Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Enrique Liste na memoria

viernes, 09 de octubre de 2020
Hoxe vou ter unha lembraza para Enrique Jesús Liste. Na casa tirábanlle por Jesús. Tal foi a súa sona entre as tropas republicanas que o poeta Antonio Machado dedicaralle un poema que remata dicindo: “Si mi pluma valiera tu pistola /de capitán contento moriría”. Sentíase orgulloso dese poema machadiano. Se se lle pedía, con moito rubor, recitábao. A primeira vez que o coñecín foi pola volta de 1978 na casa familiar de Ameneiro, en Teo.

Levárame Luís Soto, que fora director de Nova Galicia, unha publicación que se distribuía nas frontes de guerra. Despois de chegarmos á hora acordada para almorzar, ás 10 da mañá, recibíunos na casa da aldea na que moraban as súas irmás, Aurora e Manuela, ambas as dúas manifestaban unha gran adoración polo irmán.

Aquel día chegamos ás dez da mañá e despedímonos pasadas as doce da noite. Sen apenas movernos da mesas na que almorzamos, tomaramos a parva, xantamos, merendamos e ceamos, sen solución de continuidade, como se adoita dicir. Ese día, escoitando falar a Luís Soto e Enrique Lister, aprendín máis que un estudante de historia contemporánea na Facultade.

Íanse sucendendo feitos e anécdotas clarexadoras para coñecer o que acontecera no primeiro terzo do século pasado. Líster –o seu verdadeiro apelido era Liste- falaba de Mao-Tse-Tung, Hô Chi Minh, de Ernesto Che Guevara, Fidel Castro, Stalin, Dimitrov, de Kruschov ,etc., e de todos os dirixentes de sona internacional, con coñecemento de causa por telos tratado persoalmente.

As primeiras horas da conversa pasounas falando en castelán cun sotaque metade galego metade ruso, malia que Luís Soto lle insistía para que o fixese en galego. A iso do medio día rompeu a falar en galego tan correctamente que mesmo o léxico delatábao como un galegofalante que fora nos seus anos mozos.

No momento que centrou o seu interese por min -Luís Soto, sempre tan xeneroso comigo contoulle loas de min - díxenlle que sabía del dous datos biográficos seus que ninguén máis sabía. Arregalou aqueles seus ollos coroados polas densas cellas que tiña, e preguntoume:

-Que é iso que só sabes ti?
-Que non és de Calo; porque teño entendido que naciches en Piso, parroquia de Arcos de Furcos, do concello de Cuntis, fronte á miña, Couselo, repondínlle eu de corrido.

- Pero tamén sei - proseguín- que te iniciaches no oficio de canteiro con Manuel González Cernadas, sobriño neto do Cura de Fruime, e que tiñas de compañeiro a Xoán Xesús González, fundador da Unión Socialista Galega, “paseado” en 1936.

-Quen che contou todo iso?-, preguntoume soprendido.
- Meu, pai, que era fillo de Manuel-, remachei.
-Pois sí, señor, así é. Gardo boas lembranzas do Sr. Manuel. Moito falabamos no verbo dos arxinas, rediós!-, dixo con repousada emoción.

A última vez que vin a Enrique Liste foi en Redondela. A derradeira foi vía telefónica días antes de morrer. En agosto de 1986 encargárame de organizar o 50 aniversario da Guerra Civil. Pola mañá leváramolo a coñecer a Illa de San Simón. Aquela excursión conmovérao, e nós,unha vez máis, gozamos do seu saber . Pola tarde participou nunha mesa redonda na Casa da Cultura acompañado de Isaac Díaz Pardo, Isabel Rios, protectora do celebérrimo guerrilleiro “Foucellas” e Evaristo A. Mosquera que estivera confinado na illa. Foi tal o xentío que acudíu que non houbo xeito de que collese na sala. Moitos quedaron fóra, poñendo a orella para escoitalo falar polos autofalantes. Rematado o acto, con moita discreción entregueille un sobre e díxenlle: Enrique, moitas grazas por acudires ao meu chamamento. Aquí tes o pouco diñeiro co que che pode recompensar o Concello por te achegáreste aquí. Abriu o sobre con aqueles seus dedos gordos, contou o diñeiro que había nel, e moi agradecido déume unha aperta fortísima. Nunca tanto me pagaron na miña vida-, díxome. Eran cincuenta mil pesetas que o Concello consideraba, a proposta miña, unha cantidade axeitada. Como era un home listo, afeito a observar aos que o rodeaban, e porque se decatara dalgún detalle, preguntoume: Como te tratan estes?, preguntoume sinalando para a Casa do Concello. Que queres que che diga que ti non saibas, coñécelos mellor cá min!-, contesteille con toda sinceridade.

-Non te fíes, que nunca foron xente de palabra-, sentenciou. Que razón tiña! Anos despois púideno comprobar. Miseria por todos os lados.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES