Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pablo Rubén Eyré, ten unha débeda coa poesía galega

martes, 11 de agosto de 2020
Pablo Rubén Eyré é poeta, escritor, como quedou plasmado na súa obra 'A Verdade Nos Espellos', flamante gañador do premio Vicente Risco 2.015; un exemplo excepcional da tradición contista galega. Unha obra que mereceu as mellores críticas de esgrevias plumas da literatura galega como Xosé Miranda, Méndez Ferrín ou críticos literarios como X. M. Eyré, Armando Requeixo, Xosé Carlos Caneiro, entre outros...

Esta obra destaca pola súa variedade argumental e a súa calidade estilística. Eyré é un escritor que coñece a grandeza da palabra e fai dela un uso morixerado no convencemento de que, se o lector intelixente dos seus relatos colabora, a maxia literaria está servida. Hai no seu universo creativo o xusto celme de cotidianidade para encaixar nel o abraio do inesperado. A variedade temática é extensa na súa obra, pero todos teñen un elemento común: a visión multipolar que o espello, real ou imaxinario, sempre matiza co seu reflexo teimudo e testán. O concepto do contraste ou do mundo descoñecido está sempre moito mellor nos autores que, como Rubén Eyré, elixen o escenario máis preto dun, e utilizando os métodos máis recoñecibles, que non os que forxan dende os seus principios estilísticos unha aparatosa parafernalia destinada a facer posible o inesperado.

Máis Rubén Eyré, sendo un extraordinario fabulador é tamén un bó poeta. Soio unos poucos privilexiados coñecemos parte da súa obra tan soio publicada en obras colectivas como 'Escolma de Poesía Galega' (1976-1984) publicada pola editorial Sotelo Blanco en 1984 ou 'Eco dos Poetas de Chantada' da Biblioteca Nike publicado en 2017, dúas obras da autoría do escritor e poeta chantadés, Xosé Lois García. Outros poemas foron dados a coñecer en distintas publicacións ailladas, tal e o caso de Dorna. Un dos seus poemas máis emblemáticos figura posto en pedra pola Diputación de Lugo no alto da serra do Faro a petición pública de Uxío Novoneyra.

Por eso Pablo Rubén Eyré ten unha débeda co mundo poético galego; xa que dende os primeiros anos oitenta ten inédito o libro 'Silencio do Mencer' con limiar do anteriormente mentado, Xosé Lois García, amplo coñecedor da obra do poeta do Faro.

As temáticas simbolista, amorosa e bucólica, son xenéricamente os tres bloques en que se mantén o contido deste poemario. O poeta chantadés acada o sentir máis fondo da terra.

Rubén Eyré ten a ventaxa de nacer e criarse nun dos recunchos máis fermosos e privilexiados do universo rural galego, Vilanova do Faro, polo que pode trasmitirnos as emocións que sinte ante o medio que o rodea.

Na obra de Eyré está moi presente a natureza, o silencio e sobre todo a noite; pero non está só: a coruxa, os merlos, os rabisacos, os tordobiscos, convídano a que se entregue a ela e escoite a súa mensaxe. Pero o que non pode faltar é o lobo que tantas veces atopamos na mente e nos relatos populares e que nos fai lembrar a Novoneyra na súa obra icónica 'Os Eidos'.

Novoneyra, o poeta do Courel, do que Pablo Rubén Eyré é un fervente admirador. Podíamos falar máis da obra de Eyré; pero para iso hai xente máis docta. Polo de pronto o que máis desexo é poder disfrutar dos versos do poeta, xurdidos do silencio noitébrego para ser mencer. Deste xeito a obra de Eyré respaldaría as excelentes creación doutros poetas galegos, desiguais na temática, mais todos cun alto grado de calidade na actual poesía galega.
Rodríguez Porto, Ramón
Rodríguez Porto, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES