Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A coacción como mensaxe

martes, 26 de mayo de 2020
Dunha maneira ou doutra, a pandemia do COVID-19 deixa na conciencia colectiva da Humanidade algunhas mensaxes que son e seguirán sendo obxecto de comentarios, máis ou menos documentados, e de matiz coloquial. Pois no fondo das lembranzas emerxentes desta catástrofe sanitaria, hai un sentimento subxacente dunha difusa culpabilidade de algo así como ter vivido unha vida descoidada, un pouco así entregados a que as dificultades xa as resolverá un “deus ex machina”, ese representante dunha divindade que nos teatros da Antigüidade descendía, mediante un mecanismo, ao escenario para resolver, sen dificultade aparente, situacións complicadas e tráxicas (DEL).

E aínda que o confinamento decretado polos distintos gobernos do mundo, en diferentes modalidades, deixou as súas pegadas, incluso pola lexítima coacción externa, talvez deba evitarse que esta quede nunha mera anécdota, e sería conveniente que quedara substancialmente interiorizada nos seres humanos, como catalizadora de comportamentos globalmente adecuados, e respostas automáticas, froito da incardinada coacción interna. E digo GLOBALMENTE, porque así o esixen os tempos e os avances nos medios de comunicación; ADECUADOS, para reducir as improvisacións dun futuro que, sen dúbida, vai regatear e poñer a proba a sensatez e coñecementos dos humanos, e RESPOSTAS AUTOMÁTICAS para que operen como bos hábitos, evitando a necesidade de acudir a medios persuasivos, sempre dilatorios e recursivos.

E tamén aquí a historia abre as súas aulas a quen se dispoña a aprender nelas. Non está de máis que lembremos como todo o proceso de civilización da Humanidade supuxo unha enorme transformación nos comportamentos e sensibilidades das persoas, e todo isto foi ocorrendo non porque se fixera un plan e se fixaran uns obxectivos a conseguir, pois como nos di o sociólogo Norbert Elias, aludido noutras colaboracións, “é impensable que o proceso de civilización fora iniciado por seres humanos capaces de planificar a largo prazo e de dominar ordenadamente todos os efectos a corto prazo, xa que estas capacidades, precisamente, presupoñen un largo proceso de civilización”. A persoa humana realiza autocontrois dunha maneira consciente, sen dúbida, como os que estamos tendo agora con motivo da pandemia; pero nosoutros aquí estamos a referirnos ao autocontrol automático, cego, mediante unha barreira de medos que recibe das coaccións externas, lexítimas ou non, e que ela vai asumindo e incorporando aos comportamentos propios, a través dos tempos.

Lembremos da Idade Media algo moi sinxelo. O tránsito dun sitio a outro nestes tempos medievais, por camiños escabrosos, era moi perigoso, sempre en mans de asaltadores, que comportaba unha constante prevención de extremas precaucións e medos. Velaquí a presenza persistente dunha coacción externa ilexítima e delituosa; pero, para poñer remedio a esta situación o proceso de civilización foi introducindo nos países institucións de seguridade, que exercían lexítima coacción sobre os atracadores, e o medo destes aos integrantes dos institutos armados foilles modificando os comportamentos, asemade que introduciu nos integrantes da sociedade hábitos, que, en resposta automática, cohíbelles as tendencias delituosas.

As estruturas que constitúen as institucións que van xurdindo a través do proceso de civilización poden ser consideradas desde a súa xénese social, e desde esta perspectiva o aumento do número de persoas en relacións de interdependencia e a exclusión desta dos actos de violencia física, dinos o Dr. Elias, fai xurdir o aparato social no que as coaccións que os homes exercen uns sobre os outros transfórmanse en auto –coaccións, que son funcións dunha previsión permanente, incúlcanse no individuo desde pequeno e acaban manifestándose en forma de costumes, que funcionan de modo automático

Penso que desta reducida información histórica, cando menos, podemos afirmar que o individuo que durante o decurso da súa vida inmerso en secuencias prolongadas de coacciones externas, lexítimas e ilexítimas, vai aprendendo a dominarse do zarandear propio dos seus irrefreables sentimentos, que operan como se foran forzas naturais. É que non era capaz de dominar as súas paixóns: dominábano elas a el. Pero talvez se poida tamén intuír que a vida dos que carecen de auto–coaccións e autocontrois, é máis alegre, pasa de todo e rifa coa descoñecida prudencia, e a propia configuración persoal facilítalles moitas máis permisións, e consideran extraordinariamente arbitraria a lexitimación de certas e necesarias coaccións externas, como se pon de manifesto nas responsabilidades derivadas das relacións paterno–filiais , polo DES/amparo xurídico, sen excluír os casos de carencia de exemplaridade.

Pero permítanme traer aquí, ao amparo do todo o exposto, unha modesta consideración. Modesta pola miña parte; pero este aspecto subxectivo creo que non debería minguar a súa transcendencia no esencial. Así, pois, comezo recordando que a enorme puxanza que acadaron as comunicacións nos nosos tempos estableceu unha rede de interdependencias que esixe unha COMPENETRACIÓN DO COMPORTAMENTO DOS INDIVIDUOS EN TODO O MUNDO, e, evidentemente, tamén unha PREVISIÓN DAS CADEAS DE ACCIÓN sen precedentes, que os organismos de ámbitos internacionais, se serven para algo, deben coidar que sexan obxectivos primordiais de cada país, para soster o auto–dominio constante que alimente a auto–coacción interna, de efectos automáticos, capaz do autocontrol dos impulsos que están levando a unha degradación ecolóxica ao planeta Terra.

E para todo isto é mester manter unha determinada presión psíquica sobre os individuos, a fin de que sosteñan o adecuado modelo de comportamento. Aínda que non sei se aquí sería correcto, pola incardinación subconsciente, falar da creación dun SUPER-EU, capaz de fortalecer as auto–coaccións necesarias para iso, espero que se me entenda o que pretendo expresar. E dígoo desta maneira porque non se pode esquecer tampouco a TENSIÓN QUE SE XERA ENTRE O APARATO DE AUTOCONTROL, UN SUPER-EU E UNHAS ENERXÍAS IMPULSIVAS INEVITABLES.

Particularmente en España, penso que sería moi conveniente regular as permisións que fomentan máis a indisciplina e ocupan o lugar de certas coaccións lexítimas. E, parece razoable, que os gobernos de calquera signo se fixeran eco das non poucas mensaxes que deixaron as esixencias da pandemia. Porque é froito da incompetencia esquecer as leccións do pasado: HAI QUE CAMBIAR O PRESENTE APRENDENDO A CONFORMALO COS ELEMENTOS DE XUÍZO QUE APORTA O PASADO, CRITICAMENTE, PERO SEN IGNORALOS.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES