Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Isaac Díaz Pardo, un xigante

martes, 01 de septiembre de 2020
O título deste artigo non é fantasioso, Isaac era un home máis ben miúdo fisicamente tal coma o coñecimos, pero transmitía unha grandeza de espírito inmensa, capaz de mergullarnos con paixón no océano da súa entrega total a Galiza.

A nivel persoal coñecino a finais dos sesenta nos seus espazos vitais, e tamén acompañeino algún 14 de agosto, na cuneta onde asasinaron os fascistas ao seu pai Camilo e ao estudante Sixto.

O pasado día 22, Xermolos celebrou os primeiros cen anos de Isaac, nun encontro ateigado de mocidade e infancia procedentes de varias comarcas do país, moitas e moitos acompañados de parentes, fachendosos por recibir as súas crianzas o recoñecemento do XLI Certame Terra Chá. Neste ambiente enchoupado de sensibilidade artística e pulo creativo, acaía coma un fito prodixioso o centenario dunha das persoas máis senlleiras.

Celebramos un dos valedores máis significativos da Asociación Xermolos pola súa valía ética e artística, e así o recoñecimos cando o nomeamos “Chairego de Honra” naquel encontro no San Alberte, o sete de novembro do 2009.

Estabamos a remarcar naquela xornada o seu compromiso co país incentivando novas industrias dende as nosas raíces, unindo tradición e modernidade, mesmo introducindo a arte nos nosos fogares, universalizando a cultura en aras da vida cotiá e demostrando que o traballo cultural tamén ten que xerar beneficios económicos, aínda que el sempre viviu dun xeito austero, poñendo sempre o seu inxenio ao servizo das artes e do pobo.

Con el aprendimos que a identificación co noso é o que nos axuda a ter unha ollada global coma acontece cos seus deseños valorados en todo o mundo.

No exilio e na emigración, no seu desenvolvemento nas artes plásticas e na cerámica, foi sempre un activista cultural, a través da Fábrica de Cerámicas do Castro, do Laboratorio de Formas de Galicia, o Museo Carlos Maside, edicións do Castro..., editando os libros máis indispensables para coñecer mellor Galiza, endexamais con criterios comerciais, senón primando o rigor e a pluralidade.

Non esquecemos o labor importante das Galerías Sargadelos no espallamento da nosa cultura coma centros de exposicións, relatorios, presentación de libros, etc., emporiso, Xermolos volveu a celebrar a súa memoria no Museo do Pobo Galego, o dous de marzo do 2017, cimentando no seu nome o que ía ser para nosoutros o Ano Europeo do Patrimonio Cultural: dar a coñecer con enerxía os achados arquolóxicos da Chaira.

(Alfonso Blanco Torrado é Presidente da Asociación Xermolos e da Irmandade Manuel María da Terra Chá)
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES