Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Máis experiencias históricas. De eventos ou de feitos?

lunes, 11 de mayo de 2020
Somos xeracións centradas no que nos ofrece o presente. Estamos consagrados ao presente, non só por conformismo e comodidade, senón tamén por certos prexuízos sobre o pasado. Non todos, claro, nin en todos os aspectos que nos presenta a vida; pero nos modos de ser e convivir, rachamos cun pasado do que nos negamos a recibir mensaxes que podan enriquecer os nosos recursos para establecer pautas de convivencia máis eficaces e convenientes. Non é tanto que non saibamos do pasado, como que non saibamos aproveitalo, ou, no seu caso, refugalo con coherencia e oportunidade. A min perségueme de tal maneira esta idea, que ata estou disposto a soportar o risco de equivocarme nas apreciacións da mesma.

Vou traer unhas referencias históricas. Se nos detemos un pouco na lectura da Historia Universal, observaremos que as diferenciacións e especialización das funcións socias en Occidente son moito máis importantes que noutros países, por exemplo, en Oriente, e, como é lóxico, isto esixe unha certa organización central que as coordine, mediante unha adecuada xerarquización. E estes órganos centrais van adquirindo un poder político que xa non está baseado nin na importancia das posesións, como no caso do feudalismo, nin nun poderoso exército, incluso acadado por alianzas. Como se pode apreciar, empezan así a xurdir tendencias centralizadoras. Non obstante, na mesma Idade Moderna, existen países en Occidente nos que ese poder que empeza a tomar asento nas institucións centrais está tan dividido que non resulta fácil saber quen verdadeiramente é dominador e quen dominado, porque os necesarios coordinadores centrais das funcións sociais son indispensables e bastantes para enlearse, pero non se pode prescindir dos seus servizos. Como queira que podemos encontrar analoxías hoxe en día nos nosos países, hai que pensar que compartir o poder ten unha profunda raíz histórica. Pero digamos un pouco máis.

Sempre nos encontramos con plans e clases cidadáns, individuos e grupos, que desencadean tensións, obrigando a expandir a decisión dos que foron adquirindo poder desde o centro, debido ás competencias que tiñan atribuídas, ata chegar a ter que arbitrar as liortas entre a nobreza e a burguesía, o que os leva a configurar unha monarquía absoluta: Coas liortas dos outros vigorízase o poder da monarquía.

E a gran pregunta que se nos ocorre xorde de imaxinarse cómo é posible que nunha situación así non teñan papel decisivo, nin a fortaleza militar, nin o importancia das propiedades, que, aínda que sigan sendo necesarias, xa non son suficientes, para acadar ese poder absoluto. Vemos, por outra parte, que a desaparición da nobreza guerreira vai acompañada do engrandecemento da burguesía, que agora desexa o que criticaba, adquirir un título nobiliario con todo o que comportaba. XA NON SE TRATA DE DESFACERSE DA NOBREZA, SENÓN DE ADQUIRILA. PORQUE A SÚA DESAPARICIÓN ARRASTRARÍA A DA BURGUESÍA: SON MÁIS INTELIXDENTES QUE OS ACTUAIS. Na actualidade prima facerse coa condición criticada. E na praxe algo se revela neste sentido nos nosos veciños que, ao principio, iconoclastas das estruturas sociais españois, parece que desde a perspectiva dun chalé, as furias destrutivas amainan algo. (Se o desexan, omitan o exemplo; pero quédense coa raíz histórica).

Hoxe non se presenta como fácil que un burgués de clase baixa chegue a acadar esa categoría, como non sexa adquirindo un prestixio académico. Pois ben. Ocorría algo semellante nos séculos XVI e XVII, os destacados pasaban a ser servidores do rei, aínda que os seus antepasados foran sinxelos comerciantes ou artesáns: O camiño era outro, pero hai que andalo con tino e agudeza. Como escribe Nobert Elías, prestixioso sociólogo alemán, de orixe xudía: “Na súa loita contra a nobreza, a burguesía non pode ir nunca demasiado lonxe sen acabar prexudicándose a si mesma”. “Todas as clases privilexiadas están igualmente interesadas en non levar demasiado lonxe a loita xa que nada lles resulta máis perigoso que unha perturbación profunda e un cambio no equilibrio de forzas no conxunto do aparato social” (Pacto constitucional?). Velaquí a razón pola que os independentistas cataláns evidencian escaso talento a hora de censurar con tal descaro ao Rei, porque o único que logran sementar na sociedade española, e cada vez máis, é unha forte adhesión á monarquía, e unha xustificada aversión a eles mesmos.

Calquera de vostedes, amigos lectores, podería ofrecer estes exemplos con máis pertinencia, cunha pouca de paciencia, tempo abondo e oportunidade; pero eu pretendo levar isto por outro camiño. Hai dúas palabriñas que soemos usar con certo descoido, aínda que son ricas en connotacións. Refírome ó EVENTO e ó FEITO.

Ambos termos teñen, solos e en sintagma, ás veces con variación da categoría gramatical, importantes connotacións: “a calquera evento”= en previsión de todo o que poda suceder, “a todo evento”= sen reservas nin preocupacións; “de feito”= efectivamente, con eficacia, “iso está feito” = declaración de seguridade, “feita e dereita” = dise dunha persoa cabal (DEL). Convén que pensen nisto, para captar o sentido do seguinte, porque estas palabriñas son máis polisémicas do que parecen, e necesitan explicación.

A incapacidade para xulgar correctamente unha experiencia histórica pode vir de que a consideremos como un evento ou como un feito. Segundo nos din algúns estudosos, o que experimentamos non pode considerarse real polo efecto que produza sobre a nosa sensibilidade, é real porque o percibimos e esta percepción non pode estar separada do mundo, é dicir, o mundo real é o que se nos da na mesma percepción. Pero da experiencia histórica…qué percibimos, “eventos” ou “feitos”?. Se mo permiten, eu faría aquí unha distinción. Cando percibimos tendencias históricas e as detectamos como constantes á través do tempo histórico, diría que estamos percibindo un “feito”; pero se esa percepción se limita á manifestación dun suceso ocasional, sen profundar, corremos o risco de caer nunha certa ambigüidade, considerándoo como un “evento”. E a diferenza é abismal.

Un evento non pode explicarse por acontecementos anteriores, porque non é a actuación dunha posibilidade xa existente, dunha posible tendencia, por exemplo, dun feito, de algo “acabado”, “maduro”, como recolle o DLE, na súa primeira acepción, mentres que o evento, inicia unha nova configuración, que esixe interpretar, é dicir, unha hermenéutica que nos despexe o horizonte e nos ilumine sobre as posibilidades que ofrece “o manifestado” de traducirse en algo constante e investido de certa necesidade, porque só así pode ser correcta e conveniente a extrapolación á actualidade.

Cabe, pois, preguntar, en función do exposto, por que un político actual varía na súa valoración desas experiencias históricas, segundo as considere eventos ou feitos. PERO NO ACERTO OU EQUIVOCACIÓN, CALESQUERA QUE SEXAN OS RAZOAMENTOS, ESTÁ A MEDIDA DO SEU OLFACTO POLÍTICO. En relación á especialización funcional e as súas consecuencias; á conflitividade entre a nobreza, e como o burgués pode acadar un posto relevante, cabe que sexan considerados como eventos ou manifestacións de tendencias, que cada estudoso interpreta na súa perspectiva; pero o político intelixente debe saber obter proveito da elección, e, sobre todo, evitar caer no desprezo da mensaxe histórica, que poñería en evidencia unha indiscutible incapacidade para sacarlle zume, en positivo ou negativo, aos éxitos e fracasos precedentes, unha actitude que pode ser entendida como catarse ideolóxica. Mais isto esixe unha exposición que non corresponde a este lugar, nin a min abordalo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES