Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Volver a Vilalba

miércoles, 23 de abril de 2008
Acabo de volver de viaxe e teño o corazón latexando a mil por hora, cómo dicilo?, trémenme as mans e sinto as tripas revolvidas, definitivamente estou emocionada de volver á Vila, á casa, ao niño, ao meu fogar, ao ventre nai da terra Chá, a miña "Vila Outa" a nosa Vilalba.

Escribo á presa, non quero deixar escapar a emoción do momento que como todos os momentos son inesquecibles; teño que espirme, colgar a roupa, prender a luz, colgar as chaves, ir ao baño, pero estou escribindo coa luz apagada porque o corazón non para de ordenarme que o faga, mentres a cabeza intenta poñer orde a todo este desatino súbito, case orgástico de volver a casa.

Recoñezo que eu son das que necesita escapar, coller o camiño, perder de vista a rutina, cargar as pilas para logo volver á Vila, Vilalba ten algo moi especial, entre todas as cousas especiais que ten o noso pobo é un deses lugares do que unha quere fuxir, para logo volver e volver, volver sempre.

Lembro que de nena despois do frío inverno, debaixo dos “cobertores de Castela” e tras o outono de lareira e matanza, mentres se agardaba a primavera de cucos floridos na Madalena, que aínda non era praia fluvial aínda que si veiga, onde os salgueiros e bidueiros campaban ás súas anchas polas terras húmidas, onde agora curiosamente temos piscinas con tobogáns modernos abastecidos pola auga da traída, plataformas de formigón xigantes para a pesca; esquecidos xa os caneiros e as illas do ”rairo” do Madalena, onde os xogos dos rapaces comezaban a tardiña e remataban ao solpor do día, daquela cando o Castelo dos Andrade coroaba a Vila.

Era entón cando agardábamos ao verán, tempo no que Vilalba non só era a moza que agardaba, senón a protagonista de tantas vidas que volvían cara a casa, ao calor do fogar, do niño, da nai terra. Por eso cando lles digo aos meus amigos que sinto a necesidade de contemplar a Chá dende o Monseivane ou o Gohía, sempre teño que volver a Vilalba, porque é o lugar onde quero volver, onde sinto a vida a rebulir no meu ser, porque é o lugar da permanencia mentres os que agardan seguimos a agardar.

Necesitamos un futuro claro, é a nosa obriga moral gardar as lembranzas, como parte de nós mesmos e camiñar cara adiante esixindo ser pobo con todas as consecuencias. Pode ser romántica a miña descrición do pobo, pero agora co pulso menos acelerado, sentada no raciocinio, pido, esixo que nós sexamos os donos do noso destino, porque somos os responsables dos nosos silenzos, polo tanto berremos, necesitamos futuro para medrar.
Maseda, Pilar
Maseda, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES