Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Día das Escritoras, unha data a ter en conta

martes, 27 de octubre de 2020
Este ano, o Día das Escritoras celebrouse o luns 19 de outubro.

Cada ano cambia a data porque sempre se conmemora o luns máis próximo á festividade de Teresa de Jesús. Arredor dela, naceu esta proposta da Biblioteca Nacional de España que comezou no 2016 e que cada ano lle encarga o comisariado a unha escritora. Neste 2020 correspondeulle a Elvira Lindo que escolleu o tema "O esforzo cotiá das mulleres".

A iniciativa da Biblioteca Nacional que ten como obxectivo a reivindicación da labor e o legado das escritoras ao longo da historia, conta coa colaboración da Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. A proposta é secundada por unha serie de institucións que conmemoran esta data, entre elas destacan os países centroamericanos (Panamá, Costa Rica, Guatemala, O Salvador e México), sudamericanos (Colombia, Perú, Chile e Uruguai), algúns africanos (Guinea Ecuatorial e Senegal) e dentro do Estado Español diferentes comunidades autónomas: Canarias, Andalucía, Asturias, Aragón, Baleares, Cantabria, Castela e León, Castela - A Mancha, Galicia, A Rioxa, Ceuta, Cataluña, Comunidade Valenciana, Extremadura, Madrid, Murcia, Navarra e País Vasco.

En Galicia, eu coñecín esta proposta da man de Ana Hermida da Asociación Cultural Lisístrata que estableceu unha lectura de textos en feminino na Biblioteca Ánxel Casal. Este ano 2020 foi secundada por primeira vez por parte da Fundación Neira Vilas e a Asesoría de Bibliotecas Escolares que difunde a actividade entre a rede de bibliotecas de centros de primaria e secundaria. Lemas como Palabra de muller, A loita cotiá das mulleres por estaren aí, Once anos lembrando a Anisia Miranda ou Legado en feminino falan do empeño por facer visibles as mulleres que escribiron en tempos difíciles. Entre as actividades que se realizan destacan as lecturas públicas, pero tamén aparecen a realización de vídeos, exposicións, visitas guiadas, conferencias, presentacións e sinaturas de libros de autora, presentación de biografías de mulleres escritoras ou a difusión dos seus textos nas redes sociais, a entrega de marcapáxinas con estas referencias, a atención ás recomendacións de escritoras, os encontros de mulleres para falar de libros de autoría feminina ou a realización de autorretratos con libros de mulleres, a divulgación de vídeos píldora de autoras que len un fragmento do seu libro, a emisión de programas de radio arredor deste tema dende a biblioteca, as mesas redondas sobre o tema – lema...

Este traballo realizado en cada un dos lugares para a valoración das escritoras, está apoiado moitas veces polos faladoiros e clubs de lectura das diferentes bibliotecas, polo alumnado dos centros educativos, polas escritoras da contorna e asociacións varias.

As escritoras seleccionadas por Elvira Lindo,para a celebración deste ano, proceden de diferentes lugares. De España, están as voces de Teresa de Jesús, Elena Fortún, Ana Mª Matute, Josefina Carabias, Luisa Carnés, Gloria Fuertes, Victorina Durán, Concha Méndez; do outro lado do océano: Sor Juana Inés de la Cruz, Dulce Mª Loynaz, Blanca Varela, Idea Vilariño, Circe Maia e Ida Vitale. Entre as catalás, Mercé Rodoreda; entre as vascas: Errose Bustintza e Carmen Baroja y Nessi, e entre as galegas, recóllense as voces de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Pura Vázquez, esta última cun texto en galego.

Nun mundo xusto e igualitario non teriamos que facer nada máis que imprimir os textos seleccionados por Elvira Lindo, pero no que nos tocou na actualidade cun idioma a piques de se perder e cun país enfermo de baixa autoestima, toca aproveitar cada acto, cada iniciativa, cada oportunidade... para que igual que facemos presentes as mulleres (porque foron marxinadas) temos que facer o esforzo por visibilizar o noso: a nosa lingua e as nosas escritoras. Cando chegue o maio que pedía Curros Enríquez...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Si, cando chegue ese maio seremos os primeiros en presentar as escritoras de todo o mundo nas súas propias voces. Pero aínda non son chegados os tempos do himno e teremos que seguir a traballar polo máis próximo para así continuar facéndoo polo máis afastado sen que ninguén desconfíe de "pose" ou complexo de inferioridade.

O Día das nosas Escritoras, está aí, dende a Biblioteca Nacional para as terras de España (e do resto do mundo) e para as súas linguas, porque a Biblioteca Nacional é de todos e todas; un faro que alumea ao lonxe e nos reconforta.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES