou todo o engano na bica -que tamén vale- e que buscaría e atoparía ó soldado Ryan. Son eu o tal para deixar algo a medias. Se busco, atopo.
Así é que non falo máis da carta nin do encargo e póñome á faena. Vou á biblioteca primeiro, para saber quen carallo é o soldado Ryan. Vaia; non é peixe podre, o rapaz. Baixo a paso de cadela, ou sexa, a fume de carozo con dirección á piscina municipal. A ver se ó rapaz lle deu algo e afogou na pía. Cruzo a Ansuíña e nas Mestras mirei no oco dun carballo vello, por se se escondera alí do inimigo. Sabía que era algo así coma un heroe, pero, xa se sabe, ás veces, un cágase pola perna abaixo por unha simpleza. Crucei o Arnoia cara á Pitediña e volvín cruzar aquel para buscar por todo o monte de Pinouzos. Onde máis me detiven foi no Guichón. Subín ó alto da Chaira e quixen aforrar tempo e andainas; polo que metín dous dedos na boca e asubiei. Despois dos asubíos, berrei polo carallo do Ryan ata que esgacei a gorxa. E mirade, tiven sorte: oín coma un xemido, coma un salouco no Río Vello. Alá marchei correndo. O desgraciado, en vez de cargar adrenalina pinchándose, tirárase ós toxos. Alí estaba estomballado entre unha toxeira. Chamei o Spielberg e a eminencia só me deu un grazas. Ai que ver como é a xente...

A tormenta perfecta

A tormenta perfecta é aquela na que cando se xuntan os elementos semella que vai rebentar o mundo e estourar o universo. Aínda que non rebente. Aínda que non estoure. Todos sabemos que a tormenta perfecta pode estar moi perfectamente nunha simple frase ou simplemente nunha única palabra. Hai tormentas perfectas nun vaso de Pingas de Orballo: Salvar ó Soldado Ryan/ A tormenta perfectaauga. E nunha ollada. E non xesto ou ademán. A tormenta que acontece cando trona e alustra seica se debe a que, no ceo, andan Deus e o diaño a patadas. Iso era antigamente; agora é que están xogando ó fútbol: unha patada, un lóstrego; unha falta, un trono.
A tormenta perfecta desenvólvese practicamente todos os días no Congreso dos Deputados ou nas reunións políticas; todos soltan alustres coas súas opinións e ningún intenta asomar cun raio de sol; todos berran desde as bancadas e nos corredores deixan que a tormenta amaine. Díxose sempre: logo da tempestade, chega a calma.
A tormenta perfecta remexe os versos dun poema e aniña nas reviravoltas do insomnio, do desvelo nocturno, de cando os pensamentos intentan esquivar unha e outra vez as nubes negras. Hai tormenta perfecta na vida diaria, no propio descanso e na combinación da frauta de Carlos Núñez coa voz de Luz Casal para que estoure a negra sombra de Rosalía de Castro. E sempre haberá unha tormenta perfecta naqueles sentimentos que quedan presos ou que afogan en certos momentos. A tormenta perfecta alagará, asolagará e inundará os pesadelos de certos contos e dos encontros que se realizarán estes días.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES