Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

lunes, 28 de abril de 2008
Meu benquerido Antón

Hoxe, por ser 25 de abril debería falarche de Portugal, pero non. Xa cho dixen o venres pasado: hoxe é un día para falar do Racing Club Vilalbés. Porque, efectivamente, á tardiña, Sesé Roca e Manolo Roca han presentar o libro que con tanto agarimo escribiron para que quede constancia da historia do noso club, unha narración pormenorizada, asentada en documentos de primeira man, ilustrada con fotografías de infindas lembranzas e, para que nada falte, o libro estará acompañado de un DVD que nos permita escoitar e ver en vivo a moitas daquelas persoas que foron a substancia da entidade e que aínda andan vivos entre nós recordando aos que xa se foron. Vai ser unha festa, espero. E será festa grande porque terá música: as institucións musicais existentes na nosa vila quixeron colaborar na celebración do setenta e cinco aniversario do Racing ofrecéndolle o mellor agasallo posible: voces e clarinetes. A Coral Vilalbesa e a Banda Municipal foron quen de se xuntaren para poñer en solfa, en agradable solfa (nunca mellor dito) o himno dos futbolistas de Vilalba. Xa verás, meu Antón, que ben vai soar aquela música que fixo Celestino do Longo nos anos vinte do século pasado para resaltar un poema de Carmiña Prieto Rouco onde se escoitan as palabras épicas, afoutas, típicas daquela época, agora en desuso, pero que, por iso mesmo, son coma unha gorentosa larpeirada para os que, coma ti e coma min, nos gusta gozar das vellas cousas que, por antigas, convertéronse en tenras e entrañables, algo que levamos nas entrañas. Xa te estou imaxinando, meu Antón, a escoitar con ollos humedecidos aquilo que di: Al viento alas pedid y alas poned en vuestros piés y triúnfe en noble lid el Racing Villalbés.

Pero, meu Antón, aínda quero subliñar outra cousa. A de hoxe pódese considerar unha data histórica dentro da vida cultural vilalbesa actual, porque non se trata só do que representa a celebración do fútbol senón tamén porque se da esa estupenda conxunción das tres entidades desta nosa Vilalba. Hoxe si que poderemos dicir, coma no catecismo: tres entidades distintas e unha soa Vilalba verdadeira. E seguramente, a partir de hoxe, cada tarde de fútbol no estadio da Madalena, poñerán sen dúbida o himno ao comezo do partido. E con tales acordes hanse encher de entusiasmo aquelas rapaciñas que sempre vexo nas gradas, a contemplar as evolucións, deportivas e humanas, dos seus admirados mozos alí vestidos de vermello e verde: seguro que a música ha de transformalas en bellas huríes, como di o texto de Carmiña. Por certo que, con tal motivo, non me resisto a reclamar algo que sempre me dis cando me levas canda ti a presenciar algún partido: non parece moi explicable que, tendo un equipo moi ben situado na clasificación da liga, non haxa máis aló de duascentas persoas nas gradas do estadio. Xa se sabe que a televisión énchenos de fútbol, pero non é o mesmo: alí no campo de Vilalba está o verdadeiro fútbol, o esforzo dos rapaciños que queren gañar.
Na tele están os mercenarios que só se esforzan de verdade en moi contadas ocasións. Eu xa non os vexo nunca porque me parece algo noxento.

Así que hoxe, meu Antón, non che escribo máis. Agardo por ti esta tarde e habemos xunguir as nosas voces ás da Coral soportados todos pola música da Banda.

Cóidate. Unha aperta.
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES