Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Co mundo de xeonllos

viernes, 17 de abril de 2020
Nun artigo, se así permite esta denominación da clasificación literaria as colaboracións que fago neste medio, recorro a unhas ideas do filósofo alemán M. Heidegger, e trato de aproveitar un pouco (ben pouco, certamente!), do que el nos vai dicindo da EXISTENCIA, o tipo de ser que lle asigna ao o ser–aí (ao DA–SEIN). E vostedes, os lectores, preguntaranse por qué se me ocorreu viaxar por un camiño tan cruzado de desviacións e difícil de recorrer. Del seilles ben pouco, pero non ignoro a súa complexidade. Vamos ver se podo explicarme.

Permítanme comezar por informalos que escribo, sen internet, dende a terceira planta da Residencia de Anciáns (o da “Terceira Idade” paréceme un eufemismo), en Ferreira do Valadouro, onde me encontro confinado, pola PANDEMIA que nos asesta, nun apartamento alugado, coa miña dona, e coa miña modesta biblioteca a tres quilómetros, sen poder baixar del a ningures. Aquí sérvennos a comida e aténdennos o mellor que poden, incluso con auxilios médicos, sacrificándose día e noite. Vaia o noso agradecemento para tan entregadas, e exemplares, mulleres ao seu deber!!!.

Imaxínense, pois, o fácil e inescusable que é, na heteroxénea convivencia con outras persoas, que tamén ocupan a terceira planta, divagar polas sendas do pensar filosófico profundando, en termos coloquiais, verbo da existencia humana, ameazada neste grupo de risco por eses bichiños, dos que ninguén se acordou como non foran eses investigadores/as que queiman as cellas nos laboratorios por poucos cartos, mentres outros se recrean, non no falcón (aínda que talvez tamén), senón como falcóns.

Creo que debo, polo menos, resaltar a diferenza entre o que Heidegger conceptúa como ENTE e como EXISTENCIA. Só algo moi elemental, porque, a situación na que me encontro non me facilita unha reflexión sosegada, e o que pretendo é precisamente transmitirlles a vostedes por onde navegan os meus pensamentos nos paseos polo corredor do andar, que en si mesmos carecen de importancia, pero situados reflictan un estado sentimental.

Ben. Volvendo ao que me propoño, Heidegger, cando se refire ao “ente”( do latín “ens”, “entis” = ser), faino ao que É, ao que está aí, e a complicación xa está servida, porque non sitúa a “existencia” na oposición a “esencia”, conceptos estes de uso habitual na filosofía, senón no home, e considera que PRE –existe aos entes, non está neles: É como un campo de posibilidades que están chamadas a realizarse como entes situados no mundo. Pero este concepto de existencia leva en si mesmo ESTAR – A – MORTE (Sein-zum-Tode), e con ela desintégrase ese “campo de posibilidades”, e, conseguintemente, a súa REALIZACIÓN EN ENTES, coa morte do home/da muller.

Consideremos, polo tanto, que a referencia que Heidegger nos fai da existencia, equivale a que somos, no máis profundo do noso existir, un cúmulo de posibilidades, e, entre estas, o que se realiza en nosoutros, o noso propio fin, porque a morte, como escribía noutro artigo, é unha posibilidade peculiar da nosa existencia, e como di un estudoso de Heidegger, a súa “realidade” non é entón a dun “feito”, senón a dunha POSIBILIDADE á que estamos referidos, e a súa presenza, a da morte, é a dun estar-á-morte, a dun conducirnos na vida respecto a ela, que É XUSTAMENTE O QUE ACENTÚA O NOSO SENTIMENTO NESTE CONFINAMENTO, POR MOITO QUE O OCULTEMOS.

Pero se nosoutros aprendemos na experiencia que nos deixa a relación coa realidade das cousas e dos eventos, parece lóxico pensar que esta “pandemia” que estamos soportando deixe algunha mensaxe, e debera deixar unha indeleble sinal na nosa especie que impedira que calquera modalidade de arrogancia nos borrara o recordo da nosa indixencia constitutiva, en progresión correlativa con aqueles avances cognitivos que nos fan distanciarnos das nosas propias limitacións. Porque neste mesmo século XXI progresamos tanto que hasta o mesmo ridículo e a estupidez adquiren proporcións xigantescas.

Valoremos o seguinte exemplo. Hai uns anos, lembro ler nun xornal que unha sección do poderoso Exército de EE.UU., saíu de manobras, con todo o progreso técnico militar en disposición de ensaiar o seu manexo; pero cruzando un certo lugar con varias tobeiras de avespas, provocou o ataque delas. Isto parece que causou a suspensión das manobras, pola falta dunha postura de conxunto e a falta de operatividade do material bélico neste caso: O poderoso exército norteamericano derrotado por uns enxames de avespas!!. Falar do PROGRESO SECTORIAL e abraiarse con el é fácil; pero o desequilibrio entre os elementos constitutivos do sistema humano evidencia, polos seus efectos, a neutralización das esperanzas: As manobras tiveron que suspenderse!.

Calquera de vostedes poderá obxectarme que estou descualificando os importantísimos traballos dos científicos que están buscando unha vacina eficaz contra o COVID-19. Sexamos serios!. A investigación neste campo ten un compoñente ético que esixe un comportamento rigorosamente intolerante coa insolidariedade, e o progreso acadado aquí beneficia, sen dúbida, á especie humana, posto que os investigadores perseguen iso mesmo: É un progreso en perspectiva antropolóxica. Polo contrario, o progreso teimudo, proposto en versión política, ten un compoñente fortemente ideolóxico, encamiñado a acadar o poder, para utilizalo en beneficio de grupos moi definidos dentro da humanidade, que se caracterizan pola potenciación de avances sectoriais, causantes dos desequilibrios nos elementos sistemáticos da formación humana, confundíndose coas tolerancias metodolóxicas, e leva a actitudes soberbias e arrogantes.

O mundo debería reflexionar – desde esta incómoda postura de XEONLLOS ANTE A PANDEMIA DO CORONAVIRUS – sobre a necesidade de cambiar as actitudes da arrogancia, partindo sempre dun recoñecemento de que somos seres carecentes e necesitamos de encontrar un sentido existencial, que consiste en vernos desde as propias limitacións, situándonos non entre as cousas, que xa estamos, senón facéndonos cargo das condicións reais nas que se exerce a nosa existencia, algo así como dicía Ortega, facéndonos cargo das circunstancias e evitando caer no esquecemento das nosas constitutivas limitacións. E, no posible intento de poñer en práctica unha prevención, as circunstancias xa estaban aquí, manifestándose nunha linguaxe explícita de esixencias.

Pero recoñecido un debido agradecemento as institucións do Estado español a todos os niveis, parece que tamén hai que recordarlle ao Señor Presidente do Goberno, D. Pedro Sánchez, que as responsabilidades no exercicio da súa función, nin son maiores porque o critique a oposición, nin se reducen polas loanzas dos gregarios, pois o que verdadeiramente xera responsabilidades son os comportamentos e os feitos: Facer oídos xordos ás advertencias do CSIC, xa en Xaneiro deste ano; permitir unha manifestación, impulsada por membros do mesmo Goberno de nada menos que 22 ministros, o 8 de Marzo, con 150.000 manifestantes en Madrid, e moitos outros no resto de España, e descoidar as previsións de material sanitario, segundo parece, como esquecer o pasado (algo habitual), nos efectos SARS, febre aviar china, do ano 2.003, son feitos e eventos que moitos españois non deixarán caer en saco roto.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES