Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ricardo Carvalho Calero, a voz múltiple

jueves, 28 de mayo de 2020
Hoxe é o Día das Letras Galegas, que este ano dedicamos á senlleira figura de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Compostela, 1990). Con esta conmemoración honramos a memoria dun home que dedicou a vida á causa de Galicia, da súa cultura e da súa lingua para engrandecelas. Un intelectual polifacético, que centrou todos os seus esforzos e sabedoría en enriquecer a nosa literatura, estudala a fondo, ensinala e facer que a amasen propios e alleos.

En realidade, non hai un só Carvalho Calero, senón moitos. A súa é unha voz múltiple, un poliedro de mil caras que fan del un dos humanistas máis completos da pasada centuria.

Carvalho Calero foi poeta e manifestouse con contundencia respecto a tal identidade: "Poeta es, pois da-che nojo todo/ agás a poesia". E foi verdade, pois abondan para demostralo títulos como Vieiros (1931), O silencio axionllado (1934), Anxo da terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoy (1961), Pretérito imperfeito (1980), Futuro condicional (1982), Cantigas de amigo e outros poemas (1986) ou Reticências (1990). Neles deixounos unha poética de clasicismo culturalista, atenta tanto ás cuestións problemáticas do individuo e da sociedade coma á pulsión amatoria, igual á reflexión identitaria ou transcendente que á pescuda metapoética.

Mais o ferrolán cultivou tamén a narrativa nalgúns relatos breves e nas novelas A xente da Barreira (1951), un dos títulos cos que se recupera o discurso literario galego das Posguerra, e a máis complexa Scórpio (1987), texto de pegada autobiográfica que supón o cumio da súa escrita neste xénero.

Da mesma maneira, Carvalho Calero non desatendeu a dramaturxia na nosa lingua. E velaí están para o demostrar pezas como a "Farsa das zocas", "A arbre", "O auto do prisioneiro" ou "A sombra de Orfeo", todas reunidas no volume Catro pezas (1971), ás que logo uniu "O fillo", "Isabel", "O redondel" e "Os xefes" para publicar o seu Teatro completo (1982). A lectura de todas elas evidencia a súa fina sensibilidade para conxugar a tradición histórica do noso teatro coas máis vangardistas achegas do teatro europeo da época, sen desatender á función didáctica, pois moitas destas pezas naceron ao abeiro da súa praxe docente.

Agora ben, se importante foi a súa contribución aos eidos da poesía, a narrativa e o teatro en galego, non me cabe dúbida ningunha de que Carvalho Calero brillou incomparable como ensaísta. El é, sen lugar a discusións, o pai da historiografía literaria galega moderna. A súa Historia da literatura galega contemporánea (publicada orixinariamente en 1963, pero con edicións revisadas e aumentadas de 1975 e 1981) é a biblia literario-historiográfica galega. Pasaron moitas décadas dende a súa escrita, mais ninguén en todos estes anos (ninguén que consideremos un estudoso serio, entendámonos) abordou calquera análise dun autor, xeración ou época literaria historiada por Carvalho Calero sen acudir, unha e outra vez, ao seu manual, para amplificalo, complementalo, contrastalo ou rebatelo, mais sempre téndoo como referencia inescusable. A esta súa Historia habería que engadir ducias e ducias doutros traballos seus capitais, pois non hai escritor importante, época literaria ou feito destacable que non tratase o que foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC. Mais, por sintetizar, amentarei tan só outros dous volumes: as entregas Libros e autores galegos; a primeira analizando Dos trovadores a Valle-Inclán (1979) e a segunda centrada no Século XX (1982).

O perfil desta voz estereofónica, todoterreo da cultura de noso, completaríase coas facianas do lingüista (velaí a súa canónica Gramática elemental del gallego común, pola que tantas promocións estudaron dende que se publicou en 1966); o seu labor docente no Colexio Fingoy, no Instituto Rosalía de Castro e na súa cátedra universitaria; a militancia no Partido Galeguista e a implicación na redacción do Anteproxecto do Estatuto de Galicia; e a pertenza ao Seminario de Estudos Galegos, á FUE, á Real Academia Galega, a Academia das Ciências de Lisboa ou á AGAL.

Máis de seis décadas entregadas a Galicia, o seu idioma e as súas letras; milleiros de textos publicados en libros e revistas; máis dunha ducia de poemarios; novelas e pezas teatrais; dúas ducias de volumes de ensaios e decenas de investigacións por toda parte; innúmeros estudos introdutorios, prólogos, edicións de autor; folletos, conferencias millenta, relatorios en congresos, dirección de teses e tesiñas, entrevistas e unha morea de actividades máis fan do intelectual ferrolán un xigante das nosas letras que abraia pola súa enormidade. Por iso este 17 de maio, día sinalado, a nosa máis admirativa homenaxe rendémoslla a Ricardo Carvalho Calero, voz múltiple que nos guía.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES