Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Feira do 48

jueves, 17 de septiembre de 2020
Nos meus tempos da radio, se agora mesmo nos abriran o micro, teríamos que dicir: Acompañándoos Radio Popular de Lugo, que emite simultaneamente en Onda Media e Frecuencia Modulada. Son as 11,48 do sábado, 12 de setembro de 2020, e fai un sol espléndido!.

As 11,48…

Hai uns anos estiven en Suíza, na cidade de Lucerna, e na estación de ferrocarril á que acudimos para subir a un tren cremalleira que nos levaría ás alturas nevadas informáronnos de que o tren saía a “e doce minutos”… “ás dez e doce minutos”, e así foi, coa precisión cronométrica dun reloxo suízo. E pensamos: na nosa terra isto non tería sentido. A quen se lle ocorrería poñer alí a “e doce”, cando aínda a “e cuarto” ou “e media” nos parece que é partir as horas de xeito non natural? E sorprendería tal precisión cando aquí nos rexemos pola regra de “mais ou menos” cando se trata de cuestións temporais.

As 11,48… máis un minuto, máis ou menos…non se trata aquí de que Cántigas e Frores quixera aplicar na capital lucense a precisión suíza, senón de facer constar moi intelixentemente que o número 48 deixou marcados a todos os membros deste colectivo pasados, presentes e futuros, porque a data de nacemento é decisiva para calquera persoa e, do mesmo xeito, para calquera colectivo de persoas.

Mencionar 48, para a inmensa maioría dos presentes é remontarse a un tempo impreciso no que a persoa moza ou madura que me escoite non era aínda un proxecto, nin sequera un anteproxecto… Quizais os seus pais aínda non naceran, ou comezaban a camiñar, sen ser conscientes de que aquel ano ía quedar marcado para sempre na historia da cultura e da sociedade da cidade de Lugo.

Só os de idades venerables, que camiñamos polas rúas lucenses coa conciencia de ser case testemuñas da construcións das rúas e das casas que as limitan, podemos calcular a infinita distancia temporal entre 1948 e o 2020… e nun suspiro máis, un século.

Non é que eu teña lembranzas de 1948, que a fin de contas viña de cumprir o meu primeiro ano de existencia e non tiña máis conciencia ca a do meu reducido contorno familiar nunha Vilalba que daquela me parecía o mesmísimo centro do mundo.

Cando os anos xa me producen un vértigo natural, a min asómbrame comprobar que se pode ser simultaneamente vetusta e moza, e Cántigas e Frores conxuga a experiencia do longo camiño percorrido coa ilusión da xente máis nova que loita a cotío por conseguir o seu lugar no mundo.
Neste caso, si que se pode precisar: “e 48”. Con todo o coñecemento, a ilusión e o dereito do mundo.E a pura mención fai que fagamos unha viaxe no tempo, a ese tempo descoñecido, a ese Lugo de 1948 cando se fusionan dúas agrupacións meritorias que se chamaron “Cantigas e agarimos” e “Flores e silveiras” e naceu para a historia “Cántigas e Frores”.

Confluían dúas iniciativas culturais, musicais, dous conxuntos de ilusións, chamadas ao futuro. Porque a ilusión pode ser flor dun día…pode durar un ano… Pero durar 70 anos é ben difícil manter unha ilusión, cambiando tanta xente, tantas actividades, tanto ambiente, tanta vida…

É ben difícil que unha empresa, unha iniciativa comercial, xa non digamos cultural, supere o tempo de vida do seu creador ou creadora… E o mesmo que ocorre coas empresas, seguro que hai ou debería haber estatísticas que nos dixesen cantas iniciativas superan o primeiro ano de vida, cantas coroan activas o primeiro quinquenio… as poucas que chegan a un cuarto de século… e os poucos dedos dunha man que fan falla para contar as meritorias iniciativas consolidadas polo seu traballo, que medran e permanecen no ermo social da cultura, dentro dunha sociedade mercantilista na que a primeira crise que xurda fai mover os cementos que sosteñen a fráxil estrutura do “primum vivere”, e derrubarse estrepitosamente o “filosofare” que engloba todo o que non produce beneficio económico, e sen embargo proporciona incontables beneficios morais, espirituais, intelectuais, persoais e colectivos, modestos ou inefables, que a todos nos afecta, e en todos nós repercute.

Mesmo eses beneficios non teñen límites nin fronteiras, e eu fun testemuña da incursión de Cántigas e Frores na Arxentina, en 1986, hai 34 anos, para participar na I Semana de Lugo en Bos Aires, o entusiasmo que as súas actuacións espertaban nos galegos da diáspora, que correspondían coas actuacións das súas agrupacións galego-arxentinas.

E do mesmo xeito que unha persoa pode face recapitulación nun momento crucial da súa vida, que pode coincidir cunha cifra rotunda de idade, Cántigas sentiuse co deber e co dereito de, ao cumprir setenta fermosos anos, ollar cara atrás con compracencia, e formular obxectivos de futuro, sabendo que como Machado indicou “faise camiño ao andar”, e o Camiño, pode ser infinito.

Se cumprir setenta anos foi memorable, a experiencia entenderon que había que repetila, e volver a recuncar unha e outra vez, e a Feira do 48 vale para coller máis forza cada vez cara ao futuro. Para facerse máis novos, para –como quería Violeta Parra- “Volver a los diecisiete…después de vivir un siglo”…

Velaquí o símbolo… dixen que a cultura era fráxil na súa estrutura ou organización… Non en esencia nin en realidade. Baste pensar que Pinochet prohibiu esta canción por estimar que socavaba a súa autoridade dictatorial.

“E 48…” Volvendo a esa cifra mítica, fundacional, esencial, volve realmente Cántigas ao espírito das vellas feiras que eran cita de xentes, xuntanzas familiares, convivencia social, ocasión gastronómica e festeira, berce de amores… ledicia colectiva.

E o que Cántigas provoca nesta Canella do Hospital, conxugando artes e oficios, música e baile, pasado e futuro, ten que ser un contaxioso impulso para saír do marasmo dunha infame pandemia que nos arrepía e nos empuxa a volver ao máis ruín individualismo, que mesmo parece querer silenciarnos obrigándonos a cubrir cun pano a nosa expresión, como para filtrar os nosos desexos de paz e de traballo, de convivencia e familia, de ledicia e de esperanza…

Que as miñas verbas que a través do pano soan amortiguadas cheguen a todos vós cos parabéns cordiais pola vosa historia e polo voso presente, e a seguranza de que pasados e presentes así garanten futuros luminosos para todos e cada un de vós/nós.

Eu desexo que vivades moitos “corenta e oitos”, que lembredes sempre de onde vides, para saber moi ben onde queredes chegar…E así como ningún de vós puido disfrutar daquel ano, para vós de gloria, poidades no 2048, que está aí, á volta da esquina – 28 anos, podo asegurárvolo, pasan moi axiña- explotar de ledicia no voso primeiro século de vida.

Por lei vital, coido que eu non o verei –ou quen sabe!... terei daquela, se vivo, 101 anos- pero se vivo e me entero do que pasa ao meu arredor, agardo que me chamedes; que me deixedes vir e participar, por se me quedan forzas para darvos, como agora o fago, o meu máis amistoso, admirado e entusiasta, aplauso.

(Pregón da Feira do 48, organizada en Lugo por Cántigas e Frores, pronunciado por Xulio Xiz o 12.09.2020)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES