Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anisia Miranda no Día das Escritoras

viernes, 30 de octubre de 2020
Este ano 2020, uniuse por primeira vez o nome de Anisia Miranda a esta celebración internacional do Día das Escritoras. Era de xustiza, tal como aparece na presentación da Fundación Neira Vilas na Biblioteca Nacional de España: "A Fundación leva o nome do escritor Xosé Neira Vilas, pero tamén engloba á súa compañeira, a escritora Anisia Miranda. Cada aniversario da súa morte (22 de outubro) realízase algún tipo de acto na súa honra. Agora queremos unirnos á celebración do Día das Escritoras recordando a súa obra por medio dunha lectura colectiva; desta forma sistematizaremos a súa lembranza xunto á doutras mulleres escritoras. O azar fai que case coincidan as datas." Refírese ao da súa morte, 22 de outubro, coa da festividade de Teresa de Jesús , 15 de outubro, arredor da que se determina o Día das Escritoras.

Anisia, filla de galegos, naceu en Cuba; viviu en Arxentina onde coñeceu a Neira Vilas e con el volveu para apoiar a revolución cubana, ata que nos anos noventa se veu para Galicia; entendía que así como el a acompañara a Cuba, ela tiña que estar co compañeiro de volta ao seu país.

Escritora e xornalista, traballou con Alejo Carpentier, e comezou a escribir para a infancia en terras caribeñas. É autora dunha boa cantidade de obras en español, algunha delas traducida ao galego, como as que seguen: A primeira aventura, Os contos do Compay Grilo, A volta de Compay Grilo, Xanciño coñeceu a lúa, Mitos e lendas da vella Grecia; A cama, a bolboreta e o paxariño, Que lle pasou a coelliño?; Paquiño, a semente e a auga; Os amigos, Unha lagarta en avión; Galiña, pomba e gato; Un ben… con outro ben, A ra que perdeu o charco, A casa dos títeres, Pardela amiga…e Cantarolascon Xosé Neira Vilas.

Traballa en todos os xéneros, como pode verse: poesía en Cantarolas, narrativa en Os contos do Compay Grilo ou teatro en Xanciño coñeceu a lúa.

Co seu home compartiu tarefa, tamén, fundando e traballando na revista ZumZum dirixida a nenos e nenas, da que se publicaban uns 250.000 exemplares tódolos meses. Fóronlle concedidos premios de teatro, narrativa e outros, entre os que destaca, o Premio Nacional Ismaelillo da Unión de Escritores ou a Medalla da Amizade do Consello de Ministros da República Socialista de Viet Nam.

Anisia sabía da importancia do fomento da lectura, por iso, en Gres, na casa do Romaño onde está situada a Fundación Neira Vilas, puxo un especial interese na biblioteca que acollía á rapazada e maiores da redonda. Unhas e outros lembran o seu apoio á lectura. O seu home falaba da dificultade de escribir para a infancia e de como isto era algo que aprendera de Anisia, pola sinxeleza (e non simpleza dos textos) e o empeño, que entendía, debía poñerse na educación en valores, algo que sempre tiña moi presente. Por exemplo, nos contos do Compay Grilo van aflorando o respecto aos maiores (coma o Compay que pode facer música e contar en base á experiencia do Compay, por medio de sucedidos), o valor da amizade, a solidariedade e o traballo en man común como pon de relevo na historia da ranciña e o sapo ("Debaixo da auga"), a comprensión (con esa necesidade de escoitar e ver, de repensar antes de cabrearse) e o apoio aos demais ("O pitirre"), a valentía e innovación ao lado da serenidade ("A abelliña esproradora") ou a crítica á fachenda baleira, á comodidade e ao aproveitamento do traballo dos demais no conto da Paxara Pinta. Estas narracións de Anisia rematan con dous vocabularios: "Algunhas palabriñas de Cuba" que explica mediante un texto e unha ilustración e un pequeno vocabulario de palabras galegas que poden resultar de máis difícil comprensión.

En Cantarolas, o libro de poesía que comparte con Pepe Neira, consegue un ritmo envexable co que pon en movemento unha fauna que vén de alá e tamén recolle aquí: a cóbrega, a ran, a curuxa, a caracola, o cabalo, a araña, o sapo, o paspallás, o estorniño, o vagalume, a tartaruga, os coellos, a Paxara Pinta que aparece en varios textos de diferentes xéneros, ou a situación da parella de humanos que se preguntan acerca do lugar no que están ou aquela que pertence ao seu imaxinario da voda do sapo e a rá. A rima e a introdución do teatro, por medio do diálogo, achegan unha vitalidade especial aos poemas nos que a natureza campa con todos os dereitos.

A obra de Anisia ten moito de xenerosidade, de obra ao servizo das mensaxes e dos seus destinatarios. Xenerosidade que demostrou coa súa vida, cando deixa a Arxentina (onde estaba a gran universidade galega con Seoane e Maruxa, Dieste e Carmen Muñoz, Blanco – Amor que lles dá clases de galego, Arturo Cadrado e tantos outros) da man de Neira Vilas para poñer o seu gran de area na revolución cubana. Muller de acción traballou arreo e tamén estivo disposta a abandonar a illa e virse a Gres (unha pequena aldea da Galicia interior) para acompañar a Neira nesa nova experiencia na que ela perdía protagonismo e visibilidade.

Sentimos que as súas memorias quedaron sen escribir, porque o día da súa morte era o que sinalara no calendario para comezalas. Tal vez así se cumpriu o fado doutra vida de muller silenciada. Onde estea, seguramente está atenta ao que consigamos facer coa escrita das mulleres.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES