Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De intervencións militares na política española

lunes, 14 de diciembre de 2020
No decurso da historia moitos militares usaron das súas armas para virar ou modificar a situación política e para tomar o poder, véxase neste caso Iulius Caesar, Napoleón, Bolivar ou Francisco Franco. Os argumentos dos militares para actuar eran (e son) variados: a salvación da patria, do territorio, da legalidade, da liberdade, da orde pública... E o contrario.

No ronsel do crecemento da extrema dereita española hai "ruido de sables" enferruxados. Extraendo dun estudo máis amplo no que ando (del son as citas), acae unha reflexión arredor do intervencionismo dos militares españois en política, unha preocupante tradición.

Unha triste constante na historia española dos séculos XIX e XX foi o protagonismo dos militares, foran liberais, conservadores, monárquicos, republicanos ... Neses dous séculos os "sobresaltos" armados (quince deles con transcendencia política) e as guerras foron unha constante: guerra contra Napoleón, tres guerras carlistas, as guerras de independencia das colonias de Alén Mar, unha absurda intervención en Indochina, o conflito armado case permanente no norte de África, crearon unhas FFAA soberbias e macrocefálicas (en 1931 correspondía a cada mando só oito soldados); as reformas militares republicanas querían modificar esas dúas circunstancias.

Precedido de tres intentos fracasados, o levantamento militar-fascista de xullo de 1936, iniciador dunha cruenta Guerra Civil, a vitoria sobre a democrática IIª República e a ditadura do xeneral Francisco Franco, robustecerono control e prepotencia militar sobre as estruturas do estado e a sociedade, pois, dicían, "el ejército es la columna vertebral de la patria", os militares sublime modelo de patriotismo, de honor, de valor ..., unha casta aparte, posuidora desas e outras virtudes nun grado moi superior á poboación civil. Moitos seguen mantendo esa mentalidade.

Despois da morte de Francisco Francoen 1975, militares nostálxicos da súa ditadura exerceron como "poder fáctico", tenteando impedir ou influír nos cambios que conducían a unha sociedade diferente por máis libre (eleccións, legalización de organizacións sindicais e políticas, procesos autonómicos, divorcio,...) e conspiraban, mais ate 1981 non houbo un movemento militar preocupante, este tan trapalleiro como certamente perigoso. Despois do falido golpe do 23 de febreiro de 1981, amornou aos poucos nas FFAA o sentimento de ser "guardianes de las esencias patrias", cambio producido por reflexión, por remuda xeracional e pola entrada de España na OTAN: "los ejércitos de la OTAN no se sublevan, no dan golpes de estado, sería el suicidio de España" (sic). E menos mal.

Poucos militares en activo ("el taradito de turno", sic), manifestan publicamente ideas golpistas, xenófobas ou sexistas. O número vai a máis entre os que están na reserva, abundando nos retirados do servizo activo (os maiores de 65 anos formáronse militar e ideoloxicamente durante o franquismo), extremistas que conservan privilexios propios da súa extinta condición, considéranse almirantes, xenerais, coroneis, comandantes...efectivos, non aceptan a perda de mando e de presenza pública e ousan expresar o seu desacordo con medidas gobernamentais progresistas, para eles o camiño para a "antiespaña", que é todo o que non corresponde ao seu modelo.

En maior ou menor grado, os militares españois (sexa en activo, na reserva ou retirados) son conservadores, consideran intocable a integridade territorial de España, defenden a primacía da lingua española sobre as outras cooficiais, as tradicións, os símbolos (bandeira, himnos, ...), a orde pública, a disciplina, a relixión, respectan o "status quo", a institución monárquica...Os máis, con absoluta maioría na escala básica e nos corpos non operativos ou comúns, con estudos superiores previos ao seu ingreso nas FFAA, entenden ser servidores públicos estritamente profesionais e, mentres estean en activo, neutrais en política: "es suficiente leer las Ordenanzas Militares de 2009 o la normativa de Derechos y Deberes de 2011.Los militares españoles somos funcionarios, servidores públicos, tenemos nuestra conciencia individual como cualquier ciudadano, pero no tenemos derecho alguno a presionar como colectivo al Estado democrático".

181 sinaturas de xefes e oficiais retirados están ao pé dun escrito de agosto de 2018 en loubanza ao xeneral Franco e crítico coa democracia, contestado con valentía no foro Milicia y Democracia. Neste novembro soubemos que unhas decenas de aviadores militares retirados intercambiaron mensaxes golpistas, inzados de dialéctica resesa e ameazas de accións terribles "para poner orden". Porén, eses comentarios van máis aló duns ociosos xubilados falabarato cargados de odio, pois neste decembro, con menor verbalismo e fría prosa, outros exmilitares gremialistas andan a manifestar o mesmo. Seguramente, outros virán.

Temos diante, coa crítica perpetua á acción do goberno central, as falsidades, a crispación verbal, un chanzo máis dunha trama cara a unha "operación para instaurar un gobierno de emergencia nacional" por man de pretorianos dos que unha cualificada dirixente de VOX afirmou no parlamento "son nuestra gente". Preocupante.
Máiz, Bernardo
Máiz, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES