Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As aparencias do garfo

jueves, 27 de agosto de 2020
Antes de entrar no contido temático, creo que lles debo a vostedes algunha explicación do termo “garfo”, que traduce ao galego o castelán “tenedor”; nada estraño, pois incluso en castelán, “garfio”, designa un instrumento de ferro, con punta aguzada, e procede do latino GARPHIUM, punzón para escribir. E se fago referencia a este instrumento da mesa, élles pola súa importancia histórica, que, como iremos vendo, cando APARECEU na mesa comportou unha manifestación, unha APARENCIA DE CORRELACIÓN , cun certo grao de progreso na civilización social.

Está documentado que as formas de conduta na mesa veñen implicadas polos modos de comportamento que, transmitidos pola mesma sociedade, corresponden a unha estrutura social. Reparen na seguinte anécdota histórica: Aló polo século XI, un caudillo (“dogo”) veneciano casou cunha princesa bizantina, en cuxa corte xa se utilizaba o garfo; pero en Venecia era un instrumento tan descoñecido que produciu escándalo nos eclesiásticos venecianos, ata o extremo de que rogaron que caera sobre ela a ira divina; e padecendo a princesa unha desagradable enfermidade, con non pouca estrañeza na actualidade, chegou a comentarse que era un castigo de Deus. Cómo cambian no transcurso do tempo os sentimentos…!!.

Na Idade Media os alimentos, incluso nas mesas da nobreza, collíanse directamente das fontes coas mans. Outra modalidade era inadmisible, inda que, para evidenciar certa elegancia, aconsellábase collelos con tres dedos. E no palacio real, en Francia, había só dous garfos, pero por luxo, non para comer con eles. Eran de ouro. Non obstante, segundo nos informa un estudoso documentadísimo, aló polo século XVI, introdúcese nas clases altas francesas o garfo, procedente de Italia; pero no XVII non había perdido a súa condición de obxecto de luxo, na mesma mesa, construído con ouro e prata, por suposto.

Como vemos, imperaban as costumes e mantíñanse as aparencias, xa que chegou a considerarse a utilización dos garfos na mesa indicativa dunha elevada liñaxe. Pero centremos a nosa atención en que as aparencias, neste caso, eran a expresión de melloras, posto que comer coas mans era máis antihixiénico que facelo co garfo, pese a que produciu rexeitamento nesas mesmas mesas da alta nobreza. E tivo, non obstante, que pasar moito tempo para que o uso do polémico garfo chegara a ser considerado, en xeral, unha APARENCIA REAL dunha conveniente medida hixiénica.

Por outra parte, se imaxinamos o garfo como unha manifestación dos modos de comportamento transmitidos pola sociedade – algo que se nos ofrece con bastante certeza –, podemos encadralo, nesta perspectiva, nun saber filosófico, e, para maior aproximación, no pensamento de Kant, quen introduce o termo FENÓMENO, para designar correlativamente o referente no coñecemento, con máis ou menos fidelidade, é dicir, o grao de comportamento social, no aquí exposto, considerado este como unha costume EN SI MESMA, nunca ben reflectida na percepción, no uso correlativo dese instrumento, coas súas compoñentes sociolóxicas e a súa propia realidade esencial.

Así que despois deste brevísimo recorrido histórico, procede preguntarnos se na actualidade os comportamentos soen ter manifestacións sociais tan triviais como o do garfo. Eu non lles son especialista nestes mesteres; pero intúo que tampouco estamos escasos destas manifestacións, mediante a introdución de aparencias que, aínda que, como linguaxe subconsciente, “in puris naturalibus ”, poden ter unha correlación significativa en persoas de relevante popularidade, relativa a posible e suxestiva anticipación nas aparencias de xesticulacións inoportunas, coletas, moños, aros, desaliños arrogantes, etc., que ocultan rogos implícitos, nalgúns casos, á ira, non da divindade, senón do ocasional ou adventicio, para que a historia retroceda ao atavismo ideolóxico – no que soen estar obstinados –, facilitada pola IMPREVISIÓN da cordura.

Pero xa que fixemos referencia a Kant, aclaremos un pouco o miolo do seu pensamento nesto das aparencias. Sinxelamente, e en dúas palabras. Escrebe este filósofo alemán que nosoutros non percibimos as cousas tal e como elas son en si mesmas (Sache an sich) na realidade, senón certas aparencias. Por isto distingue entre FENÓMENO (Phänomen, Erscheinung), o que percibimos á través dos sentidos, da experiencia sensible, e NOÚMENO, aquilo que coñecemos mediante a aplicación da razón, esencialmente a cousa en si mesma. Cabe, pois, preguntarse se as aparencias non poden levarnos a erros neste caso, como coloquialmente se intúe cando se di que “as aparencias enganan”. Aquí procede seguir os criterios de verificación, contrastando o contido do fenómeno coa realidade “nouménica”, para desvelar na correlación de ambos o grao de verdade ou falsidade.

Non obstante, se analizamos as aparencias cando están en correlación con realidades sociais, como é o caso do uso do garfo nas mesas medievais, vinculadas ás formas vitais xerais e á estrutura total do ser do home medieval, ASÍ COMO HOXE EN DÍA O ESTÁ O NOSO COMPORTAMENTO Á ESTRUTURA DA ACTUAL SOCIEDADE, é preciso tomar precaucións especiais.

Pero eu aquí quero levar, polo que respecta a actualidade, a unha cautelosa PREVISIÓN, posto que, se as aparencias permiten conxecturar INDICIOS DO QUE HA DE SUCEDER, e que, a vez, isto se considera nefasto, hai que actuar para evitar que ocorra, e desta maneira xa non procede o emprego da verificación. Ademais, indiscutiblemente, esta decisión xustificaría os reparos en incorporar a postos elevados nos mesmos gobernos ás persoas só por escasas aparencias ou experiencias fenoménicas que acusen o seu dubidoso comportamento futuro. Non facelo así comporta expoñerse a riscos que poden encerrar consecuencias non desexadas e impertinentes. E estas decisións ten que tomalas, evidentemente, quen posúa autoridade competente para facelo, sen descartar a vixilancia e apoio do pobo, que debería reflectilo nas prácticas electorais. Deste modo evitaríase, por exemplo, que o noso Sr. Presidente teña que render vergoñosas compracencias a aliados no seu goberno por supostas irregularidades, prexudicando ao seu propio partido.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES