Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

García Mañá e o Couto Mixto

miércoles, 23 de abril de 2008
Cando Luís M. García Mañá deu a coñecer os resultados da súa investigación sobre o Couto Mixto revelounos unha parte importantísima da nosa historia. Deica entón aquel relato vivira na memoria daquelas xentes arraianas que lembraban, porque llelo contaran os seus maiores, as peculiaridades dun minúsculo territorio con personalidade xurídica de seu.

Sobre unha entidade histórica tan peculiar como foi o Couto Mixto, pouco sabiamos. Algunhas referencias brevísimas hai, sí, no dicionario de Madoz, das que botou man Vicente Risco para a súa colaboración na Enciclopedia de Carreras Candi, no tomo dedicado a Ourense. Maior información atopamos na obra de Joâo Gonçalves, "Montalegre e Terras de Barroso". Pero foi Luís García Mañá o que afondou con maior rigor nesta institución histórica que ten as súas oríxes nos usos e costumes nas que chanta as súas raíces, por exemplo, Andorra.

O labor de pescuda de Luís Manuel García Mañá servíu, entre outras cousas, para que nos animasemos e constituíramos a “Asociación de Amigos do Couto Mixto”, unha entidade que animou aos pobos arraianos a recuperaren a memoria colectiva e instar aos poderes públicos a prestaren maior atención a un fito histórico inserido nos lindes de Galicia e Portugal. Velaí están as inicitativas parlamentarias da Cámara Galega, Congreso de Deputados e Parlamento Europeo, que se teñen interesado pola sorte daquelas terras.

Pero se importante foi ese traballo de investigación que ten servido para que os medios de comunicación, e nomeadamente as televisións, se preocupasen de divulgalo, non foi menor o empeño que puxo na creación dun imaxinario literario que recrea as vicisitudes daqueles pobos en momentos cruciais da súa historia. Esa recreación literaria deu pé a tres fermosas novelas da súa autoría: "As plumas do Moucho", "O lume de Santo Antón", e "Menino morreu". Unha triloxía na que o autor abordou a vida social, a actividade xurídica e as tradicións que tinguiron a existencia daquelas terras tan singulares.

Esta intensa actividade intelectual de Luís M. García Mañá, que se complementa coa súa eficaz actividade profesional en Galicia, teno feito merecedor da admiración e afecto que lle profesan amplos sectores no País. Porque é, fundamentalmente, un home enchoupado de cidadanía, mergullado na realidade social e histórica, prestixiando unha función que non sempre conectara harmonicamente coa sensibilidade popular. Porque non esquezamos que estamos a falar do Xefe Superior de Policía de Galicia.

A súa excepcional personalidade e implicación na afirmación sociocultural do País e os valores que o conforman, fixérono merecedor de distincións diversas: membro correspondente da Real Academia Galega, por exemplo. A súa devoción polo patrimonio de noso fixo posible que a cooficialidade lingüística sexa hoxe unha realidade no ámbito das súas competencias. Pero García Mañá, á marxe das positivas actitudes para exercer de axente intelectual, con produción de obra meritoria nos campos da investigación histórica e de creación literaria, é un cualificado e eficaz profesional das forzas de seguridade do Estado.

Por todas estas razón o concello de Calvos de Randín vaino nomear “Fillo Adoptivo”, nun acto que se celebrará o próximo día 26 na igrexa de Santiago de Rubiás, capital do Couto Mixto. Estamos seguros de que ese día, amais do Concello, seremos moitos os que alí estaremos para testemuñarlle o noso afecto, como en acaidos versos dixo María do C. Kruckemberg: "Porque nós, non queremos perder/a lonxanía. /Ficaremos pola eternidade/ coa metade máis fermosa e sinxela/do teu corazón amigo".
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES