Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conmemoracións do calendario do libro e da lectura en estado de alarma

lunes, 20 de abril de 2020
Chegou marzo e con el a primavera, xurdiron as margaritas no medio do verde: uns puntos brancos nos anacos de parque e hortas que podo ver dende o meuconfinamento. A natureza confirma que a vida segue, a pesar de todo. Ela, e os aplausos das oito da tarde, dirixidosaos sanitarios que nos coidan. Ás veces, no piso do lado, o avó ou a neta que tocan o piano, o demais son pantallas e voces enlatadas.

Pois ben, no medio desa situación tan inusual o calendario marca datas.

A primeira delas é o 21 de marzo, día da poesía. Como celebrala? Para as persoas que non andamos polas redes sociais, só nos quedan os blogs e o whasap e utilizámolos. En De libro e outros artefactos, unha mensaxe que comezaba así: “Feliz día da poesía. Unha celebración distinta pero igualmente poética, porque poucas veces nos fixo tanta falta o verso: esa palabra síntese e chea de connotacións, esa verba inflamada, esa emoción que nos embarga, ese inconsciente que emerxe...” No whasap unha mensaxe que quere lembrarlle aos contactos que era un Día D (un día de desembarco, de reivindicar aquilo que se necesita visibilizar, aquilo que permanece minorizado…), neste caso a poesía e convidalos a que a lesen e enviasen algún poema a aquelas persoas que lles apetecese.

Foi algo magnífico no que me sentín desbordada porque eu non agardaba que ninguén me enviara nada pero recibín un abarrote de escritos en todos os soportes de base e de calquera orixe, propios e tomados dos publicados, relacionados cos tempos que vivimos ou acaídos a calquera momento da vida. Foi tanto, que o mesmo director do Instituto Cervantes, o poeta Luis García Montero, me contestou, a mensaxe que lle enviei en galego, cun gran logo e a frase “Coidámonos. Gustamos do plural en galego” ou a Premio Nacional de Literatura Infantil, Fina Casalderrey, contestou co audio do recitado dun poema seu. A poesía dá para todo.

Logo veu o Día do Teatro, o 27 de marzo. Daquela, no blog fixen tres entradas porque o teatro necesita máis apoio, aínda se cabe, nunha delas ían varias ideas para construír bonecos cos que representar unha peza teatral. Na segunda quixen referirme ás pezas teatrais que se recollen enteiras, en aberto, na Biblioteca Virtual Galega, facendo especial mención ás dúas infantís: Autor de Entroido de Manuel Lourenzo González e O cartafol de Ruperto de Xosé Agrelo Hermo. Na terceira entrada quixen referirme á relación de Carvalho Calero co teatro, dende as obras que el escribe ata os estudios que fai das de outros autores) para rematar recollendo a referencia ao libro que Héctor Cajaraville escribiu sobre o autor ao que se lle dedican as Letras deste ano, porque acaba escribindo sete obras de teatro nos que se recollen escenas de diferentes momentos da súa vida.

No whasap quixen acordarme de Pepe Agrelo e agradecerlle esa peza teatral que cedeu tan xenerosamente sen querer publicala en papel, enviando o seu enlace para que puidera ser lida pola rapazada e a xente adulta á que lle chegase; sei que se moveu moito pola zona de Muros e Noia, e casualidades da vida, un ex alumno respondeume á noitiña coa imaxe dun texto meu sobre a obra de teatro que Avilés de Taramancoslles escribirá para eles, e unha pregunta: “sabes de que vai isto?” e tiven que contestar que si. Sabía e lembraba. De novo volvía a min o teatro, en primeira persoa.

Marzo quedou atrás. A reclusión continuou en Abril. Nós seguimos celebrando dende a casa, pero comunicándonos co mundo nesa rede que vai cosendo persoas e teléfonos, fogares e lugares. O 1 de abril é o Día das Artes Galegas. A entrada do blog que seguía ao cartaz que deseñara Xosé Díaz era esta:

“Cando a Real Academia Galega de Belas Artes adoptou o 1 de abril como Día da Arte Galega, aclaraba que se facía en lembranza de que nesa data do ano 1.188 se colocou o Pórtico da Gloria, tal como consta no epígrafe baixo os dinteis. O significado desta obra xunto co seu autor, o Mestre Mateo, tanto a nivel de arquitectura como de escultura, pintura e incluso na música fai que se adopte este día para conmemoralo (tal como se recolle na páxina da RAGBA).

Pois ben, dende o principio se lle comentou á Academia que se ben se entendía a razón, o día non era o máis axeitado para o traballo en educación (que é onde máis se visibilizan as efemérides) se temos en conta a proximidade do Día da Poesía (21 de marzo), o Día do Teatro (27 de marzo) e o Día do Libro Infantil (2 de abril).

Na Mariña Luguesa, uns anos antes (quen dixo que o ensino non se adianta?) xa puxeran en marcha o Día da Arte Galega na Escola o 1 de xuño por ser a data de nacemento de Luís Seoane e cadrar xustamente despois das Letras Galegas, o 17 de maio, e sen ningunha outra efeméride no que quedaba de curso. Foi inútil...

Ata agora, os homenaxeados foron: Mestre Mateo (2015), Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016), Maruja Mallo (2017), Alejandro de la Sota (2018) e Luís Seoane (2019). Correspondéndolle neste 2020 a Domingo de Andrade (Cee, 1639)

Acerca deste arquitecto galego de proxección universal, recollemos unhas notas da Galipedia: estudou na facultade de Artes da Universidade de Santiago de Compostela, en principio coa idea de facerse crego. No ano 1669 xa era aparellador maior da catedral e no 1676 foi nomeado mestre de obras do templo compostelán. Neste, é da súa autoría a Torre do Reloxo, o pórtico real da Quintana ou a capela do Pilar. Tamén traballou no convento de San Domingos de Bonaval, onde foi quen de executar a afamada escaleira de caracol debuxada por Palladio e Vignola e o claustro. Como mestre de obras municipal fixo a Casa da Parra e a, xa póstuma, Casa Conga. Na catedral de Lugo realizou a sala capitular e a sancristía e tamén traballou na catedral de Ourense.

Agora que a rapazada anda pola casa sen poder saír, igual era cousa de animalos a traballar esta figura buscando imaxes da Torre do Reloxo, Pórtico Real da Quintana, Casa da Parra e Casa da Conga para decatarse de como a praza da Quintana recolle unha parte fundamental da súa obra. Observar as fiestras da Casa da Parra para descubrir o motivo das guirlaldas de flores e froitos que as rodean, a modo de cornos da abundancia, que atoparemos noutros lugares da cidade; e tamén a grandiosa cheminea que coroa o tellado.

Pero, quizás, o que máis lles vaia interesar sexa a triplo escaleira de caracol que -na actualidade- forma parte do Museo do Pobo Galego, unha escaleira que lembra as xeometrías imposibles de Escher.”

Neste caso, o que se enviou por whasap, era o enlace ao blog para poder achegar información sobre a data e o autor, por ser esta data unha das últimas incorporadas aonoso calendario cultural.

O 2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil, adoptouse a mesma opción, pois esa entrada recollía o cartaz e mensaxe que oas eslovenos Damijan Stepancic e Peter Svetina realizaran por encargo do IBBY baixo o título “Fame de palabras”.

Para que a cultura siga (como dita o lema da consellería), para que o calendario non deixe caer as follas en van, celebramos estes días, así, como a vida nos permite.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES