Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os outros e nós mesmos

miércoles, 30 de abril de 2008
Quen son os outros? Quen somos nós? Hai trinta anos un rapaz negro vendendo na feira de Rábade obrigaba á maioría a demorar o paso para mirar algo tan novidoso. Hoxe ninguén volve a vista se ve a ese rapaz negro da man dunha rapaza branca empurrar un carriño cun bebé. E sen embargo, hai barreiras que aínda seguen en pé. Son os duros valados que levanta o medo e a intolerancia ante o outro, ante o estraño.

Moito máis altas e letais que as aramadas de Ceuta e Melilla, moito máis pechas que as do novo apartheid dos xudeus en Cisxordania, moito máis longas que a Gran Muralla que tenta separar México de USA son os valados de arame de espiño que separan os corazóns dos que falan distinto, visten peles de cores diferentes e rezan a distintos deuses, que seguramente son o mesmo Deus.

Hai unha morea de anos, Roger Garaudy escribía o libro Diálogo de civilizacións. Este concepto que hoxe se quere recuperar, tivo una dificilísima andaina ó longo dos camiños dos pobos e da historia. As civilizacións europeas, coa súa superioridade tecnolóxica arrasaron espléndidas civilizacións americanas. Esas civilizacións occidentais romperon África nunha especie de damero que aínda hoxe está a pasar contas: en Kenia, en Chad… A relación entre cristiáns e musulmáns case sempre foi una relación de coitelos e non de palabras.

Os outros son estraños dos que convén desconfiar. Ós que paga a pena destruír. Dos que convén separarse con infinitos valados, muros, aramadas, murallas e fronteiras. Para diferenciar ós outros de nós mesmos fomos capaces de inventar patrias e bandeiras, palabras como estranxeiro, teorías como o apartheid. As limpezas étnicas estiveron e están de actualidade. Hoxe declaramos ilegais a persoas que viven entre nós. Son “os outros”, pero… poden as persoas seren ilegais?

Tamén é certo que os portos de mar, os camiños, as grandes rutas comerciais, as mestizaxes son portas abertas que indican que os que vemos como os outros, como “outros” nos ven eles a nós.

Pero antes que tribo, clan, pobo ou nación, antes que masa, somos persoas. E cando nos miramos nos espellos dos outros o que vemos son persoas, semellantes, próximos. Irmáns. Para mirarse neles hai que falar e escoitar. É dicir: dialogar. Hai que meterse na súa pel. Hai que se coller das mans. Éche a única postura intelixente nesa aldea global de McLuhan, cada vez é máis pequena, próxima. E onde a cultura cada vez é máis híbrida, mestiza, heteroxénea.

Este pequeno mundo vai ser máis multiétnico, máis multicultural porque etnias e culturas tanto tempo ignoradas falan cunha voz cada vez máis audible. E vai obrigarnos a facer sitio na mesa ós que cada día son invitados polos medios de comunicación, pero xamais poden sentar nela.

Quizais non sexamos capaces de derrubar o arame de espiño que fomos levantando dentro de nós. Pero podemos permitir que a sementeira da solidariedade dos soños, da fe no futuro, da igualdade que fai posible a liberdade, da fraternidade universal agrome nos máis novos que aínda non levantaron muros no corazón.

Daquela os outros seremos nós mesmos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES