Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os poemas que intercambiamos no confinamento (VII)

viernes, 26 de junio de 2020
Celso Emilio Ferreiro soubo describir o medo aferrollando o mundo, paralizando o tempo. Nós pensamos nun virus minúsculo que nos persegue por tódolos lugares e a todas horas, sen descanso. A sospeita instálase entre nós, a dúbida inmovilízanos, o medo faise grande abríndolle a porta ao terror.

“Can danado” de Longa noite de pedra foi un dos poemas adoptados nos días de confinamento.

“Igoal que un can danado nos camiños
o terror anda solto polo mundo.

Semella un vento negro que pousase
súas azas de corvo
sobre a frente dos homes temerosos.

Un xelo de invernía en descampado
paraliza os relós, perfura as gorxas
e pon veos de anguria nas palabras.

Un grande telescopio nos vixía
coma un ollo de Cíclope
que sigue os nosos pasos
e fita sin acougo o noso rumbo,
dende tódalas fiestras,
dende tódalas torres,
dende tódalas voces que nos falan.

A noite é un micrófono impasíbel
que escoita o latexar do noso peito,
coma un escuro espía que espreitase
os nosos pensamentos máis segredos.
Todo se troca en cousa inconfesábel;
detrás de cada esquina unha sospeita,
unha duda detrás de cada sombra,
e medo, medo, medo,
un pozo profundísimo de medo,
espello de auga fría
no que o terror se mira eternamente.”

Alguén trouxo “Hai días de wolframio” de Miro Villar, para entender os silencios e a dor interior.

“Hai días de wolframio, tremendamente duros,
nos que poño unha tarxa no corazón doído
e un silencio sen voces, ás veces desmedido,
afasta o que nós somos con insalvables muros.

Hai días de wolframio, tremendamente escuros,
nos que poño unha saba no pensamento espido
e un lóstrego sen luces, ás veces sen sentido,
arredra o que nós somos nos momentos máis puros

E admiro, sen dicircho, que esteas á miña beira
desenlazando as sebes de mesta matagueira
que me ocultan nos días de malestar profundo.

E como a bolboreta que percibe a flor na eira
co rostro esperanzado veño a ti, compañeira,
e rodeo o teu corpo como se fose o mundo.”

Porque hai días de wolframio, pesados e escuros, nos que perdemos o que somos e o corpo semella unha pel baleira. Porque hai días plúmbeos nos que o mundo é sombrizo e nós gotas de rocío, a piques de evaporarnos. E daquela fainos falta o corpo amigo para aferrarnos ao mundo, para abrazarnos á vida.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES