Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O libro das Letras

miércoles, 12 de agosto de 2020
O libro das Letras ¡As Letras Galegas en caricatura, é o seu título. O autor, é o escritor e debuxante, Héitor Picallo, tamén chamado O Carrapucho. O deseñador das cubertas, Martiño Picallo.

Unha proposta realmente interesante que recolle a todos os autores e autoras (bastantes menos) homenaxeadas nas Letras Galegas ao longo do tempo, dende aquel 1963 -no que se cumpriu o século da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro- ata 2020 no que se recoñece o traballo arredor das nosas letras de Carvalho Calero. Non os recolle de calquera maneira, non, realiza unha caricatura na que introduce unha serie de símbolos relacionados co autor ou autora que se entenderán mellor despois de ler na páxina anterior a ars memoriae. E, faino empregando a acuarela e tinta chinesa xunto con recortes de telas, maioritariamente para vestir aos ilustres.

Poderiamos situar o exemplar entre o libro de coleccionista e o didáctico, con características de ambos. Por unha banda é un traballo moi coidado no que intervén o artista plástico, por outra está a labor de documentalista na que Héitor é experto, pero sempre sen deixar de ter en conta o carácter educativo. Trátase dun material necesario e que debemos ter sempre a man para lembrar os autores e autoras máis recoñecidas de Galicia, pertencentes á parroquia dos mortos (como se di na miña aldea).

As cubertas de Martiño Picallo achegan unha calidade que vai dende a representación dos libros á tipoloxía de letra, rodeando as imaxes de Héitor, con Rosalía na cuberta e Carvalho Calero na contracuberta; colocando nas nosas mans esas persoas ilustres, dende a primeira ao actual, ambos aparecendo no espazo baleiro da biblioteca, aí onde se constrúe o corazón que une os sentimentos daqueles que senten o país a través da palabra florecida dos literatos e literatas.

Conforme o abrimos imos atopando o prólogo de Fina Casalderrey que fala da calidade da académica, non só a nivel experto senón tamén de emocións. Unha breve semblanza do autor e unha introdución na que se explica a obra nos aspectos literarios e plásticos. Para rematar, un epílogo de Mercedes Queixas que tamén achega unha mirada propia sobre o obxecto de estudo.

No medio, as dobres páxinas que recollen do lado esquerdo unha pequena biografía do homenaxeado/a coa ars memoriaie e as súas obras máis destacadas; na páxina da dereita a caricatura coa simboloxía que iremos debullando. Un traballo sintético que se le nesa dobre páxina, mostrando e demostrando o valor de cada autor e autora, reinterpretando a súa imaxe e achegando unha nova mirada para facer máis rica a nosa cultura.

Cada detalle do libro está coidado ata o mínimo detalle, nada se deixa ao azar, dende o código de barras ao cosido das follas ou a bandeira galega que sobresae nos extremos. Así é Héitor, rigoroso e perfeccionista, comprometido e amante dos símbolos, por iso, cando nos aproximamos á obra debemos saber que cada letra ou trazo teñen un sentido e que ti, como lector/a, has de entrar nel como nun templo románico, disposto/a á interpretación, á lectura atenta do texto e da imaxe. Porque a lectura é iso: entrar no que se nos presenta para comprendelo e facelo noso, para que pase a formar parte do propio acervo, sumando o seu imaxinario.

Agora que temos a oportunidade de entrar nese universo que Héitor creou arredor das Letras, non a deixemos escapar, sen facernos cun deses volumes, que merecerían estar numerados.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES