Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

martes, 13 de mayo de 2008
Meu benquerido Antón:

Efectivamente, onte, cando me chamaches, estaba eu de moita conversa co Chema Felpeto, xa sabes, o conspicuo descendente da saga dos Chanot. De moita e moi seria conversa porque, aínda que adoitamos rir cando dialogamos, onte o tema que estabamos a comentar era serio en exceso como para facelo motivo de risa, non era un drama que se deixara facer comedia. E cando, por fin, ti puideches conectar co meu teléfono, a verdade é que eu tiña poucas ganas de falar e supoño que o Chema aínda tiña menos. Así que tiven que che prometer contarche hoxe, nesta carta semanal, ese asunto que me tiña enganchado co Chema e que a ti che suscitou tanta curiosidade. Así que aló vou, brevemente:

Para comezar ben, ti, meu amigo, imaxina que che pregunto o que é a RTVG. De seguro que me dirías axiña: Radio Televisión de Galicia. E, claro, estás no certo. Pero segue imaxinando que te achegas a un PUB deses que frecuenta a xente nova, poste na barra, chamas á camareira e pídeslle un RTVG, que pensas ti que che vai traer?, un televisor pequeno?, un DVD do Padre Casares ou do Libro de familia?, un informativo con Touriño e Quintana a discrepar?. Pois non, nada diso. Estarás abraiado cando vexas diante de ti nun vaso grande un mexunxe composto por licores que seguen as iniciais antes aludidas: ron, tequila, vozka e ginebra, unha mestura ben curiosa. E xa está iniciado o relato que ti querías coñecer. Claro que estarás a pensar que che tomo o pelo. Pero non. O caso é que un rapaz vilalbés, de quince anos, quince, non tiña ganas de ir ao Instituto, leouse con outros seis ou sete compañeiros, acudiron a un pub deses que puxeron ao carón do estadio Roca e puxéronse a xogar coa radio televisión galega, pero en versión ron-tequila-vozka-ginegra. Vasme entendendo agora?. Entón, continúo, porque aínda hai máis, meu Antón. Non te me poñas birollo. Segundo nos informaron, parece ser que, cando os aludidos adolescentes xa estaban quentiños cos vapores daquela televisión alcohólica, saíron do pub para se sosegaren, pero quixeron buscar o sosego nunha botella de whisky, e fórona mercar a un supermercado onde a dependenta, con bo xuízo, non lle la quixo vender. Pero non desistiron: volveron ao pub onde antes estiveran, e alí, con mal xuízo, vendéronlles a botella e máis que pediran.

Xa se sabe: ao voso servizo, o cliente sempre ten razón. Así que, armados de botella, fóronse para un descampado, e alí deron conta do whisky, todos un pouquiño e un deles, todo o que sobrara que era o máis da botella. E despois, iso si, cumpridores, acudiron ao Instituto para rematar coas súas obrigas académicas. De súpeto, o que se papara o máis do whisky caeu tan longo era, inconsciente, borracho e, máis ca borracho, en coma etílico. Os profesores buliron a chamar as asistencias sanitarias, internárono nun hospital e parece ser que, pouquiño a pouco, vaise recuperando, sen saberse aínda as secuelas que lle puideron quedar no organismo. E aquí, meu Antón, remata a historia. Gustouche?. Non penses que é unha ficción da televisión galega, non.

Foi así de real, consonte coas informacións que me chegaron. Xa sei que, despois de escoitar esta narración, cos teus olliños maliciosos case pechados, has quedar estarrecido pensando nos teus netos que tamén andan polo instituto, pero non te preocupes, eles non estaban na cuadrilla bebedora. E, despois de todo, o conto rematou ben: o rapaz vaise recuperando do coma etílico. E así foi o asunto. Non hai más que contar, pero a min quédame unha pregunta, ou dúas, ou mesmo tres: como é posible que nun pub aberto legalmente, supoño, lle proporcionen a uns nenos esa cantidade de alcohol televisivo e mesmo lles vendan unha botella explosiva como se fora un supermercado?. Quen controla iso?. E a pregunta agrávase cando os que me contaron esta historia asegúranme que na casa do Concello é coñecido que nese establecemento vilalbés, aberto ao público no estrada de Meira, estanse a facer tales falcatruadas. Fixeron algo as autoridades municipais?. Eu non o sei. Pensan facer algo? Agardo resposta. E moito me temo que esa resposta nunca me chegará. Supoño que tampouco ti, meu Antón, recibirás explicacións, por máis que teñas preocupacións polos teus netos.

E por hoxe vai abondo. Cóidate e ata o venres que ven, se Deus o quer.

Unha aperta
Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES