Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Referencias etnográficas do Concello de A Pastoriza, Lugo (1)

jueves, 15 de octubre de 2020
Publicado en GUÍA DE "A PASTORIZA". Ed. Concello de "A Pastoriza". Ano 2019.

O meu labor neste municipio é tratar de describir e analizar dun xeito obxectivo o eido das tradicións orais, actos festivos, ritos, prácticas sociais…que constituen o medio de expresión de manifestacións vivas nunha continua evolución. Por tal motivo, é mester captar o significado que as persoas deste ámbito territorial lle deron e dan aos seus actos, as súas ideas e ao mundo que lles rodea.

Por tal motivo, dende unha óptica etnográfica, considero que cómpre facer alusión as lendas, que constituen a base do imaxinario colectivo deste municipio. Tamén a prevención e sandación dos diferentes integrantes da facenda familiar e, polo tanto, á menciña e veterinaria dende unha perspectiva oficialista e popular cadanseu. Asi mesmo, isto danos pe para considerar e facer mención a unha serie de símbolos, que non só van protexer a facenda de axentes climatolóxicos adversos: pedrazo, trevoadas, Referencias etnográficas do Concello de A Pastoriza, Lugo (1)xelo, senón tamén de todo aquilo de índole maléfica, que pode ocasionar alteracións moi profundas no ámbito familiar. Finalmente é mester facer mención á festa, como elemento relevante, que serve para liberar as tensións ocasionadas polo traballo, polas doenzas, e polas angurias e medos; e, tamén, facer referencia a algúns contos e ditos populares, que servan para ocasional divertimento no ámbito comunitario.

I . LENDAS
Pois ben, comezo a miña viaxe falando das lendas como relatos orais, que amosan unha ubicación espacio-temporal, e que nos refiren o modo excepcional e as ideas esenciais dos seres, tanto naturais como sobrenaturais, da nosa sociedade tradicional. Nas lendas é relevante dar unha información clara do marco espacial no que se desenvolve; do obxecto central do relato; e dos persoeiros, que toman parte. Ademais, as lendas podemos clasificalas, seguindo o arquetipo de Vicente Risco, mais engadindo novos principios. Así, neste concello, distinguimos entre lendas etiolóxicas; lendas haxiográficas, lendas de seres extraordinarios: encantos, mouras, mouros…; lendas de seres, provocadores de "medos infantis": os Cocos.; e lendas sobre algúns entes ligados coa morte: agoiros, sinais, e ánimas.

1. LENDAS ETIOLÓXICAS
As lendas etiolóxicas, tratan de explicarnos a orixe dunha cousa ou dun feito. Así, os nomes dos pobos, ríos, montes etc... non son froito da casualidade, senón que na súa orixe encontramos trazos moi relevantes nos que a realidade se mestura coa ficción. Neste apartado incluímos unha serie de lendas como a dos "Ollos do Miño", situada na lagoa de Fonmiñá.; a lenda do lugar do "Salto do Can", ubicada na parroquia de Saldanxe; e a lenda sobre a "Pena do Tempo", en Pousada.

1.1. Lenda sobre 'Os Ollos do Miño'.
Na Pastoriza encontrase a "lagoa de Fonmiñá", que estivo considerada dende sempre como o lugar no que nacera o río Miño, ata que pasado o tempo soubose que fora no Pedregal de Irimia, situado uns kms. máis arriba da lagoa.

Pois ben, ainda hoxe hai a crenza por parte dos lugareños de que a lagoa de Fonmiñá ten unha profundidade insondable e que no máis fondo encontrase un pobo mergullado do que xorden, nos días de neboa e noites de treboada lamentos. Con respecto á profundidade desta lagoa hai referencias lendarias que nos din : "que un bo dia caeron na lagoa dous bois, un carro, e un home, que viñan de Mondoñedo e que nunca máis se soubo deles". Tamén se fai referencia "a que nas cercanías da lagoa había un rabaño de eguas, que caeron na auga ou que as tiraron, e que nunca máis se soubo delas". Así mesmo, faise mención “a que dous homes colleran unha pedra e que a ataran con moitas cordas para saber a profundidade, que tiña a lagoa e que nunca o deron sabido".

Por outra banda, dícese "que nas augas desta lagoa viven uns seres mitolóxicos, chamados Xacios, que teñen a metade do seu corpo forma humana, e a outra metade forma de peixe.

Estes son os causantes, ao respirar, das barbullas, que emerxen do fondo da lagoa e que a xente do común aínda lles segue dando o nome dos "Ollos do Miño". Desta lenda, o poeta chairego Xosé Otero Canto, seguindo a pegada doutros poetas chairegos como Manuel Mato Vizoso, Xosé María Chao Ledo, e Xosé Luís García Mato, fixo un romance, que leva por título: Lenda de Fonmiña. Os Ollos do Miño.

Cito as estrofas do IV. Poemario.
"Os Xacios son uns entes
e son algo peculiar,
a metade do seu corpo
é a dun home cabal,
e a metade para abaixo
teñen aleta caudal
e un rabo como unha troita
e ser quen de nadar.
Seres da mitoloxía
habitantes do lugar.
Dióxido de carbono
despiden ao expirar
que se converte en barbullas,
rastros do seu deambular,
chamados Ollos do Miño
que aboian en Fonmiña".

1.2. Lenda da 'Pena do Tempo'.
Na parroquia de Pousada comentase "que hai unha pena, que serve para indicar se vai chover ou vai facer sol. Cando a pena ten unha especie de pucho na punta, provocado pola existencia de néboa, vai chover; non embargantes, cando a néboa fica no fondo mais arrodea á pedra, e sinal de que vai facer bo tempo".

1.3. Lenda sobre o lugar do 'Salto do Can'.
Trátase dun lugar da parroquia de Saldanxe (A Pastoriza), que lle debe o nome a unha loita, que houbo noutrora entre cans e lobos, e cando a refrega estaba no seu punto Referencias etnográficas do Concello de A Pastoriza, Lugo (1)máis álxido aconteceu que un dos cás deu un salto tan elevado, que pasou por riba dos demais. Mais como se chegou ao enfrontamento en cuestión entre dúas especies, pertencentes a un mesmo xénero? No imaxinario popular está presente "a idea de que hai moito tempo os cans de moitas partes de Galicia debido ao maltrato, que recibían dos seus donos, decidiron era era conveniente xuntarse para tentar facer algo. Pois ben, cando viñan de cara a Bretoña, estimaron que o máis prudente era deixar os seus cus pendurados dos carballos. Desta maneira creían que os lobos non conseguirían averiguar o lugar de xuntanza. Non embargantes ao chegar ao "Salto do Can", apareceuselles unha manda de lobos. Os cans marcharon tan de presa, con tanta celeridade, que ao pasar polos carballos, onde deixaran os cus, cada un tomou o primeiro que encontrou. A partir dese intre o primeiro que fai un can, cando se encontra con outro, e cheirarlle o cu, e deste xeito poder averiguar se leva o seu". Foi aquí onde tivo lugar o famoso "salto do Can", do que falamos anteriormente (Galicia Encantada. Reigosa. Inf. Belén Otero).
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES