Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O meu Sasito

lunes, 17 de marzo de 2008
Hoxe estou moi moi cabreada; cando fun coller o meu Sasito atopeino coas dúas portas cocadas e o retrovisor escachuflado. E o que máis me amola é que o que bateu con el non foi quen de me deixar unha nota co número de teléfono para amañar os asuntos do seguro. Andiven a pedir presupostos e quedei coa boca aberta. Nin que fora un Rolls Roice!!!

Ui!. Perdoen vostedes, que os teño que presentar. O Sasito é o meu coche, ten oito anos recén cumplidos e ata o de agora non me deu ningún desgusto. Pasa a ITV sen problemas e de cando en vez vai polo taller por algunha que outra menudencia; nada grave.

Eu lévome moi ben con el; andamos dun lado para outro continuamente… que se tira para A Coruña,… que se vai ata O Barco… A viaxe máis longa que fixo foi a Madrid; cambiou a capital da Terra Cha pola capital do reino. Xa fixo un ano que presentei unha exposición no Centro Galego, i, en principio, ía ir en avión, pero no último momento decidín levalo canda a mín. El estaba encantado da vida, primeiro pola autovía e despois pola autopista. Xa cando nos achegabamos a cidade as cousas fóronse poñendo máis enrevesadas; el non me dicía nada, pero eu ben vin que andaba algo nervoso cando viu tanto carril e tanto coche que pasaba fungando ao seu carón e case que nin os vía.

Levabamos o enderezo dun amigo que nos indicou como chegar, máis ou menos, á súa casa. Pero claro, Madrid non lles é Vilalba. Xa metidos no desmadre automovilístico é imprescindible levar os ollos moi abertos e tirar por onde tiran os máis. Que remedio…!!!. O caso é que o Sasito é fiel cumplidor das normas do tráfico e tocounos parar nun semáforo tras dun bus. Ao abrirse baixamos por un paso subterraneo, que non era tal, senon a estación de autobuses de Moncloa. Cando nos vimos alí, soíños e rodeados de buses que nos pitaban ningún dos dous dixo nin mu. Caladiños, demos media volta e saímos por onde tíñamos entrado e… eiquí paz e despois gloria. Menos mal que non ía o Javi canda a nos, que nos había meter un berro por panoios.

Pero todo é cuestión de se acostumbrar; aos cinco menutos de andar polo medio de tanto coche xa parecía que levaba toda a vida trotando pola capital. O caso é que, sen saber moi ben como, chegamos ata a praza da Cibeles, demos dúas voltas para vela ben e logo seguimos. Total, como estabamos perdidos, tanto nos daba tirar para un lado que para o outro. Cando nos pareceu, chamamos a un taxi para que nos levara ao enderezo que levabamos…e cobrounos 3,50 €, así que non andabamos tan despistados.

Para ir a casa da Ana houbo que coller o metro e aquello si que foi apoteósico, porque claro, cando vas do pobo para a cidade sempre aproveitas para encher a despensa de cousas ricas: eu levaba patacas, un queixo de San Simón, un pan de Martiñán…e ,por suposto, a maleta. Somentes me faltaba levar unha galiña para ser o Paco Martinez Soria. E menos mal que a Carmen non me mandou máis cousas para a filla, que se non o Sasito non ía poder con todo.

A volta foi máis tranquila porque non nos perdemos. Fixemos dúas paradas técnicas, para facer un pis, polo camiño e chegamos a Vilalba sen problemas.

Ás dúas semanas tivemos que voltar e daquela veu a Carmen canda a nós. A viaxe foi moi amena; rímonos moito porque voltamos a levar a despensa enteira, empanada incluída, e quedáronnos os paquetes trancados nas portas do metro.

Desculpen vostedes, pero teño que deixalos. Vou pedir máis presupostos polos talleres para que me descoquen o meu Sasito e me cobren pouco, que por pouco que sexa ha de ser abondo. Un bico.
Naseiro, Estrella
Naseiro, Estrella


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES