Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas dende o confinamento (VI)

jueves, 03 de septiembre de 2020
Bos días, compañeiro.
Ser home ten o seu aquel. Ninguén sabe o que é manterse en pé para que a casa non se derrube e a familia teña de todo.

Ser home non é doado, non. Dixeron que debías mostrarte forte, que a debilidade era evidencia de ser pouco macho, que demostrar sentimentos non era para vos, que chorar era de nenas, que había que saír a buscar a vida, que había que tirar por ela como fose. E fixéstelo. Polo camiño perdestes cousas, quen non perde? Pero estás contento de a onde chegastes e orgulloso dos teus.

A escola era unha proba de forza, poñíanvos a pelexar por ver quen era máis, ou, máis ben, menos. Metíanse cos que non gustaban do combate. E ninguén se daba conta. Ou facían que non se decataban. Facían que non, como se os adultos tamén estiveran cos cabróns acosadores, eses mil homes que acabarán metendo aos vosos fillos na droga ou gobernándoos en plan mafioso. Nas mans dos peores. E dende sempre ti sen forzas para loitar contra eles e darlles o merecido, porque merecer merecer merecían a merda na boca e o lapote na cara, case de abano, para que se sentiran do outro lado, dese que tanto odian, ou temen.

Bos días, amigo.

O mellor era vivir en pé de igualdade. Uns igual a outras, que ninguén sexa máis nin menos. Porque se pensas que á túa filla alguén a maltrata éncheste de rabia, porque non, porque non pode ser. Porque tampouco che gustaría pensar que teu pai non tratara con respecto a túa nai; é túa nai, a que che dou a vida, a que estivo sempre aí, para calquera cousa que precisaras.

Porque se alguén trata mal ou se aproveita de túa irmá,farías calquera cousa… porque non pode ser, ostia! Non pode ser. Onde está escrito que elas están por debaixo? Onde se asinou que non podan facer o mesmo que os homes? Onde?

E o feminismo, esa defensa da muller que ás veces non se entende. Que ás veces percibides como unha ameaza, ameaza de que? Se grazas ao feminismo as mulleres chegaron a onde están e poden facer o mesmo ca vos. Non, só un enfermo pode entender feminismo como poder das mulleres, do que se trata é de que nos dirixa, un ou outra, segundo a súa capacidade, que manden os mellores, as mellores e todos/as estaremos mellor.

Bos días, home

Foi difícil entendelo, sempre o é, porque reverter unha situación é complicado. A toda a xente nos gusta conformarnos co que temos e non ter que saír a dar a cara. Pero, tamén toca mellorar o que hai. Darlle un pulo á sociedade antes de irnos, deixala un pouco mellor (se pode ser) de como estaba, cando chegamos. Hai moitas cousas que se poderían mellorar pero tamén moitas trabas para facelo. Por exemplo, iso de ter que sinalar sempre o feminino na escrita e na oralidade, fai o diálogo pesado, a escrita engorrosa, pero se corremos o risco de que non se vexa o que non se nomea, non queda máis remedio que facelo, aínda que non nos guste.

Moléstannos tamén outras cousas, por exemplo, que agora semella que se son mulleres e novas, pasan por diante doutros que o merecían máis. É posible que haxa inxustizas cando procuramos compensar con accións positivas máis ou menos evidentes… e debemos denuncialas, sen que sexa ir contra o avance da igualdade; cada vez máis van aparecendo mulleres que poden cubrir ese baleiro que vén de atrás, pero non debemos correr o risco de ser inxustos/as, iso é moi doloroso, porque nada magoa máis que a inxustiza, sabémolo ben. Non se trata de encher as bibliotecas de libros escritos por mulleres (se non teñen calidade) senón de compensalo con libros que si a teñan e traten de mulleres (se é posible). Vai tocar ser comprensivos/as e poñer cabeza neses asuntos nos que ás veces arrasa a senrazón e podemos ir dando bandazos dos que se aproveitan os que agardan sempre, detrás de cada porta, para asestar un golpe e facer que o mundo vaia un pouco máis á deriva, é dicir, marcha atrás.

Compañeiro, amigo, sempre camiñando á par, e se alguén debe ir diante que sexa o que mellor o faga. Sei que estás de acordo.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES