Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

viernes, 16 de mayo de 2008
Meu amigo Antón:

Xa sabes, estamos de Letras Galegas, festa sen misa, festa literaria na honra de Rosalía de Castro. Trátase de dicirlle a todo o mundo que temos unha lingua nosa, que é tan digna coma o castelán ou o francés. Que é lingua dos labregos e da xente da aldea, pero tamén é lingua da xente fina da cidade ou da vila, de toda a xente que teña sentidiño e non se deixe levar pola cursilería. Compartimos o castelán co resto de España, pero a nosa lingua, a nosa, é o galego. Alegroume moito, meu Antón, a demorada conversa que tiven onte co teu fillo sobre este particular. El, que se move por eses mundos do empresariado, contoume cousas tristes dese complexo de paleto que teñen moitos dos nosos homes e mulleres dos cartos, xa non por utilizar a nosa lingua senón porque se lles note o acento aldeán no seu falar máis requintado. Tamén me contou unha experiencia, referida a este asunto, que el tivo en Vilalba: parece ser que hai agora un ano cadroulle andar pola nosa vila coa súa muller e un dos seus fillos, e este enterouse de que había, seica, un maratón para celebrar, tamén no deporte, a festa das letras; naturalmente, non houbo xeito de zafarse e aí se veu o teu fillo na obriga de ir buscar un chándal para que o seu neno puidera participar na carreira. Foi logo agardalo na meta onde o teu neto chegou no posto vintecinco, o que non está nada mal para a súa idade; pero o que lle chamou a atención ao teu fillo non foi tanto o logro deportivo do seu neno senón o feito curioso de que os monitores de deporte, pagados polo concello, esqueceran por completo o motivo daquela festa e non apearan o castelán en ningún momento: un xeito ben curioso de celebrar as letras galegas... en castelán, e ademais, comentaba o teu fillo, en castelán imperfecto dabondo. Pero, xa ves, meu Antón, así che andamos. Xa sabes, para eles o importante é ser madrileños, supoño. Teño entendido que hoxe ou mañá volven repetir o maratón das letras galegas. Agora un daqueles monitores deportivos xa é concelleiro para todo, e eu supoño que algo fará para que non quede a nosa lingua menosprezada. Observaremos

E imos á outra cuestión da que ti nos falaches ao teu fillo e a min. Viñas de ler na prensa a noticia de que, polo visto, o Concello pensa mercar un bo anaco de terreo para expandir a zoa verde que arrodea a praia fluvial, un espazo que, de feito, xa é utilizado pola mocidade para a celebración da xira nas festas de San Ramón. Tanto eu coma o teu fillo mostramos a nosa ledicia de que fagan esa compra porque sempre é agradable pasear entre a masa de arboredo, sobre todo cando un está a ver a desaparición progresiva de sotos e carballeiras para poñer piñeiros e eucaliptos. Quedei contento da iniciativa, pero de súpeto asaltoume unha preocupación tal que me fixo volver atrás da miña ledicia anterior. Os teu comentarios, Antón, déronme que pensar. Efectivamente, poida que teñas razón nas túas sospeitas do que farán naquel espazo cando o teñan mercado. Seguro que comezarán, dicíasnos, por talar moitas das árbores. Efectivamente, non sei por que, pero aos nosos dirixentes sempre lles molestan as árbores, mesmo no cemiterio. Despois, seguro que han facer carreiros de cemento: en efecto, aos nosos dirixentes gústalles o cemento máis cas larpeiradas aos nenos. E non pararán co cemento, pois aínda se lles ha ocorrer facer algo así coma pequenas prazas, de cemento, claro, entre as poucas árbores nobres que vaian quedando. Non saberán explicar para que queren esa posibles praciñas, do mesmo xeito que non nos explicaron por que e para que fixeron recentemente unha explanada grande, de cemento puro e duro, na zoa onde están os vestiarios, pero aínda que non teña explicación, eles sempre dirán que onde estea a limpeza do cemento, a herba sobra. Cemento, cemento: acaban de alargar o paseo á beira do río para que chegue ata os Freires, e tamén veña cemento, neste caso disimulado coma se fora lousa. Unha señora que sempre lle vai mercar o cupón ao Xacobo díxome un día que o cemento estaba moi ben porque así non se lle cravan na terra os tacóns ás mulleres cando va de paseo por alí. Non ousei preguntarlle, pero teño a sensación de aquela muller vai pasear pola Madalena vestida de gala. Iso si, chegaron a falar de facer espazos con herba artificial: oíches ben, Antón, herba artificial en Vilalba?, cemento con herba artificial? E, aínda por riba, quedei meditando naquela posibilidade, que ti non descartabas, de que constrúan na parte superior do terreo que compren, preto da piscina, unha imitación do castelo de Caldaloba que podan unir, mediante canles deslizantes, coa torre de Vilalba que xa teñen imitada cabo do río. Sería o cumio da orixinalidade paisaxista. En fin, que, tal como ti, Antón, me puxeches as cousas, eu case prefiro que non merquen aqueles terreos, alomenos ata que á xente do concello lle dea por preguntar a profesionais de garantía, que xa os hai en Galicia.
E nada máis por hoxe.
Unha aperta
Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES