Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coroavirus: Unha mensaxe

lunes, 06 de abril de 2020
Qué podo escribirlles eu verbo desta pandemia que vostedes, desgraciadamente, non están experimentando?. Tiven ocasión, neste obrigado confinamento, entendido, se o desexan, non só como reclusión dentro de certos límites, por necesario imperativo sanitario, senón tamén extradición dunha vida embarullada nas rúas cos teléfonos móbiles e os mecosos canciños, de ler artigos de moita zumarencia. E diría, co permiso do Dr. Durán, que escrebe un denso artigo de ideas moi aproveitables neste mesmo medio, que estamos percibindo a epifanía da trivialidade da nosa vida, na cordura deste agoniado presente.

Pero non deixa de ter este confinamento un certo compoñente paradoxal etimolóxico, posto que PANDEMIA vénlles do grego PAS, PASA, PAN =todo, e DEMOS, OU = pobo, poboación (e descúlpenme os especialistas un posible erro, porque non teño a man o Dicionario Grego). Así pois, significa, REUNIÓN DO POBO; pero aquí tradúcese, máis ben, en causa de separación. Non obstante, tampouco se pode acantoar que esa admirable unión para combater o virus é un efecto causado, en lectura positiva, pola pandemia que nos asesta, e penso que é un efecto non desprezable, aínda que a causa para nosoutros poda ser perniciosa.

Salvo casos extremos de ignorancia ou persoal insensibilidade, tampouco hai que esquecer que os humanos estamos unidos polo temor as consecuencias mortais do igualmente coñecido como COVID-19; e seguramente se tivéramos vivencias do pasado da Humanidade, poderíamos valorar a capacidade dos nosos antepasados para acusar o impacto das PESTES que os decimaron, e, especialmente, a tristemente famosa GRIPE do ano 18 do século pasado, que se levou moitas mulleres no parto. É un pasado que merece unha intelixente incorporación ao noso presente COMPARATIVAMENTE, para medir o xigantesco progreso científico, e o escaso avance nos comportamentos éticos e sociais, que catalizan a racionalidade nas condutas e comportamentos.

Talvez non sexa atrevida impertinencia traerlles aquí unha aproveitable achega de algo do que entende o famoso filósofo alemán, M. Heidegger, por EXISTENCIA, que, máis ou menos, considera como O QUE TEN QUE SER, aínda que sexa irremediablemente finita, e entre as posibilidades que a constitúen “teñan que ser” a dunha “proxección cara a morte, que anticipa como posibilidade máis propia” e inevitable. Non se trata de estar entre cousas, senón de FACERSE CARGO DAS CONDICIÓNS REAIS nas que se exerce a existencia, que está sempre anticipada nas posibilidades, chamadas a realizarse.

Lembremos que sobre a morte xa nos dixo Epicuro, e con non pouca agudeza, que non nos afecta a nosoutros, porque cando existimos (somos) non está a morte, e cando ela está, non estamos nosoutros; pero a morte está presente na nosa existencia, como unha posibilidade que sempre se converte en realidade. Polo tanto, a morte é unha posibilidade especial da nosa existencia, posto que, “ter que ser”, querer “ter existencia”, comporta, como di Heidegger, ESTAR-Á-MORTE (Sein–zum–Tode, en alemán). Xustamente por isto, a morte, como FIN DA EXISTENCIA, non a entende Heidegger como se fose o estado final dun proceso, nin tampouco como unha cesación de algo que está aí: É a existencia asumindo en si mesma o fin de todas as posibilidades que a constitúen, certamente unhas realizadas e outras sen acadar a súa realización. Dito en linguaxe “paladino,” existir implica enfrontarse coa morte, como posibilidade de inescusable realización.

Consecuentemente, non parece presentarse como difícil de percibir que esta situación de confinamento ben podería ser aproveitada para profundar, cando menos, en dúas perspectivas da mensaxe que nos da: A científica e a socio–ética. A científica, en versión médico–sanitaria, e a socio–ética, en versión de xestión política e comportamento social e individual: En ambas as implicacións tanxenciais, levaríanos a unha complexidade que excede os límites desta modesta colaboración. Pero, como xa apuntaba máis arriba, o avance científico é xigantesco, e xustamente eloxioso en medicina. Pero, polo contrario, a ninguén se lle escapa que algunhas versións da perspectiva socio–ética, principalmente no que respecta a condutas, comportamentos, responsabilidades e prácticas de convivencia, deixan moito que desexar, aínda que non prescindamos dos servizos ben canalizados e adecuados da tecnoloxía de uso individual e colectivo, que oculta perezas e cubre solucións.

Por suposto, debemos estar agradecidos a todas as institucións do Estado, como á entrega na xestación gobernativa en todos os niveis, e, segundo se nos informa, á mesma resposta do pobo; pero hai que evitar confundir o ocasional circunstanciado co subxacente, no pobo e nos xestores públicos, porque o medo a unha pandemia da magnitude desta que estamos sufrindo borra, TEMPORALMENTE, as trivialidades e insensateces que nos levan acantoar experiencias pasadas, e a malgastar recursos necesarios para asegurar unha mellor protección no caso de imprevistos por ignorancia histórica, e fortemente impulsados pola fantochada dun progresismo que deixa no camiño a necesaria integración de todos aqueles axentes configuradores da verdadeira realidade persoal do home e da muller, se queremos que as respostas en casos de situacións catastróficas nazan dunha orixinaria convicción anticipada, por impulso existencial e reflexivo, e non dunha necesaria reacción á emerxencia do imprevisto, que leva á improvisación con carencias de medios e as expectativas á penumbra do desconcerto global, posto que os problemas soen presentarse con este carácter e as solucións quédanse raquíticas.

E para terminar, non quixera que todo isto se entendera como unha solapada acusación as novas xeracións, porque a nosa tamén ten moito de que arrepentirse. O que si desexo deixar ben claro é a miña opinión de que non todo o resolve a bio–tecnoloxía, aínda que sen dúbida axuda moitísimo, e que a carencia de medios gastados en fanfurriñadas dos fanatismos ideolóxicos poden dificultar o enfrontamento nas situacións catastróficas; pero sigo insistindo no que veño sostendo noutras colaboracións neste medio: a ciencia sola tampouco é suficiente, inda que sexa indiscutiblemente necesaria. Digamos coloquialmente que tamén precisamos dunha boa con-ciencia (ciencia-con –“co demais complementario” –). Pero considero seriamente que tampouco se pode esquecer o gran esforzo que destacados integrantes das novas xeracións están facendo para mobilizar as vontades de MOITOS INTEGRANTES DAS NOSAS A FIN DE IMPULSARNOS CONTRA AS EMERXENCIAS CLIMÁTICAS, cuxas consecuencias catastróficas van a ocorrer antes ou despois, a medio ou largo prazo, e serán as novas xeracións as afectadas, precisamente as que puxeron a carne no asador, solidarizándose exemplarmente con nosoutros, o sector da poboación con máis resgo de rematar a existencia propia pola pandemia do covid-19: É a evidencia dun exemplo de solidariedade inter–xeracional, que convén non esquecer, propiciar e agradecer.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES