Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

viernes, 18 de abril de 2008
Meu amigo Antón:

Non quixen facelo na carta anterior cando estaba moi repiniqueira a gaita na festa. Tampouco vou facelo hoxe cando a gaita xa non se escoita tanto, aínda que siga a tocar. Ti andas a reclamar, teimudo, que che comente algo dese xeito orixinal que ten o Concello de Vilalba para contratar persoal funcionario, un asunto que saíu á luz pública hai unhas semanas. Segundo a versión do alcalde, todo foi legal. Segundo a versión da oposición, case todo foi ilegal, mal disfrazado de legalidade. Segundo a xente, todo foi unha trampa para favorecer a unha persoa, coma sempre. Pero non, Antón, non che vou falar disto ata que se aclare un pouco máis a situación final, porque nese asunto está implicada xente á que lle quero ben, moi ben, e non quixera contribuír a enguedellar máis o conflito. Só quero dicirche o moito que me sorprende que haxa tanta xente no noso pobo que considera normal o feito de que, na oferta de traballo, haxa amaños para favorecer a alguén en concreto: preocúpame ese xeito de entender a democracia, e a ética, que abonda sobre todo nos pequenos concellos. Pero, xa digo, polo momento non quero falar máis deste asunto. Polo momento.

E se non che quero falar máis disto, de que imos falar ti e máis eu? Pois, se queres, falemos de fútbol. Pero non desa tropa de mercenarios que xogan nos equipos grandes. Xa che teño dito que aborrezo todo ese mundo escuro de presupostos supermillonarios, con rapaciños riquísimos, moitas veces perturbados pola ambición e polas louvanzas excesivas dun público que espera deles un compromiso que eles non están dispostos a asumir, pois, ao fin, non son máis ca mercenarios. Non che falo deste fútbol, senón que me refiro ao Racing Club Vilalbés. De cando en vez acudo na túa compaña ao estadio da Madalena para velos en acción. Os xogadores verdi-vermellos cobran tamén o seu, seica, aínda que de xeito moito máis moderado, porque, segundo teño entendido, non son profesionais e, por tanto, preocúpanse máis do deporte que do comercio futbolístico. E, por certo, non o fan nada mal, pois andan nos primeiros postos da Preferente Autonómica que é o lugar onde se pode gozar realmente do fútbol na súa esencia, porque nas categorías superiores xa comeza o desastre mercenario. Ti dixéchesme o domingo pasado que tamén o noso club vilalbés anda con débedas excesivas, froito, ao parecer, dunha xestión pouco previsora. Resulta lamentable, pero deixemos esta peripecia que han amañar ben, sen dúbida, e, de ser preciso, teremos que axudar. O que hoxe me interesa destacar é que, para nós, o Racing é unha vella institución moi ligada á vida de Vilalba, de tal xeito que non se pode contar a recente historia do noso pobo sen facer alusións constantes á súa presenza no enguedellamento das relacións veciñais. Porque o seu labor non se quedaba só no fútbol senón que tamén organizaba excursións, festas e bailes nos que participaba o pobo, homes e mulleres, e non só as elites. Estas andaban polo casino onde entraban moi poucos, e tampouco eran moitos os que querían entrar. Pois ben, meu Antón, comunícoche que os netos do fundador dese noso Club, Manolo e Sesé, andaron a escribir un fermoso libriño onde contan polo miúdo a historia da entidade, con profusión de detalles que lles van encantar a todos os que dun xeito ou doutro participaron na vida vilalbesa ao longo dos anos; non só aos futbolistas senón a todos os que, con motivo dos partidos, das excursións e das festas, tiveron contacto con eles, que fomos case todos. Creo que xa neste mes vaise poñer o libro á disposición dos vilalbeses. E, ademais do libro, entregarase tamén un disco DVD no que se poderán escoitar moitas voces coñecidas e ver a moitas das persoas que andaron nos inicios do seu desenvolvemento. Estou seguro de que non haberá ningunha casa vilalbesa na que non se atope algún exemplar, tanto do libro como do disco.

E remato cunha anécdota que seguramente ti descoñeces. Había unha persoa que participou de cheo nos primeiros pasos do equipo vilalbés. Conservábase moi ben nos seus noventa e tres anos, e podo dicirche, porque o sei de primeira man, que estaba moi ilusionado co libro de Manolo e Sesé. Quedou contentísimo de recibir en Ourense, onde vivía, a visita dos autores e dalgún membro do Instituto de Estudos Chairegos que foron entrevistalo para que a súa voz e a súa imaxe quedaran no disco aludido. Pensaba mesmo na posibilidade de vir a Vilalba para estar na presentación desas publicacións.
Pero non puido ser. Hai unha semana foise caladiño para vivir noutra vida as satisfaccións que tería no caso de poder estar entre nós: alí onde estea ha pasalo moi ben cos nosos primeiros futbolistas na lembranza dos goles e, sobre todo, das xentes que os celebraban. Era o máis antigo dos futbolistas que quedaban con vida. Agora teremos que velo e escoitalo no disco onde tamén van inseridas moitas vellas fotos con infinitos recordos. E farémolo con cariño, con tanto cariño como el poñía cando se lle falaba do seu pobo. Sei que el andaba sempre á espreita de calquera publicación que aludía á nosa vila. Foi un dos que, co seu interese, facía que os que traballan no Instituto de Estudos Chairegos tivesen sempre a sensación de que o seu labor valía a pena. Chamábase Blas Criado e, no mundo do Racing, era coñecido como Blasín.
Descanse en paz.

Por hoxe, meu amigo Antón, xa non escribo máis.
Cóidate e non deixes de sacar tempo para vir á presentación do libro e do disco. Ti tamén has gozar, por máis que nunca teñas marcado un gol.

Unha aperta
Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES