Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (14): '¡Qué mundo!' (1)

viernes, 17 de julio de 2020
No extenso poema "Que mundo", ao inicio da súa lectura, pásasenos pola imaxinación memorias de Curros Enríquez no poema "Mirand´o chan", no remate das estrofas, que terminan sempre nesta sentenza "/s´eu fixen tal mundo/ que o demo me leve/" A poesía de Avelino Díaz en Debezos (14): '¡Qué mundo!' (1)referíndose a Deus (2).

Tendo en conta a cantidade, como logo veremos, de clases sociais e profesións que pululan pola poesía, vénsenos á mente Don Francisco de Quevedo e os seus "Sueños", libro polo que variadas figuras: zapateiros, poetas, laicos, verdugos, médicos, barbeiros, personaxes históricos e ata deuses, desfilan diante dos ollos do lector nunha grotesca barafunda, como se dun carnaval se tratase, satirizando burlescamente á sociedade española (3). O mesmo acontece neste poema de Avelino Díaz, polo que buligan e se axitan tamén moitas profesións e clases sociais: ricos, pobres, cregos, políticos, mílites, médicos, mercadores, escribáns, avogados, caciques, gardas civís, cóengos, bispos, raíñas, princesas, reis, nobres, señores feudais, etc...

Son 88 versos. Comeza o poema cunha estrofa de catro versos e remata tamén con outra dos mesmos versos hexasílabos, con rima asonante nos pares formando unha estrofa chamada cuarteta asonantada ou tirana. O resto das estrofas son octavillas que seguen esta rima "-a -a -a -a"; coa particularidade de que o verso sétimo é decasílabo, cando todos os demais son hexasílabos.

A composición podémola dividir en tres partes:
- A primeira abrangue as tres primeiras estrofas nas que se presenta a situación.
- Na segunda lévase a cabo unha crítica a distintas profesións e clases sociais abranguendo catorce octavillas.
- Na última, o autor fai un resumo e unha invocación ao pobo para que acabe con eles.

PRIMEIRA PARTE
Comeza coa cuarteta asonantada ao estilo Curros:
"¡Que mundo de porcos!
¡Que xentes canallas!
¡E que dose de longa pacencia
para vel-as fai falta!"

Seguen dúas octavillas; na primeira opoñendo: ricos/pobres, o que equivale a descanso/traballo, rematando cunha proclama ou arenga:
"hastr-o dia que o pobo desperte
e faga unha malla"

xogando co dobre significado conceptual da palabra "malla":
1.- Como acción e feito de mallar os cereais onde participaba toda a parroquia.
2.- Ou a malla co significado de "dar cos mallos nas costas ás persoas indignas". Na segunda, a oposición é entre "os bos obedecen,/ os sátrapas mandan/", rematando con outra proclama
"pro, quizabes o dia xa chega
da xusta venganza"


SEGUNDA PARTE
É a parte máis ampla, composta por catorce octavillas nas que critica a unha profesión en cada unha delas, incluíndo a todas as profesións que teñen un certo status social, porque aos pobres e aos traballadores do común, xa os englobou na primeira parte, así como aos decentes e aos honrados.
A primeira vai dirixida aos cregos aos que trata como herexes e demos,
"sibaritas voraces, non teñen
conciencia cristiana."

A segunda está referida aos políticos, que son uns pillos que encadean e rouban ao pobo que atracan,
"goberneiros que mercan honores
e venden a patria"

A terceira critica aos milites (militares), xente sen honra, medorentos, fomentadores da guerra e morren na cama,
"mentres morren os mozos variles
na fera batalla".

A cuarta está referida aos médicos con títulos que envelenan e intoxican á xente.
"e da cencia facendo comercio,
non curan, que matan".

A quinta alude aos mercadores, ruíns e sen alma, que cobran por diamantes as follas de lata e venden por ouro a quincalla,
"fan fertuna i-a presa son ricos,
e medran e campan".

A sexta tócalle aos escribáns, antigos notarios, como amañadores de riquezas para uns e para outros, desgrazas...
"enmarañan os tercios e quintos
as ventas e mandas".

A sétima, aos avogados viles que amparan o crime e o roubo con leis tramposas, dándolle aos bos a cadea e aos malos, a graza,
"por que son trampulleiros i-ó demo
lles deu ensinanza"

A oitava profesión é a dos caciques, moi criticados polo autor ao longo de todo o poemario por ser unha casta tan perxudicial para Galicia, son aleivosos, tiranos,
"sen deixar que levanten os probes
a frente cansada".

A novena trata dos “ceviles”, que teñen fama de bestas que gardan a lei do que manda, son unha praga, unha calamidade,
"que lle dan ó pobo, i-aínda
ll-obrigan pagala".

A décima ocúpase dos cóengos e bispos que levan tapadas "as mouras conciencias/ con mouras albardas/", na que se observa a repetición do adxectivo e as imaxes de "moura conciencia", referida a "sen escrúpulos", e á denigración, crítica e animalización en "mouras albardas",
"e viven somentes
pra encher ben a panza;
se volvera Xesús, teimaría
brandir unha tralla".

A undécima chégalle ás raíñas e princesas que pasan a vida facendo xuntoiros cos cregos e cos gardas e sendo as súas salas verdadeiros bordeis,
"inda gardan o seu privilexio
de ser nobres damas".

A duodécima é para os reis, que non teñen case nada de homes, mais alongan a súa estirpe, o nome e a prosapia, sen ter que ver con ela porque
"teñen todos soberbias coroas
de cornas galladas".

A decimo terceira está destinada aos nobres, á nobreza, tachándoos de viciosos, vagos, canallas
"con blasós que se deron, facendo
de simples piratas".

E xa na decimo cuarta censura aos señores feudais, con dereitos de aforcamento, mais tamén de pernada; donos de provincias que herdaron de ladróns na idade pasada
"conselleiros dos reises venales
i-amigos dos Papas".

TERCEIRA PARTE
Remata o poema en dúas octavillas; na primeira fai un resumo de toda a prosapia e avoengo, cheo de soberbia ao que denomina SAMESUGAS (Metáfora moi adecuada), que manteñen ao pobo na máis escura ignorancia e que aínda hoxe e sempre estará presente esta idea, porque para vivir ben as samesugas necesitan corpos sen cultura e sen sabedoría aos que chupárlles o sangue.
"¡Cantas samesugas
ten o que traballa
pra zugarll-o sangre
que, as veces, lle falta
e pra tel-o sempre
na escura inoranza!
¡ Cantos viven da xente que suda
na brega diaria!"


A segunda octavilla é unha comunicación ao pobo para conseguir un cambio de conduta, cunha invocación ou súplica para que acabe con estes males dunha vez a través da revolución
"¡Ouh pobo que sufres,
con eles acaba,
mais, conta que o xeito
non é cunh-a tralla:
é con sarabéa
ben mesta, de balas!...
¡Tés que ser redentor de ti mismo!
(Acende a lumada)"

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (14): '¡Qué mundo!' (1)
Como vemos, as octavillas, que estaban referidas á oitava parte dun prego (por exemplo, de papel de barba) que había na nosa xuventude, era económica e empregábase como medio de propaganda desestabilizadora, difundindo panfletos con ideas políticas e sociais, por iso, Avelino Díaz utiliza esta estrofa tan apropiada pola forma e polo contido para desestabilizar.

A derradeira estrofa é unha cuarteta asonantada, o mesmo que no inicio, cerrando o poema e volvendo outra vez á idea do "mundo". Na primeira era o "mundo de porcos" e na última "mundo de lobos".
"¡N-un mundo de lobos
que rouban e matan
s-é preciso facer monteiría
¿que demos agardas?"


NOTAS:
1. Opera cit. Páxs. 40-44.
2. CURROS ENRÍQUEZ, Manuel.-Aires da miña terra. Op. Cit. Páx 103.
3. GARCÍA LÓPEZ, JOSÉ.- Historia de la literatura española. Ed. Vicens Vives. Barcelona, 1966. Páxs. 296-297.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES