Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

martes, 18 de marzo de 2008
Meu querido Antón: Parecíame que xa podería descansar de tanto partido político, de tanta campaña, de tanta discusión e de tanto debate onde sempre se dicían as mesmas cousas. Pensei que xa non tiña que aturarche máis as túas manías políticas ata que se foran achegando as eleccións autonómicas dentro de algo máis dun ano. Pensei, pensei, pero non. Aínda hoxe pola mañá, cando ía saír para Lugo, atopeite metido nun bo abrigo, abrigándote da xeada e dando voltas por diante da miña casa, a agardarme para me preguntar algo deste tema. E, cachazán coma sempre, fúchesme preguntar xustamente, o que eu non che puiden responder. Pero, malia todo, recoñezo que a túa pregunta non deixa de ser curiosa e moi aproveitable para ser obxecto de comentario nesta carta, por se alguén que a escoite non coñecera o problema, ou, de coñecelo, puidera darnos a resposta que eu non che souben dar.

Falábasme de Santaballa, onde tes parentes e achegados, e dicíasme que, hai xa un certo tempo, os concelleiros do Bloque deron a voz de alarma e presentaron alegacións ao proxecto da autopista do Cantábrico que por alí vai pasar, porque, tal como está previsto o seu trazado, acaba pechando, seica, algunha das vellas pistas de comunicación dentro da parroquia. Estiveron atentos eses concelleiros a que, con tempo, se modificara o proxecto para que tal cousa non acontecera, pois, evidentemente, sería un dano grande e grave para os veciños desa próspera parroquia. Parece ser que, posteriormente, tamén os seus colegas do PSOE se sumaron a esta preocupación e organizaron unha xuntanza de parroquianos santaballeses co delegado da consellería correspondente (por certo, o noso amigo Daniel) para ver de darlle solución ao problema. O caso é que agora o asunto está nas mans dos técnicos cunha boa perspectiva de solución axeitada.

Ata aquí todo ben. Pero ti querías saber outra cousa. Era se os de Santaballa acertaron a ser agradecidos ao repartiren os seus votos o domingo pasado. Porque, dicíasme, os membros do goberno municipal desentendéronse do problema, como adoita acontecer, e, de non ser polos reclamos da oposición, a cousa quedaría sen amañar: supoñías, xa que logo, que os beneficiados saberían recompensar cos seus votos este servizo. Foi así?. Pois, meu amigo, non o sei, non te podo compracer cunha resposta cumprida porque non teño á man os resultados da votación nas mesas de Santaballa. Prométoche que me farei con eles e xa cho comentarei noutra carta. Polo instante, aí queda a pregunta que me parece oportuna.

Pasemos pois a outra cousa. Cando estabamos a parrafear destes asuntos diante da miña casa tiñamos a molestia dun desagradable bruído producido pola apertura dunhas zanxas na rúa para, polo visto, instalar o sistema ERRE de telefonía. Paga a pena, dicíasme, aguantar o balbordo das máquinas, se despois temos mellor servizo telefónico e máis barato. Cadro de acordo contigo, pero tanto ti coma min tiñamos a esperanza de que, con esa empresa, se abrira a posibilidade de que moitas familias puideran recibir as emisións de televisión que agora non nos chegan: Localia de Lugo ou a Sexta, por exemplo. Xa sabes que lle teño teima a este asunto e que xa deixei escritas, nalgún xornal, varias cartas ao alcalde sobre o particular sen recibir ningunha resposta. O caso é, amigo Antón, que, segundo me dixo un técnico de antenas, vaiche ser que non, que iso non se vai amañar coa empresa ERRE. Así que, se o alcalde non se move, e non parece facelo, seguiremos a ter medio pobo, e seguramente algunhas parroquias, sen ese servizo. Meu amigo, paciencia. Agardemos que, tamén neste asunto, teñamos axuda de Bloque e PSOE para insistir na busca dunha solución.

E vou parar por hoxe. Só lembrarche que imos entrar na Semana Santa. Non era preciso traerche este recordo porque xa sei que non vai haber quen te saque de Viveiro para ver o espectáculo dos desfiles con xente disfrazada de capuchón. Eu prefiro unhas boas celebracións na Igrexa, con cantos e órgano, pero moito me temo que isto do órgano tampouco vai poder ser. Así que, paciencia unha vez máis. Eu sei ben que ti non es moi rezador, pero, cando ves pasar as imaxes da Dolorosa, aínda che veñen as bágoas aos ollos e tratas de disimular. Ao mellor iso tamén é un xeito de rezar. En todo caso, pásao ben e non te esquezas dos amigos para darlles a paliza das túas conversas. Alomenos non o deixes de facer con este amigo que che está a escribir.

Unha aperta
Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES