Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Quen matou ó Coronel Le Coste?

miércoles, 12 de marzo de 2008
Personaxes: Inspector Flandín, secretario Gastón, Pablo o mordomo, Tareixa a cociñeira, Mariña a doncela, Antón o polifacético e cabaleiro nunha peza, Cura, Señorita Weber, Coronel, Outros de aquí e de acolá.

Vaise celebrar a festa de enterro e todos andan pola cociña picando de aquí e de alá, pelando churras e facendo preparativos para enterrar ó coronel co mataran arreándolle unha taxada no pescozo para roubarlle uns zapatos moi estraños que el mesmo confeccionaba.

Un inspector investigaba o crime. Leva unha gorra a cadros con viseira e fuma unha pipa.

Ao principio preséntase unha escena onde todos choran. Os actores fan que limpan as bágoas cuns papeis hixiénicos.

Inspector: (entra por unha porta á dereita do escenario). ¿Tería vostede a amabilidade de relatarme onde estivo a mañá do crime?

Antón: Verei se lembro polo miúdo. Por veces se me esquecen as cousas.

Mariña: Sempre se lle esquece todo e o siñor sempre lle rifa.

Inspector: Faga un esforzo, home.

Antón: ¡Ben! Erguinme ás sete da mañá. Espertei ó siñor e señorita e ó secretario, pois tiñan que estar na igrexa ás oito en punto. Despois da misa almorzaron e todos se amosaron ledos e riron os chistes do siñor.

Inspector: Terían graza.

Antón: Ningunha.

Tareixa: A Antón alúmenos non lla fixeron.

Antón: A min non.

Inspector: Pero vostede quería ó seu siñor ¿non si?.

Antón: Quería moito, é verdade.

Inspector: Pero a vostede non lle gustaban as súas bromas. E aquel día co mataron emprendeuna con vostede e matouno súpeto.

Criadas e criados:(Movéndose polo escenario coma se fosen almas en pena) ¡Pobre coronel! ¡pobre coronel!

Antón: Non hai testemuñas. Pregúntelle a Pablo o mordomo xa verá como aquela noite o coronel me sentou á mesa con el.

Pablo: Pois non me lembro ben.

Antón: Pois pregúntelle a Gastón, o secretario.

Gastón: Velaí que eu tampouco me lembro moi ben.

Inspector: É bastante raro.

Mariña: É verdade eu son testemuña de que Antón sentou á mesa do coronel. El non puido matalo.

Inspector: Habería que buscar a ver quen ten os zapatos do coronel. Quen os teña é o criminal. Así que de aquí non poderá saír ninguén para que non haxa trampa.

Mariña: Pois busque, eu andei de limpeza e non os vin por ningures.

Tareixa: Velaí señor inspector que se eu o quixese matar podería envelenalo. Non me faría falta cravarlle unha navalla.

(Súpeto ó inspector dixo cambiando de tema.)

Inspector: Haberá que investigar a quen lle fixo testamento o coronel.

Gastón: Non é cousa de saber aínda.

Inspector: Pois vostede xa debería sabelo, pois é o seu secretario.

(Gastón dubida e dá unhas voltas)

Gastón: Non, coido que non o sei.

Inspector: Daquela vou pensar que é vostede o asasino para e que matou ó coronel para herdar axiña.

Gastón: Non atalle, inspector, non atalle, eu non o matei.

Inspector: Pois algún de vostedes tivo que ser.

Tareixa: Daquela tivo que ser o mordomo, pois os mordomos case sempre son os culpables.

Pablo: ¿Eu? Non entendo quen dixo tal cousa de cos mordomos somos sempre culpables.

Tareixa: Quixen dicir, case sempre.

Antón: O co matou coñecía o contido do testamento.

Mariña: Logo tivo que ser o secretario ¿Quen ía coñecer o testamento senón el?

Gastón: Agora xa lembro un algo. O siñor saíu ó xardín co siñor cura que andaba coxo, e velaí que o vin hoxe á mañá e non coxeaba.

Pablo: ¿Non pensaredes co matou o cura?

Inspector: !Ha, ha, ha! Iso estaría ben.

Antón: Agora que me lembro o coronel andaba coa viúva do sancristán.

Inspector: Daquela o cura non ten móbil.

Tareixa: Ten o ten, eu vino falando por el.

Inspector: Muller, non é ese o móbil ó que me refiro. Eu refírome a que non ten desculpa. Agora quedade aquí que vou ó xardín buscar probas do crime.

(Entra o cura)

Cura: Bos días nos dea Deus.


Antón: Pois dígalle que escorrente as nubes que senón ha de se nos foder a festa de enterro.

Tareixa: Velaí o inspector que pensa que vostede matou ó siñor.

(O cura fai o sinal da cruz)

Cura: Eu non matei a ninguén, nestes casos son os desgustos os que matan ás veces. E vostede, inspector, deume un ben gordo.

Inspector: Eu cumpro coa miña obriga

Cura: Pero todos somos inocentes mentres non se demostre o contrario ¿non si?.

(Entra a señorita Weber)

Señorita Weber: Eu non o matei, que estiven lonxe e acabo de chegar, dígoo para que non me dean a lata con crimes. Eu veño cobrar a miña herdanza. Para iso son a filla adoptiva do siñor.

Tareixa: Muller, o siñor aínda está quente no cadaleito para que só pensedes en herdanzas. Deixe aló menos co enterren.

Inspector: Aquí ninguén ha cobrar nadiña ata que se descubra o culpable.

Weber: Pois ande axiña que eu teño présa.

Inspector: Velaí que vostede aínda non vai herdar. Pois semella vostede culpable tamén.

Weber: Pero eu estiven fóra. Só vin hoxe ata aquí.

Inspector: É igual, nas cuestións de herdanzas hai dous motivos para matar. O desexo de entrar axiña no gozo dos bens legados ou o despeito por non ter sido beneficiado.

(O inspector sae para pensar mentres, todos seguen preparando a festa. Uns e outros móvense polo escenario como as ovellas pola aira. Pero non din mee. De alí a un anaco o inspector entra movendo a gorra cunha man.)

Inspector: ¡Ha! Xa sei quen matou ó coronel

Mariña: ¿O cura, non si?

Inspector: Unha compacta ringleira de formigas rebeloume o misterio. No chan do xardín había varios refugallos de compota.

Antón: Veña diga axiña, ¿non ve que todos lle temos cravada a ollada?

Inspector: ¿Para onde, para garabata?

Gastón: É ben fea, un policía debería pasar sempre desapercibido.

Inspector: Como lles dicía, xa sei quen matou ó siñor. Foi a cociñeira pois quen senón. Ela é a compoteira.

Señorita Weber: E por que mataches ó bo de meu pai adoptivo, muller?

Tareixa: Bo! Porque el dixo que no mundo non había máis muller para el ca min e velaí que me enteei que andaba coa viúva do sancristán.

Inspector: Daquela non foi polo testamento?

Gastón: Coido que non

(O inspector sorrí)

Inspector: Non creo co vello andara con namoramentos e de picos pardos á súa idade. Sego a pensar que foi o a herdanza o que matou o siñor. Velaí que penso todos sodes culpables. Desde o momento do crime, todos vós tivestes contacto co defunto coronel e atopádesvos mesturados e revoltos no suceso.

Cura: Pero a Tareixa confesou e é culpable, que máis quere de nós?

Inspector: Que teñan a bondade de traerme o testamento do siñor.

(A ocasión foi digna para un sorriso, compracido na expresión dun mundo promiscuido no que os rostros, corpos, atitudes e frases confundíanse arredor dun cadáver co grafismo dun fondo de cine.)

Gastón: (Dálle uns papeis amarelos ao inspector). Velaí ten o testamento do siñor.

(Todos se poñen indiscretamente a carón do inspector para le-lo contido do testamento).

Pablo: Arre carallo, xa sabía eu que me ía deixar un dos seus dous cabalos.

Mariña: Aínda haberías querer os dous. Egoísta.

Pablo: Ven llos merecía polas veces que levo chamado siñor.

Mariña: Pois cobras ben caro os dicires.

Inspector Flandín: Fáiseme raro, o outro cabalo deixoullo á doncela.

Cura: E a min que me deixou?

Inspector: A vostede deixoulle as flores do xardín para que lle adorne o cemiterio.

Señorita Weber: Bo!, esas miudanzas. Eu son a herdeira de todo, para que quero eu as flores e os cabalos a min só me interesa a facenda e os cartos. Veña lea axiña a lista dos meus bens para que estes criados saiban quen manda aquí.

Inspector: Pois o testamento di que a vostede só lle deixou a súa colección de botas que el mesmo facía. Di que teñen grande valor.

(Os demais facían acenos de burla).

Señorita Weber: Haberá que ir ao avogado para que nos lea o testamento. de vostede non me fío nadiña. E a quen lle deixou os bens?

Inspector: Mellor é que llo diga o avogado, non si?

Señorita Weber: Pois xa que me deixou a colección de botas. Quítella as que ten o defunto, pois de seguro que eran as mellores, senón el non as levaría para andar pola outra vida.

Cura: As botas debiamos repartilas, aos meu pobres da parroquia haberíanlles abrigar os pés.

Gastón: As botas son unha obra de arte feita á man, todos deberiamos ter un par desas reliquias.

(Todos asentían)

Coronel: (Erguéndose do cadaleito coma se lle picaran o cu un milleiro de formigas). Ah! Rufiáns.

(Todos se soben enriba das mesas como se escapasen das augas do mar para enriba dunha illa ou dan voltas e viravoltas polo escenario semellando fuxir co medo).

Cura: Coronel, ouviu vostede todo isto?

Coronel: Ouvín!

Inspector: Pero vostede non estaba morto?

Coronel: (Colle un fusil que tiña agochado no cadaleito e apunta cara os presentes). Morto! Mortos van estar estes rufiáns que case me fan estoupar o cerebro ouvíndoos.

(Todos dan voltas polo escenario facendo que foxen. O inspector queda no medio da roda e o coronel corre tras deles berrando).

Coronel: Quererme descalzar no cadaleito, vouvos dar eu botas, noxentos, rufiáns, avariciosos, heivos de causar feridas ata nos miolos...!

Inspector: (Intentando deter o coronel)Coronel Le Coste! Coronel Le Coste!.

Coronel: Cale, inspector ou pégolle un tiro a vostede tamén!

PANO.


Esta obra de teatro representarase co gallo do Día das Letras Galegas 2008, no Hospital de San Xosé (Lugo).
Areán, Pilar
Areán, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES