Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os poemas que intercambiamos no confinamento (IV)

jueves, 11 de junio de 2020
O coronavirus traía con el a morte. Viamos contar defuntos como números nun cronómetro. Estabamos, estamos, asustados e asustadas. Por iso, algún escolleu un poema tan épico e con sabor nórdico como “Recoñecemento de Harold Godwinson” de Álvaro Cunqueiro publicado no libro Herba de aquí e acolá. Esa obra imprescindible da nosa literatura, á que debemos volver, unha e outra vez, para recuperar un dos mundos que o mindoniense nos legou.

“Unha noite de cinza caíu sobor da terra,
as lanternas andaban soas por entre os mortos
e nas feridas do máis ferido de todos
Edith Swanehals poñía a luz violeta dos seus ollos
por se aquel era Harold fillo de Godwin
que ela amara tanto.
E aquel mesmo era
a boca pola que saía un fío de sangue
pousada na boca terrea dunha toupeira.
Viña de lonxe o canto do mar. Edith sentouse
a carón do morto
e cun fío branco que tirou dos seus soñares
comezou a tecer un pequeno pano
pra tapar os ollos do Rei.
Escoitábase o mar, e mailas follas secas do bosque
arremuiñando nos camiños entre os outeiros.
A derradeira caricia de Edith foi aquel calado tecer
perto do morto, e cando saía a lúa
mesturou fíos azúes da luz da viaxeira cos seus
-as agullas iban e viñan en silencio
as mans movéndose coma quen anaina un neno
asegurándose de que aquel morto era Harold
o mirar violeta de Edith adentrábase máis e máis
nas escuras feridas,
recoñecendo o sangue do amante, e maila morte.
Así foi que Edith xa estaba cega
cando lle preguntaron quén
entre aquelas sesenta ducias de mortos
era Harold
—Este, dixo sinalando, a tentas,
que facía cantar os reiseñores nas noites de verán
cando me bicaba e me decía
—Swanehals, Colo de Cisne, envelleceremos xuntos
pro ti máis lentamente.”

Máis dunha persoa enviou un fragmento de Don Quijote de la Mancha que nos falaba directamente ao que sentíamos, ainda que non fose en verso:

“Sábete Sancho, que no es un hombre más que otro si no hace más que otro. Todas estas borrascas que nos suceden son señales de que presto ha de serenar el tiempo y han de sucedernos bien las cosas; porque no es posible que el mal ni el bien sean durables, y de aquí se sigue que, habiendo durado mucho el mal, el bien está ya cerca.”

En verso, e directamente ao sentir, chegou Manuel Rivas, o poeta da natureza. Traía o poema Abril do libro Mohicania.

“Abril

Cantou o cuco.
Viuse a bubela.

Esta vez
non será
a fin.”

Dounos tranquilidade saber que non chegara aínda a fin do mundo. Os poetas non minten e o planeta sobrevivirá… a ver se nós tamén.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES