Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (20)

martes, 31 de marzo de 2020
De proxecto en proxecto, ¿cal é o de máis proveito?

Nunha daquelas cintas anímicas atopáronse coa escena que se reproduce neste capítulo por ser unha das seleccionadas polos Fisgas da Fiscalía Celeste:
-...
-Querido Manuel, temos que afina-los métodos, que estes paisanos están aburríndose do franquismo; do franquismo e das nosas maneiras tan..., ¡paternalistas, que non paternais! Nesta conxuntura histórica, de vésperas, deterse é perde-lo tren, así que hai que mete-los pelotazos antes de que remate o xogo, a nosa partida, e para iso cómpre dedicarse con preferencia aos proxectos de máis rédito, aos máis rendibles. ¿Séguesme?
Manuel tiña outras razóns, sen decatarse de que tamén converxía no mesmo espectro, no aureliano:
-¡Que se aguanten, que non lles vai mal connosco, co noso goberno, que desde que ti asesoras, co brandengue que es, non mandei a ninguén ao cárcere, que aquí todo se arranxa en cartos! O que non estea a gusto, poño por caso coa contribución aos gastos, digamos, municipais, daquela que se largue para Alemaña, que aló hai Mercedes, a esgalla, coma o meu, que tódolos plebeos desta bisbarra volven con eles, ¡e fardando, coma próceres!
Aurelio, no seu papel de moderador daquel fidalgo vido a menos; ou a máis, que iso sería discutible:
-É certo, pero, ultimamente, baixámo-la categoría municipal, que nos exceden outras Vilas do entorno; lémbrate canto traballo nos deu poñe-lo padrón en vinte e un mil catrocentas trece almas; ¡iso, entre almas e ánimas!

-¡Si, ho, foi unha obra de enxeñeiros, que ata tivemos que resucitar algún que outro, algún deses que di o propio Arcipreste que de seguro está no inferno! Eses milagres que fas coa Estatística..., ¡cousa seria! ¡Aínda máis có noso Cura cos seus responsos, pois o que é a el, desa parte do mundo non lle volven..., que eu saiba!
O Secretario esbozoulle un secreto, outro máis, que aquel monstro tan enxeñoso, aquel monstro dos enxeños, concibía os plans en serie, tanto os oficiais coma os particulares, a milleiros, enleados coma as ovas das troitas:
-Estes días acariñei un proxecto..., ¡coido que agarimoso!
Aló dentro bulíanlle os celos aoSalmonte, por tragadeiras que tivese e por moito que subordinase a súa dignidade aos cartos:
-¡Mentres acariñes proxectos, e nada máis que proxectos, vainos ben!
Pero o cínico non se deu por aludido:
-Un proxecto que che dará imaxe...; iso, como Alcalde, pero facíanos falta un padriño, concretamente en Madrid, con categoría de Director Xeral, ou aproximada.
Manuel, presuntuoso, sen vacilar, co pasado esquecido:
-¡Témolo: meu padriño de pías, o Xeneral Valcarce!
Aurelio denegou coa cabeza:
-Non; non serve, que se trata do Ministerio de Educación y Ciencia, que é onde temos que face-la xestión.
O Alcalde, carraspeando aquelas queimuras, entre nicotínicas e alcohólicas:
-¡Vale, ho, vale; o mesmo, que cho digo eu, que en Madrid mandan todos, e todos se deben favores, enchufes de toda clase, como daquela da Masonería, que niso recuamos! Con isto sabido, ¿cal é ese proxecto tan agarimoso?
-Pasa que nesta Vila, se a comparamos con outras, precísase unha obra monumental; eu diría que faraónica. Aínda que non sexa práctica, que iso, en política, sempre é o de menos: ¡Hai que facela por unha cuestión de imaxe, para que a veciñanza opine que temos un Alcalde que os ten coma o cabalo de Santiago, ou coma ese da Coruña, aquel Molina...!
-Aurelio, deixando fóra as túas metades; ¿que coño queres dicir?
-Pois, que o señor Alcalde, ti, don Manuel, fas milagres, que es un gran conseguidor. Consegues máis, moito máis, do que teñen as Vilas do teu redor...; ¡menos, se acaso, na cousa antedita, niso da multiplicación demográfica! Poño por caso, un Grupo, un Grupo Escolar, de vinte ou de trinta unidades, que teña as mellores instalacións deportivas que se coñezan en cinco leguas á redonda. ¡Tería que ser tan grande e tan bo, monumental de todo, coma calquera dos mellores de Galicia! ¿Víche-la Laboral de Gijón? ¡Algo así!

O Salmonte, aceso, blasfemou, coa xactancia habitual, coa euforia soprada, inferida:
-¡Iso está feito, Camarada! Ti redacta os Informes do caso, que eu consígoche as trinta unidades, en..., ¡en tres días, que seica foi o tempo que lle levou a Cristo resucitar!
Nin hai que dicir que tanto Frei Marcos coma os Fisgas estaban, seguían, escandalizados, ¡pese a súa experiencia! Aurelio, un bo domador, esporas e freo, a doses, por veces, segundo conviña:
-Querido Manuel, tampouco é así que eses días precisounos Cristo..., ¡porque era Deus! Neste caso, para que se vexa, para que se palpe o difícil que foi conseguir unha obra desa magnitude, ningún Alcalde estaría en Madrid..., ¡menos de quince! ¡Cos gastos pagados, por suposto! Mentres, xa coidarei da túa imaxe; e de inmediato, sen dicir ao que vas, lanzarei a nova de que o señor Alcalde vainos sorprender co froito dunhas xestións que os teus predecesores nesta Alcaldía nunca se atreveron a soñar, ¡e menos a pedir!
Atende, para que non haxa contradicións entre nós: Lévate ao Concelleiro máis golfo deste Concello...; si, de veras, que así, amén de testemuña do teu éxito, teralo trincado, pola súa complicidade bordelesa. Mentres vos desafogades con esas damas de compañía, coa Cibeles e demais amigas, non se che ocorra chamar por teléfono aquí a Churiz, de ningunha maneira, que esa Telefonista ten as orellas grandes de máis. Xa comunicarei contigo, a ser posible desde a Capital, desde o meu bufete, cada dous ou tres días, de tarde en tarde, que ben sei o que son as noites de Caviria..., e ti precisas repoñe-lo teu repocho cunhas boas sestas..., ¡para non defrauda-las seguintes! ¿Vas informado? ¡Daquela obedéceme, en todo, que é polo teu ben!
Manuel, apagados os celos con aquelas perspectivas da substitución, lambíase de gusto, que ata se lle secaron os beizos de tanto abri-la boca, e deu en tusir. De recuperado:
-¡Aurelio, ti es o meu anxo, que agora entendo esa cousa, esa comparanza do cabalo! Daquela, se tes alguén diante, cerca do teléfono, non se che ocorra preguntarme polas bailarinas, que esa Mabel, da outra vez, soubo das miñas andainas nos Madriles, e sempre mo está repetindo, de chantaxe: que son un puteiro, que son un mouro, un egoísta, e que a ela non a deixo falar..., nin cos mellores amigos!

-Manolete, mentres andes de seareiro, por Castela adiante, á túa Mabel sóbranlle leas cos desafiuzamentos desas casas que herdou na Capital, así que non lle quedará tempo para botarte en falta; a maiores, tamén precisa olla-las obras da nosa barriada, que xa ves o adiantadas que as temos. Se o ollo do amo engorda ao cabalo, ¡que non engordarán os da ama! Ás obras, me refiro, que como ti es un Muza, ¡daquela igual entendes ao revés!
-Chacho, agora que o mencionas, esa obra, esa urbanización, tamén é faraónica. ¡Hame facer inmortal; e eu que tiña para min que esas leiras de xunta ao río non servían nin para botárlle-lo toxo!
-Manuel, non te emociones antes tempo; ti goza en Madrid, canto podas, para ti só, con disimulo, para que esta veciñanza pense que estás ao tanto das obras públicas, ¡e non só das túas! ¿Péscalas?
-¡As nosas ben públicas son, que vendémo-los pisos sobre do plano, ao primeiro que chega, sen miramentos nin reservas para as amizades, que por algo son de prezo fixo, séxase, públicas! ¿É, ou non é?
Aurelio pasáballe por alto algunha que outra animalada, pero todas, non; ¡espora e freo, alternativamente, para mantelo desnortado, despersonalizado, sen control de si mesmo! O seu sistema ante o Rexedor era coma aquel do pescantín coa nai das troitas: ¡canto máis tires, máis sedela che dou..., de momento! No seu credo, adoutrinar tamén era ridiculizar, meterlle complexo:
-Manuel, iso chámase, popular; o de "público" é outra cousa. En canto ao prezo fixo...; ¡fixo é, pero levan un recargo do cincuenta por sobre do que nos autorizaron no Ministerio! Por certo, que hai que recordarlle á Mabel, de cando en vez para que non o esqueza, para que non faga excepcións, que non cobre esas primas con cheques nominativos, que nos pode saír algún listete que os retrate; ou que consiga unha certificación do seu Banco. ¿Estamos?
-¿Que, que é iso das primas? ¿Volves ás metás fóra?
-¡Manuel, que pouco te fixas! Primas, sobretaxas, son eses cartos, ese cincuenta por cen que lles poñemos aos pisos por riba da cantidade que lles marcou Vivienda nas Cédulas respectivas, nas Provisionais; ¡que por algo se chaman Protexidas!
A cousa ía ben, e Salmonte celebrouno pegándolle lume aoenésinovegueiro:
-¡Este Secretario, unha marabilla! Chacho, estás en todo, e non o vello, o anterior, que o único que sabía don Ramiro ao respecto das primas era aquilo tan salvaxe de que, ¡Cantomáisprima..., máissellearrima! Meu pobre: cunhas primas que dicía ter aló na Capital, colleu un sifilazo do demo. ¡Foi providencial, que en seis meses, vacante: a túa! Pero ti sabes escollelas, do mellor, que consérva-la saúde.

-Algún defecto tiña que ter, ¿non si, Manuel? -E volveu a soltarlle sedela.
-...

Rematou aquel episodio co asentimento compracido do Alcalde. Fisga Nove manipulou outra cinta, para a secuencia seguinte, e deulle ao "intro" daquel Relembro Anímico da Fiscalía. De primeiras apareceu en pantalla aquel suntuoso despacho da Secretaría, na Consistorial de Churiz, tres veces máis grande e de mellor moblaxe có do propio Rexedor, nota explícita, elocuente, de quen viña mandando, realmente, no Concello; quen mandaba en realidade de verdade.
-...
-¡Oh; que grata sorpresa; non te esperaba, polo menos tan de mañá! ¡Vou pechar por dentro, que está aí o Xaquín, na oficina!
-Manuel marchouse de cedo, no seuMercedes, polo Camiño Ancho adiante, el e mais un Concelleiro, que nin sei como se chama; ese solteirón, ese barrigudo, ¿sabes?, o das canteiras. Non me quixo dicir a que van a Madrid; tan só que é un secreto de Estado, unha cousa boísima para Churiz. Con tanto misterio, que se me fai que ese Concelleiro nin sabe a onde o levan, pero tampouco lle importa, seguro que non, que ese trangalleiro, con tal de pasear...! ¿Oes, non será que os chamasen de Gobernación, por estas conspiracións dos nosos solares, por iso de que non respectámo-las leis?
-Muller, en absoluto; ti tranquila, que iso da urbanización é unha das cousas que nos van de perlas, miña socia tan querida; ¡tan querida e tan admirada! O teu Manuel non volverá en dúas semanas, que leva varios asuntos na carteira, moitos; ¡ademais dun galano para o seu primo; á conta, previo! ¿Ti tes que ir á Capital, non si? -Chiscoulle un ollo. -Daquela dille á criada, a esa de máis confianza, que se ocupe dos nenos, e que non te espere en dous ou en tres días, que debes arranxar cousas, aló, na cidade... ¡Para disimular, dille que é diso das casas! Despois agardas por min, xa sabes onde, que esta noite, miña rula, durmimos e soñamos, ámbolos dous, nese Parador tan..., axeitado!
Mabel deu en danzar, castañolando cos dedos:
-¡Xa fun, xa fun, a Portomarín, / que fun, que fun, / requenta-lo meu amorín!
Aurelio colleuna polo van e seguiulle aquela danza tola, improvisada, marcando os puntos:
-¡Xa fun, xa fun, a Portomarín, / e co meu amor entre as pernas / durmín!
Mabel, soltándose daquelas apertas interminables, sedentas, fogosas, con retorzóns de cadela enlazada:

-¡Estamos tolos, Aurelio; mira que se chega a saberse..., agora que témo-los negocios en sociedade!
Aurelio tranquilizouna sentándoa nos seus xeonllos, ás carranchas, encarados, e prodigoulle todo tipo de caricias:
-¡Tolos de amor, Mabeliña; meu sol; ninfa do Miño! ¿Ti, acotío, nesas manazas que non te merecen, que de seguro nin saben acariciar esta pel de pexego suave, máis apetitosa cás mazás do Paraíso?
Mabel, despois da febre, do éxtase, daquela vacilación, recuperou algo de apromo, colgándoselle do colo ao seu amantísimo Secretario:
-¿Sabes que che digo con respecto ao meu panzudo? ¡Por min, que lle dean bailarinas, a pasto, onde diaños estea, onde queira que vaia, que eu voume contigo, agora mesmo, ao inferno que sexa...! ¡Ao noso Portomarín, que Mallorca pilla lonxe, que se non...! ¡Tra-la-ri-ro...! ¡Imos maza-lo leite co teu mazaroco, que é noviño, e tan desaproveitado que o tes, que o está necesitando a miña chocolateira, moitísimo! ¿Sabes unha cousa? ¡A do Manuel, nestas ocasións, nunca pasa do nove! ¿De canto me dixeches que é a túa, do vinte? ¡Daquela verás que festa che dou, que xa me sae a humidade..., a callón!
...

Os Fisgas, nin que dicir ten que estaban abraiados, escandalizados de tanta impudicia nunha xente que encabezaba a vida oficial daquel Municipio. Un deles estivera repasando as etiquetas dos vídeos anímicos e deu cunha biografía relacionada, paralela, daquelas de Churiz, que tiña que ver co Litis. ¡Co Litis, non, co seu diaño! Rebobinou ata poñela coincidente, sincrónica; e con ese axuste viuse unha baiuca daquelas da estrema de Churiz, escurísima, na que conspiraba un fato de rapaces:
-...
-¿Entón, hoxe, ás oito, no sitio de costume? -Preguntou un dos mozos, tan rapado, tanto, que ben se lle notaba que estivera, ou que seguía estando, no Exército, na mili.
-¡Non, ho! Penso que é mellor cambialo, que como non están na praza, nin Manuel nin o seu alter ego, eses Gardas andan soltos, de cuncas chupadas, e daquela poden nota-lo noso remexo.
-¿Por que non na túa, Xaquín? ¡De ti, por agora, non desconfían, que ben que te arrimas aos oligarcas! -Apuntou un deles, cun de traxe de pana, labrego ao cento por cen a xulgar pola anchura e polos calos das súas mans.

-¡É perigoso, que me están afagando moito; iso evidencia que xa me teñen por inimigo! Pero hoxe temos outra oportunidade: Como coincide ese enterro, o do pai do Veterinario... Daquela coido que é mellor ir por aló, e así quedármonos a cear polo camiño, lonxe de Churiz; ¡tal que en Sarria!
Contestoulle un rapaz que era roibo coma unha mazaroca, celta puro:
-Non é mala idea, que este Xaquín coñece os bois cos que ara, pero, ¿e se alguén avisa á Garda Civil?
Resultaba evidente, no ámbito local, aquel dirixismo do Xaquín:
-Para estes riscos xa sabéde-la consigna: Non precipitarse en pasa-lo recado, para non dar tempo a que ninguén dos iniciados se vaia do pico, e que cada quen, desde ese intre, vixíe os pasos do seu contactado, do seguinte, de un en un. ¿Advertidos?
Como eran moitos, moitas foron as opinións tácticas daqueles subversivos de barrelo. Un dos que estaban aló atrás levantou a man para que lle atendesen:
-Na miña opinión os máis perigosos son eses do Tercio, séxase, do Sindical e do Familiar, que eses, ¡nin que fosen xudeus conversos! Deses non me fío, nin un pelo, e menos aínda desde que don Manuel se meteu a empresario..., que os pode comprar de mil maneiras!
Xaquín era doutra:
-Eu do Familiar menos que de ningún, que eses fedellóns adoitan ter moitos fillos, ¡e cantos máis fillos, menos ideais!
O máis animoso deles, unha especie de alter-ego do Xaquín que non se lle apartaba un centímetro, corifeou:
-Como di o noso Xaquín, hai que corre-lo risco, que ese Mataquintos do Pardo está a caer..., ¡e precisamente por culpa destes levantamentos dos universitarios! Daquela temos que estar organizados, ipsofacto; para iso, para aproveitar ese baleiro do poder constituído, e haberá que facelo sen vacilación, que para entón farémonos cos Axuntamentos, ¡sexa á forza, ou presentándonos ás eleccións, segundo se terce, que hai que ser pragmáticos, e iso dependerá de moitos factores!
O omnipresente Xaquín, centro de tódalas miradas alí onde fose, que de cando en vez amosaba á porta da taberna, seguramente para espreitar se había xente ao redor, intrigounos de mala maneira co que lles estaba insinuando:
-Teño novas, fresquiñas, do trinque, ao respecto de todo iso, que volas darei no seu momento.
Despois daquel funeral de tapadeira, de cobertura, de facerse ver, asinar e marcharse, nunha abacería da estrada. A xulgar pola vexetación, no Val de Sarria:
-...
-A ver, Xaquín, ¿cal é o motivo desta xuntanza, desta plataforma con xente de tan diversas opinións?
O aludido, nin curto nin preguiceiro; sempre sobranceiro:
-Imos deixar sentado, de primeiras, que somos demócratas, e que nos responsabilizamos dos nosos actos. Por conseguinte, se algún dos presentes non é demócrata, daquela non poderá sentirse a gusto cos demais, así que lle pregamos que se decida a irse, ¡xa! Que pague o escote da cea, e que se largue, ¡así sexa ao Cuartel dos Civileiros!
-...
-¿Que, ninguén se vai? Daquela, se pasa algo, xa sabemos que houbo traidores postreiros. Dependerá dos outros desenmascaralos e purgalos, tal e como se merezan. ¡Lei do Talión, que se di!
Adiantouse o roibo e dixo:
-¡Xaquín, non sei que vas dicir pero debe quedar claro que ser demócrata non significa ser comunista, como seica es ti; ¡ou viceversa! ¿Estamos? Entendo que aquí, nesta convocatoria, o denominador común é a cousa de ser demócrata, que de momento vai ser no único que conformemos. ¡Farruco dixi!
Un dos que aínda non falara:
-Opino coma este das J.O.C., que así sómo-los sindicalistas, que sempre dámo-la cara, acotío, enfrontándonos aos burgueses, aos empresarios, mentres que outros, tal que estes labregos, moito queixarse do Réxime, de que lles muxenna teixa, pero seguen dándolle ao dente, aproveitándose desas becas tan demagóxicas, ¡co aquel de que teñen a propiedade a nome dos vellos!, e de paso aprovéitanse de cantas subvencións pillan. Nese, Si, señor, escravista, tan seu e tan crónico, por suposto.
O do traxe de pana, picándose, alzou a voz:
-¡Tamén hai sindicalistas do siseñor, deses que dobran os gonzos por aí adiante, en tódalas Empresas, que o Vertical, de tal, só ten o nome!
Algo lle musitou daquela Xaquín, pero saíu inaudible no estéreo; a quen se lle oíu perfectamente foi ao seu incondicional:

-Rapaz, non te metas co Xaquín, nin cos obreiros, e déixate de bromas que ben sabes, sábelo perfectamente, que no Vertical, moitos de nós, estamos asentando os canteiros; ¡si, os canteiros, os do pórtico grande, os da liberación! Iso aínda que sexa amodiño, dous pasos adiante e un para atrás, que dixo Lenin. ¿Ou logo, como é aquilo de que, chivapianovalontano? ¡Nos, paseniño, ou correndo, segundo as oportunidades, xa conseguimos certas cousas, certas liberdades, de interese xeral; e ti sábelo perfectamente!
Aquel campesiño medrouse, temperou, ante a agresividade do verticalista:
-¡Seino; pero aquí, a tal momento, nin piano nin gaitas do fol, que só hai bordes! E se non, mirade as horas que vos fan traballar eses centurións da Urbanizadora, que nin que vos tivesen nas obras da muralla de Lugo. Moito de Limitada, pero o que é no traballo, e no risco das estadas, maldito cousa; e mentres, os descendentes daqueles Condes do Monte Salvo, veña fumar Montecristos, ¡que ese foi outro, outro Conde!
Xaquín aplaudiuno, con calor:
-¡Así se fala, rapaz, que iso dos Montecristos é un signo externo das ditaduras; ou máis propiamente, dos ditadores. Para máis inri, evocando o nome daquel martelo dos tiranos! Este oligarca, este gomo panzudo dos Salmontes, mentres fuma nos habanos ben que se embolsa as plusvalías, ¡as vosas, as do voso traballo! Por certo, ¿de quen son as plusvalías; sabédelo? ¡Outra que esquecedes, a miúdo!
Interveu aquel mozo do pelo aocerapio:
-A ver, Xaquín, déixate de Cristos e de Montecristos que aquí estamos para falar das accións, das resistencias; con accións e con resistencias foi como ese Fidel acabou cos oligarcas, cos de Vuelta Abajo, e tamén cos de Vuelta Arriba, todos eles lacaios do seu Tío, do Sam. Aquí suponse que es o moderador desta Xuntanza pero non se oe nadiña que sexa verdadeiramente revolucionario; nada que haxa que moderar, que ninguén se define. Provoquémolos, un pouquiño: ¿Cae ou non cae don Paco? Se cae, ¿que plans tedes para o día seguinte; ou é que non tedes previsto un Día D, coa Hora H? Se non hai trazas diso, nos, entrementres, ¡mexar e á cama!
O Auxiliar do Concello, Xaquín, quixo aglutinar, eclecticamente por suposto, naqueles aguiachos, naqueles revolucionarios de vía estreita, de rueiro; dos de, por un patacón, cen:

-Tampouco se trata de definirse senón de sentar unha entente, o máis cordial posible. Si, iso, unha entente, nosa, con miras ós acontecementos, que desta vez poden ser inminentes. ¡Síntomas hai, en presenza! E como di o Bieito, ese Cura sábelotodo, ¡achaia-los camiños do Señor! Pero aquí trátase dos camiños plebícolas, dos da plebs, que as avenidas dos señores, ben que as achaian eles, eles mesmos..., aínda que só sexa para lucir eses bloques das súas pseudovivendas, esas que nos están vendendo de estraperlo, e sen ascensor!
O roibo era dos máis escudriñadores:
-Daquela, ¿ti sabes algo, algo máis, algo transcendente? ¿Que vos din eses infiltrados do KGB, esas amas de cría con botas de cosaco, eses que vos levan da man coa man..., coa man chea de ouro moscovita, daquel que depositou Negrín?
Picouse o aludido, reaccionando en consecuencia:
-¡Sen bromas, eh rapaz, que volo vou dicir en boa camaradería! Deses conflitos estudantís, deses que remaneceron na Central, respaldados por varios profesores ben coñecidos, espérase que podan conducir á folga xeral, provocando unha crise definitiva do Réxime, que traerá consigo, probablemente, a caída do franquismo, e con Franco irase esa pantomima, ese franquismo sociolóxico, que algúns empresarios xa amosan a súa intención de cambiar algo, unha parte, un case que nada, para que non se lles cambie o todo, para non chegar a verse desbordados cunha ruptura violenta.
¡A burguesía, é sabido, sempre saca o paraugas antes da tormenta! ¡Enxérganas de lonxe, de tanto canta-lo Cara al Sol! Se isto se produce, o esencial é que esa ruptura non nos leve polo río abaixo, nunha das fervenzas que se producirán por culpa da vendetta que se vén incubando, ¡desde o 34! Que nos leve a unha guerra intestina entre as forzas políticas, acaso entre veciños, como pasou daquela, daquela no 36. ¿Estamos? Pois isto, que parece tan simple, hai que cimentalo, á conciencia, con bos alicerces, con reunións heteroxéneas coma esta, que para xuramentarnos, maiormente para iso, aquí estamos. ¡Daquela hai que chegar a un equilibrio liberal, transixente, e nós tamén, tomando a verba liberal no senso filosófico, no da tolerancia intelixente! ¿Vale?
Estouvos invitando a uns acordos de mutuo respecto, pois sería absurdo que despois de ter padecido unha ditadura ominosa, longa, eterna, interminable, do máis feroz caciquismo, no máis lucrativo dos amiguismos, corrompida con ese du ut des que restaurou o franquismo, despois diso, insisto, estes demócratas de toda a vida, a flor e maila nata deChuriz, e da súa bisbarra, estes que destacamos polo noso patriotismo e pola nosa intelixencia, non esteamos da mesma avinza, nin sequera para asenta-la convivencia, ¡politicamente falando! ¿Si ou non si, queridos amigos?
Aquel labreguiño do traxe de pana, ecléctico e prudente, coa moderación acugulada por tantas ducias de xeracións labregas reiteradamente asoballadas:

-¿E ti, na túa ideoloxía, nese rolo verbal, cres, sinceramente, que en España volveremos a te-lo partido comunista, esa ideoloxía que pretende repartir tódalas vacas que pasen de dez? Querido Xaquín, coido que podes ir buscando acomodo noutra forza política, en calquera das que dimanen desta nova situación, ¡tal que aí polo medio da vagada, que é onde máis abrigado se está, se está e se estará!
-¡Mirade este carreta-xamóns, -bramou o aludido, -que non hai tanto que o cachei petando nas portas do Pazo Salmonte! Eu non dixen que o marxismo sexa unha exclusiva dos comunistas, mais terémo-lo marxismo sociolóxico, ideolóxico, outra vez, ¡chámenlle o que lle chamen! O que dixen, o que seguirei dicindo, é que temos, ou teremos, que partir, todos, todos nós, tódolos españois de lei, dunha oposición ideolóxica conxuntada, temperada, aproximada, persoa a persoa, para mina-lo réxime ditatorial, para darlle, entre todos, unha unción extrema, coa untura posible, cunha untura que sexa compatible coa nosa dignidade, tanto persoal como colectiva, que agora está claro que eses oligarcas van pola rúa da amargura, ¡agónicos perdidos!
-...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES