Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memoria da chaira enteira

miércoles, 09 de septiembre de 2020
Hoxe non é hoxe. Hoxe é outra data roubada pola terrible pandemia que estamos a vivir. Hoxe eu tiña que erguerme, almorzar e darlle os últimos retoques a un poema antes de poñer rumbo a Outeiro de Rei. Ás 13 chegaría á casa da radio e pediría un viño. Pouco a pouco chegariades vós: a tribo do Manuel María, a irmandade na que milito e que me conforta. A xornada empezaría cun feixe de bicos e apertas que precede a un xantar que gozaría onda Antón Valcarce pero non lonxe de Mero, Mini, Miro, Raúl Río, Raúl Galego, Xulio Xiz, Alfonso, Abella, Quintas, David, Valdi, Marica, Tareixa e tantos corazóns irmandados.

Despois de manter o corpo, o espírito turraría por el cara Pena de Rodas para visitar eses penedos telúricos que Manuel temía que lle levara o vento.

Naquel altar presidido polo poema do “Terra Chá”, recitaríamos ao Manuel chamadas e chamados pola voz rexa e agarimosa de David. Antón cantaría “A ti, Manuel” e Raúl poñería son de gaita.

No cemiterio xuntaríasenos Saleta e máis amigos. A tribo cantaría “O carro” baixo os acordes de Mero. Entre aromas de outono e suspiros de verán alguén ofrendaría unha rosa en nome da Irmandade, tras del/a todas/os nós.

Momentos de emoción que cheiran a liberdade deleitada en roucos sons que sempre nos agariman. O Himno Galego empezaría no preludio: “érguete xa Galicia” e todos secundaríamos aos músicos da nosa irmandade.

En Santa Isabel a Irmandade homenaxearía a alguén coa navalla do Manuel que con ela repartiría pan e queixo. Daríase outra navalla a título póstumo. Miro cantaría “A Fala”, soarían outras voces e de novo a gaita. Pouco a pouco anoitecería e a Santa Isabel deitaríase outro solpor máis ao carón do pai Miño.

Este ano nada foi igual. Velaí, Manuel, todo o que a pandemia “atou de pés e mans” pero volveremos en alborada á Chá para cantar os teus versos como unha tribo de porvir.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES