Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (12): 'Cousas do Ceio' (1)

viernes, 03 de julio de 2020
En canto á forma, e na métrica, o poema está construído con oito sextillas, tan curiosas, que podemos dicir sen lugar a dúbida, que son moi especiais e propias única e exclusivamente do noso autor. Os versos son cinco hexasílabos e un dodecasílabo na maior parte das estrofas, menos na segunda que aparece un decasílabo.
A poesía de Avelino Díaz en Debezos (12): 'Cousas do Ceio' (1)
As tres primeiras sextillas son desconcertantes porque posúen unha rima que non coincide en ningunha delas, quedando incluso algúns versos libres ou soltos: na primeira: abcbCd; na segunda: dbcbDb; e na terceira: abcbDb; mais a partir da terceira sextilla observamos como nas cinco restantes se produce unha uniformidade total e absoluta; a rima segue esta estrutura: abcbDb. Seguro que o autor nos quere dicir algo con este cambio. Irémolo vendo conforme vaiamos observando. Cal é a razón desta mudanza que vai do abrupto e do desaborido e desagradable da rima ao sereno e pacífico das últimas cinco sextillas?

En canto ao contido, o poema é como un precioso conto narrado poeticamente e dunha beleza extraordinaria, remarcando unha invitación fermosa e pulcra a falar galego. Segundo nos imos adentrando, sorpréndenos Avelino na súa poesía e no seu pensamento e coidamos que este poema e digno e merecente de ser referenciado en calquera antoloxía que se prece, e imprescindíbel nas nosas escolas e institutos para explicarlles aos nosos nenos como se fose unha cantiga de berce. A esta poesía hai que darlle publicidade pola súa beleza, polo ben tratada que está a temática e pola importancia do conto tan ben narrado poeticamente, ata tal punto que ao lelo, a publicidade que hoxe se fai nun supermercado galego parece inspirada nel.

O resumo do conto é o seguinte: “Morre un pequeno no chan galego e foi para o ceo onde a Virxe o colleu no seu quente regazo; ao sabelo, os anxos todos, viñeron cantarlle cantigas e o neno moi satisfeito, dixo: “Vaia; pois semellan cousas de Galicia/ estas que eiquí vexo”. Unha comparación entre Galicia e o ceo, unha equivalencia ben propia dun desterrado como foi Avelino, no bo sentido da palabra. A partir desta expresión, tan xenuína, é cando cambian as sextillas, como dixemos en parágrafos anteriores, pasando da rima abrupta á igualdade de todas elas na rima, como querendo A poesía de Avelino Díaz en Debezos (12): 'Cousas do Ceio' (1)diferenciar o intre da chegada abrupta coa estadía no ceo chea de serenidade e de equilibrio debido a que o neno non atopa diferenza entre o lugar de onde viña; Galicia, e o ceo.

Continúan as cinco sextillas seguintes con este contido: “Logo, foron todos a un xardín, e sentados nuns escanos; o neno, chamado por Avelino, o Celta, íalles ensinando o seu falar galego, e como alí son moi listos, en moi pouco tempo, todos falaban galego”. O autor, aquí, está criticando a moitos galegos que vivindo unha vida enteira en Galicia, son incapaces de aprender galego, o que contrasta moito con isto. Tamén nos parece unha crítica á Igrexa, porque incluso Deus fala galego e porque a partir dos Reis Católicos toman como idioma seu o castelán, obviando aos seus fieis e desprezando por así dicilo o noso idioma. Proseguindo co canto, Deus, ao escoitar ao neno, quedou inquedo...
“e dixo: “¡Carafio!”
ora que son vello
estou vendo cousas que non sospeitaba
de velas no ceio”.

Pedro, vello porteiro, quedou abraiado oíndo aos meniños (anxos) falar daquel xeito. A Nosa Señora remata o poema dicíndolles aos nenos: “Falade, belidos,/ falade galego/”
Pola beleza do poema e a súa importancia, poñémolo a continuación.

COUSAS DO CEIO
Morreu un neniño
no meu chan galego
e foise voando
direito pr-o ceio
i-a Nosa Señora, no quente regazo,
mimosa, colleun-o.

Viñeron os ánxels
i-ô redor do neno,
cantaron cantígas
ditosos e ledos
cal os mozos, n-algunha romaxe
do mundo tarreo.

O neno, surrindo,
xa ben satisfeito
das cousas que ollaba
dixo d-este xeito:
“Vaia; pois semellan cousas de Galicia
estas que eiquí vexo”.

Despois, foron todos
a un xardín, correndo
i-alí n-úns escanos,
namentras que o Celta lles iba ensinando
o seu falar meigo.

Como eran moi listos
e n-aqueles eidos,
depréndese todo
en moi pouco tempo
o voltar de novo xa todos falaban
galego correuto.

Deus, ó escoital-os
ficou algo inquedo
e dixo: “¡Carafio!
ora que son vello
estou vendo cousas que non sospeitaba
de vel-as no ceio”

O bo do velliño
que fai de porteiro
e Pero se chama
-se mal non me lembro-
tamén ficou parvo, ouvind-ôs neniños
falar d-aquel xeito.

I-â, Nosa Señora,
que ten mais caletro
do que deu a sorte
xuntros ós dous vellos,
díxolles ós nenos: “Falade, belidos,
falade galego”.

Avelino Díaz


NOTAS:
1.- Opera cit.- Páxs, 36-37
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES