Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Día da Terra con poesía (IV)

lunes, 25 de mayo de 2020
Os arhuacos, na Serra Nevada de Santa Marta, en Colombia,
coidan da Terra.

Eles foron os primeiros que chegaron
dende que se creou o mundo, dende que apareceu a luz, están aquí.

A Serra é o corazón do orbe.

A Terra sostense grazas a eles
porque son terra que anda.

A Terra móvese
porque eles se reúnen na maloca
a pensar, a pensala.

Van de branco porque a Serra remata en neve,
o gorro, representa ese cumio.

O seu compromiso é coidar dos rapaciños, dos irmáns menores, os brancos,
os que perderon a conexión coa Terra. Illados de si mesmos.
Han de aprender a andar,
aprender a pisala, mansamente.

Na Cidade Perdida dos Taironas gárdase a sabedoría
Van subindo cara ao ceo, viven arriba e abaixo, conforme a época do ano,
con casas nas diferentes alturas.
Así coma os irmáns menores se achegan
eles soben, cara ao alto, acércanse ás nubes.
Vestidos de branco.

Levan as mochilas, colgadas da fronte ou cruzadas no peito;
cada nó co que se tece é un acto de amor.
So se poden vender para mercar terra. Recuperala.
Elas, as mulleres, están máis conectadas coa Terra
sen necesidade de entrar na maloca sagrada.
No corazón da terra viven. Identifícanse con ela.
Pensamento.
Profundar.
Descubrir os lugares sacros pola vibración, percibir a enerxía interior que os percorre
e nos chama para conectarnos.

A desconexión trae sufrimento, alleamento.
Coidar o corpo como a primeira terra.

Respecto a todos os seres:
humanos ou non humanos
Cada cultura ha de valorar as súas raíces,
non somos todos iguais, non,
se se perde a lingua pérdese a cultura.

Medir o turismo
porque uns coidan do que teñen,
outros non,
esqueceron desordenan destrúen
abandonaron o vínculo coa Terra
separáronse da súa realidade
da vida.

Actúan contra si mesmos
crean malestar: o pé na cabeza, din os koguis.

Coidar o mundo. Salvar a Terra.
Eles son os gardiáns,
o día que abandonen o rezo,
deixará de xirar o planeta, a vida rematará

Cada noite
aí están, no alto da Serra
facendo que o mundo non morra
Os gardiáns da Terra.
Responsabilidade e compromiso para manter o equilibrio.

No seu territorio está a porta da Terra.
Estabilidade e harmonía.
Mamos: sacerdotes, pensadores, médicos, asesores, líderes
Home a muller complementándose.

O pai é o Sol, o cumio da Serra
O nai a Terra e a lúa, Aluna, a Gran Nai, a forza da Natureza.
Os mamos son os intermediarios entre as forzas celestiais
e os homes
e as mulleres,
o seu coñecemento permite a ponderación entre as forzas.

Eles axudan á Gran Nai a protexer a Terra,
sosteñen o mundo co seu pensamento
dende os tempos precolombinos.

Son os irmáns maiores,
os menores foron desterrados do centro do mundo,
tempo atrás.
Ecoloxía.

Na casa cerimonial, nos lugares sagrados, falan con deus
ou, o que é o mesmo, coa natureza, coa esencia da vida.
A morte é o cumprimento da vida, a devolución ao útero da Gran Nai.

No seu cemiterio, igual ca no noso, está o pobo da norte. A casa ritual da morte
A Cidade Perdida dos taironas, a civilización precolombina, os pais
no confín do mundo.

Serra Nevada de Santa Marta, a cordilleira litoral máis alta coñecida,
garda o resumo climático,
todos os pisos térmicos, do trópico ao glaciar, as neves perpetuas.

Os indíxenas mascan coca
coa cal das conchas, no poporo,
o home branco plantou marihuana
a máis pura que se veu.
Os colonos,
os misioneiros,
o capital,
buscando a explotación, a deshumanización, o abandono do propio.

Eles resistindo, ascendendo para sobrevivir, para que non lles maten os seus deuses;
profundando, traballando co pensamento para resgardarnos,
para que os irmáns pequenos non acaben de destruír a Terra
a casa.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES