Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'O tecido dos soños', de Teresa Pérez Tilve

lunes, 24 de febrero de 2020
O tecido dos soños de Teresa Pérez Tilve, publicado por Edicións Fervenza.

A autora comezou a súa aventura coa novela en A carón da máquina.

Nela aproxímanos á súa experiencia vital, no seu paso de costureira a docente e acompañando a nai no transcurso dunha doenza dexenerativa.

Colleulle gusto á narrativa e despois desa ópera prima, recunca no campo da novelística con O tecido dos soños. Neste caso, subeun novo banzo, deixa a memoria e diálogo familiar para recoller a lembranza da escola, a profesión escollida, e retrátaa naquel lugar onde o sentimento está máis profundo, na escola unitaria. Porque é alí, na soidade, onde se dá conta do que é, da realidade que a rodea, do que pode facer, do lado no que está. Todos e todas os que nalgunha ocasión reflexionamos sobre o papel da educación caemos na conta desa dura realidade de rapazas e rapaces condenados dende o berce, arrastrando un peso inxusto que os arrastra e non lles vai permitir voar con esas alas que lles presta o ensino público. Esa é a realidade que describe Laura, a dunha escola separada dunha corte de vacas por unhas táboas, sen un baño ou calefacción axeitados, con profesorado que non sempre cumpre nin sequera horario, cun concello que lles deixa un televisor sen antena, cunha inspectora á que lle interesa máis o calzado da mestra que as condicións nas que está o alumnado... E a rapazada (de seis a trece anos) vai entrando na escola, medorentos, faltando cando fan falla na casa para os traballos do agro, coas súas vidas a costas (un que é fillo natural, outra –orfa de nai- que atende a casa e a avoa encamada; os que son coma vellos e traen con eles un mundo propio que non están dispostos a cambiar e... nunca falta o acosador que se vai metendo cos máis débiles).

Podía ser unha novela pedagóxica e ten algo diso: a protagonista remoe as contradicións entre a teoría e a práctica levada a casos tan extremos coma o da coeducación prohibida oficialmente pero obrigada nas escolas unitarias, a descuberta da aprendizaxe significativa cando os saca da aula para ir recoller follas e traballar en equipo, a autoridade que lle outorga a aldea á mestra e o coidado que debe ter co que di ou fai, as pequenas innovacións como a proxección de diapositivas cando non fai demasiado frío pois a instalación eléctrica non aguanta coa estufa e o proxector, a observación dos diferentes grupos de alumnos (os que queren pasar desapercibidos, os prácticos, o que faltan por traballo, os que tropezan co castelán...)

Esa escola remítea ás lembranzas da infancia e á aldea dos avós. Ela desexa transmitirlles, aos pequenos, algunha das experiencias que puxeran luz e ledicia na súa nenez e decide facer o Nacemento que nunca antes tiñan visto na aldea.

A construción e as posteriores visitas de familiares e veciños convérteno nun verdadeiro acontecemento ata o punto de que tempo despois descubrirá o efecto que tivo sobre a vida de “Rosa da ventana” (como llec hamaba a rapazada a aquela muller que só se ve cando asoma a esa fiestra do primeiro piso), ela baixa para ir ver o Belén e aí a vida dá unha viravolta. Hai algo de realismo máxico nesa historia de Rosalía ou na bañeira do cuarto de baño (da casa na que para) chea de centeo, e incluso na historia do “pai pródigo” que se esqueceu da muller e a filla nas américas e agora volve repatriado e eivado sen un can e elas deben facerse cargo del (queiran ou non queiran). Viúvas de vivos que mellor estarían se o foran de mortos. E non sei como definir a esa avoa que vai bicar aos netos no recreo, que non sabe se comeu ou non, que toleou cando o xenro lle matou o home e a filla e que ante a inxustiza da xustiza terá que actuar ela para salvar a neta. A profundidade do escuro de cada casa e as grandes decisións, cando semella non haber saída. Diso tamén vai a novela, da impotencia da mestra para cambiar o futuro do alumnado ou de cada un dos veciños para saír do círculo no que están condenados a dar voltas.

Se tivera que resaltaralgún aspecto, gustaríame sinalar o poder das palabras que pode cambiar o porvir: “Nunca é tarde para comezar a facer algo diferente” dille a mestra a Rosalía e aí comeza o seu espertar. As reminiscencias e misterios que aparecen arredor da palabra “montar”, esa verba que fai estremecer o corpo da nena porque a achega ao animal que pensamos quedara atrás. A situación lingüística que pode verse na substitución da propia “Explicoulle que falar galego non era falar mal (...) O que ocorría era que todo o ensino era obrigatoriamente en castelán e esa era a lingua que tiñan que aprender na escola”. A referencia á guerra, ao lonxe,cando se conta que o avó dunha nena fora sacado da cama polos falanges e non se soubera máis del.

A aldea como territorio da solidariedade pero tamén como o inferno onde te controlan, reprimen e critican. A memoria das mulleres porque é a da mestra, a da nena que exerce de muller, a discriminación que padecen (un dos emigrantes volve para botarlle en cara á muller que tivera un fillo doutro mentres el non se acordara dela pero as mulleres han de facerse cargo dun arruinado que deixou xuventude, saúde e cartos alá nos anos en que o deran por morto) ou o empoderamento da protagonista ante un mozo con ínfulas machistas, pero tamén a conversa de mulleres no lavadoiro e a violencia de xénero presentándose con toda a crueldade do caso. Os fillos de solteira e a emigración como marcas propias da nosa sociedade ás que ela suma a visión mordaz cara a aqueles que non se acordaban do que deixaban aquí.

A visión de nenos/as e mulleres como a materia sensible da sociedade. Os restos do franquismo que permanecen nos nomes (Sección Feminina) e nas prácticas. O afán de superación, o sentido do esforzo que ten a protagonista e pretende transmitirlle ao alumnado animándoos a examinarse para conseguir unha beca. As ensinanzas da vida que fai súas: aceptando o que hai na escola, véndolle o lado bo; adaptándose para non permitir desilusións. O humor que sae por detrás das portas: o pragmatismo de Severino, a caída do piso no medio do dramatismo do velorio e os atrancos co castelán. A lectura como actividade que a une á cultura universal, as referencias a Orgullo e prexuízo ou Persuasión de Jane Austen… Ela, a mestra, descobre a mesma prepotencia masculina no personaxe de Austen nunha novela do XIX que no mozo que coñece en Mondariz e que resume en “Eu, home, sei moi ben o que quero e tamén sei o que máis che convén a ti, muller. Teño todo o que che fai falta para ser feliz e fágoche un favor ao pedirche que sexas a miña muller”.

Cando remata o curso, Laura dáse un respiro cunha viaxe a Canarias no buque Santa María. Aproveita a autora para lembrar a historia dese barco na Operación Dulcinea no 61 cando un portugués e dous españois revolucionarios tiveron a romántica idea de secuestralo para iniciar un levantamento contras as ditaduras de Franco e Salazar. Nese barco que semella un cruceiro ata que en Lisboa soben os emigrantes e a realidade, de novo, se impón a calquera outro soño.

Ese diálogo entre o mundo dos soños e o real é algo que permanece no interior da escritora, neste caso a realidade lástraa coa desvantaxe social deses que han de buscar o futuro fóra da casa, ese é o pouso desta novela. A anterior, A carón da máquina, remataba coa esperanza no futuro que lograra: “Finalmente conseguira mesturar o mundo dos meus soños de nena co meu mundo real”
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES