Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas de San Cucufate

lunes, 12 de mayo de 2008
Algo vai mal nun país cando, pasadas dúas décadas da promulgación da denominada Lei de Normalización Lingüística, o uso oficial do idioma de seu nese territorio non pode considerarse “normal” por moito que se queira disfrazar a situación con aquilo do “bilingüísmo harmónico”, que ningunha das dúas cousas como case todo o mundo sabe.

A realidade evidencia que en xeral as institucións carecen dunha auténtica planificación lingüística e pouco ou nada poñen da súa parte, consentindo que mesmo cargos públicos se permitan a licenza de desafiar a legalidade toponímica con non se sabe moi ben que intereses ou intencións. En todo caso o máis desalentador é que a sociedade se deixe levar e non valore o que lle outorga identidade propia, o que lle foi dado en herdanza, o que lle é obrigado conservar e transmitir. E vén isto a conto pola actitude de quen por enriba xustifica a insensibilidade e ineficacia desas institucións, que deberan ser garantes do cumprimento legal pero que se converten en exemplo negativo para a cidadanía.

O caso que nos ocupa chama a atención polo uso que algunhas persoas e/ou institucións (políticas, educativas, etc.), por desidia ou ignorancia, manteñen en documentación oficial do topónimo vilalbés “Sancovade” (sic), que ás veces escriben con “v” e outras con “b”, desconcertando coma sempre á veciñanza, que non sabe moi ben a que aterse. Por iso parece que cómpre unha humilde pero razoada explicación, sobre todo ao abeiro da forma recollida, esta vez con fundamento, no nomenclátor oficial da Xunta de Galiza.

No “Diccionario dos nomes galegos”, o filólogo e académico Xesús Ferro Ruibal vén a afirmar que “Covade” procede de “Cucupfate/Cucufate”, nome dun santo africano do século III martirizado preto de Barcelona (“Cugat” en catalán). De orixe escura, quizais derivado de Cucufa (“cofia”: que leva cofia, encapuchado), era forma habitual na zona de Samos (“Sancovade”, aldea da parroquia de Formigueiros), aínda que tamén aparece nun documento mindoniense de 1128 referido posibelmente ao que hoxe sería a parroquia vilalbesa de referencia, citada conxuntamente con outras do mesmo concello. Se isto é así, que non hai por que dubidalo dada a autoridade de Ferro Ruibal na materia, o demais sería cuestión de seguir a evolución fonética normal: ph/f>v, t>d, paralelamente á perda dun dos grupos “cu” tal vez para evitar a cacofonía; en consecuencia, e dentro da máis estrita lóxica, Cucufate evolucionaría ao actual Covade. Así de sinxelo.

Anecdoticamente podemos sinalar tamén que, segundo a historia ou lenda, san Covade é un dos santos máis antigos no culto hispánico (séc. IX). Foi mártir en Barcelona e a súa pasio (relato do martirio) seméllase á de san Vicente e á de san Fiz. Mesmo seica Xelmírez (séc. XII) trasladou de Braga a Compostela os ósos de san Covade. En canto á súa iconografía parece que viste longa túnica romana e por riba dela a lacerna (ampla capa abotoada no peito, propia para viaxar), sendo os seus atributos unha xostra ou látego (disque o azoutaron ata que lle saíron as entrañas) e unha espada ou unha macheta (supostos instrumentos do seu martirio). Pero isto xa é fariña doutro fol.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES