Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

lunes, 14 de abril de 2008
Meu amigo Antón:

Efectivamente, hoxe cumpro anos, e agradecinche moito que onte pola noite me tiveras chamado para celebrar comigo esta data, e que tiveras tamén a delicadeza de felicitar comigo a miña nai por me ter parido con moita dor, pero tamén con moito cariño. Cando esperto o día once de abril, a primeira cousa que fago é ir darlle un bico, porque, ademais, segundo me teñen dito, eu nacín con moito peso e dinlle moito que traballar a ela e a concha da Reina. Así que, Antón, moitas grazas polo teu recordo. Pero quedeime sen saber por que non me quixeches responder cando che preguntei polo que ti sentes cando chegan para ti días coma este. Non era, meu amigo, unha curiosidade impertinente, era só por comparar co que a min me acontece. Xa sei que ti andas nos oitenta e eu son algo máis novo, pero pouco importa porque o tempo da vida corre rápido en demasía e eu xa vexo a setentena no horizonte (miña naiciña), aínda que falten algúns anos. Xa sabemos que iso do tempo é moi relativo: dicía un vello profesor meu que un minuto agardando á porta dun baño, con moitas gañas de entrar, faise unha eternidade, pero, despois, cando un está dentro, aliviado, un minuto non é nada, nadiña. Supoño que canto máis imos avanzando na idade, máis sentimos a velocidade da vida, pero tamén se estima e se agradece todo canto deixamos vivido: tiven a sorte de vivir os anos que xa pasaron, e de vivilos intensamente. Onte mesmo estaba eu a ler un texto moi interesante sobre o maio francés do sesenta e oito (corenta anos), escrito por un rapaz novo, bo intelectual e magnífico ensinante, e dábame un vertixe mareante observar como para el se trataba dun estudo histórico o que eu vivín en directo e aínda me parece algo moi presente ao que aludo de cotío nas miñas clases. Para os meus compañeiros e colegas no mundo do ensino xa se estuda como historia, mesmo algo remota, o que para min segue a ser case unha actualidade. De feito, observo que cando falo cos meus amigos de tertulia, ás veces fago alusión a feitos e anécdotas da nosa vila coa sensación de que son pare eles coñecidas, e decátome de súpeto que teño que explicárllelas porque, efectivamente, xa non forman parte do presente da súa vida: son moito máis novos ca min. Pero, en fin, isto faime tamén recoñecer que, por máis que os anos me anden enriba do corpo, non deixo de me sentir por dentro máis novo do que son. E quero pensar que seguramente esta idade interior ven ser a que realmente temos. Non deixa de ser un consolo.

E, falando de idade, meu querido Antón, téñome que facer eco da noticia que ti me comunicabas onte mesmo referente a un señor da parroquia de Alba que acaba de chegar aos cen anos coa cabeciña lúcida, clara e con memoria suficiente para reter moitos feitos e acontecidos que os máis dos seus veciños xa teñen esquecido. Cadro de acordo contigo en que estes acontecementos xa non afectan só á persoa que cumpre os cen anos nin só á súa familia senón tamén ao conxunto do concello, pois eles están a gardar unha memoria da comunidade que, se non hai quen a recolla, morrerá con eles. E xa se sabe, unha memoria social que morre é unha perda cultural da que todos somos culpables. Eu mesmo estou arrepentido de non ter recollido por escrito, ou gravado en magnetófono, moitas das historias que me contaba meu pai e que agora xa se perderon para sempre. E había cousas, asegúrocho, Antón, que darían para escribir máis dunha novela interesante. Así que láiome contigo de que o Concello de Vilalba non tivera a delicadeza e a boa costume que ten, por exemplo, o de Guitiriz de festexar cos interesados esta crase de festas. Porque, efectivamente, repito, un cumpreanos centenario é algo de todos nós. Pero, por desgraza, o noso Concello non parece ter a sensibilidade cultural necesaria. Non por desprezo, supoño, senón porque non están atentos. Pero non é algo que non se poda remediar.
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES